Dous anos de pandemia

Persoal dun centro hospitalario galego no outono de 2020 CC-BY-SA Xunta

De non existir o actual conflito bélico provocado pola intervención militar do goberno de Putin en Ucraína, estariamos aproveitando este aniversario para afondar nos debates sobre unha das maiores catástrofes sanitarias padecidas pola humanidade no último século

Hai dous anos declarábase oficialmente a existencia dunha pandemia provocada pola COVID19. De non existir o actual conflito bélico provocado pola intervención militar do goberno de Putin en Ucraína, estariamos aproveitando este aniversario para afondar nos debates sobre unha das maiores catástrofes sanitarias padecidas pola humanidade no último século. A necesidade de sistematizar un balance do sucedido dende o mes de marzo de 2020 resulta indiscutíbel no caso de existir a vontade de incorporar as ensinanzas que se derivan desta traxedia.

Esas análises pendentes poderían desagregarse en diversos capítulos. Un deles tería que ver coa resposta dada polas institucións e os sistemas sanitarios á propia pandemia. Neste caso, convén distinguir tres planos: o papel xogado pola OMS, a actuación seguida polas autoridades da UE e as capacidades e deficiencias demostradas polos servizos públicos de saúde no Estado español.

A OMS aínda non realizou unha revisión a fondo das luces e das sombras constatadas no seu labor nestes dous anos. Hai varias interrogantes que se acumulan nos despachos dos seus dirixentes: funcionou acaídamente o sistema de alertas para detectar con mais antelación a envergadura da pandemia? Dispón a organización dos recursos humanos e materiais necesarios para enfrontar crises desta natureza? Por que non foi capaz de asegurar un nivel de vacinación maior do rexistrado nos países do mundo cunhas infraestruturas sanitarias mais deficientes? Resulta aceptábel a relación establecida coa industria farmacéutica para minorar o poder que posúen á hora de subministrar os fármacos dispoñíbeis?

A necesidade de sistematizar un balance do sucedido dende o mes de marzo de 2020 resulta indiscutíbel no caso de existir a vontade de incorporar as ensinanzas que se derivan desta traxedia

No ámbito da UE existía unha eiva estrutural previa que dificultaba a calidade da súa resposta: a carencia dunha área sanitaria específica no seu organigrama executivo. Tal situación explica as demoras e as dúbidas rexistradas no momento de fixar unha desexábel actuación conxunta na adquisición de materiais para combater os primeiros impactos da pandemia. Semellante déficit foi corrixido co posterior establecemento dunha estratexia unificada para abordar a vacinación da poboación dos Estados membros.

Unha enfermeira lava as mans nun centro hospitalario CC-BY-NC-ND Ariadna Creus e Àngel García (Banc d’Imatges Infermeres)

Os dispositivos sanitarios estatais e galegos foron sometidos a un notorio test de estrés que permitiu comprobar as importantes debilidades que padecían, algunhas xa denunciadas anteriormente e outras descoñecidas ate ese momento. De xeito singular, o estado precario no que se atopaba a Atención Primaria agudizou o estrangulamento dos circuitos ordinarios de tratamento das doenzas e colocou aos gobernos responsábeis ante a esixencia dun medre significativo do gasto sanitario.

Os dispositivos sanitarios estatais e galegos foron sometidos a un notorio test de estrés que permitiu comprobar as importantes debilidades que padecían, algunhas xa denunciadas anteriormente e outras descoñecidas ate ese momento

Os graves efectos destrutivos da COVID no funcionamento das economías suscitou extraordinarias preocupacións naquelas partes do tecido social mais vulnerábeis ante unha crise coma esa. Os precedentes do que se tiña vivido a partir do ano 2008, co estoupido da burbulla inmobiliaria e financeira, incrementaban os niveis de desacougo. Aínda seguía presente, na memoria colectiva, aquel diagnóstico formulado nos círculos hexemónicos da economía e da política (a tese de que “viviramos por riba das nosas posibilidades”) que serviu para xustificar as maximalistas medidas de austeridade que provocaron cifras descoñecidas de desemprego e pobreza nas sociedades occidentais, sobre todo naquelas que xa posuían niveis de desigualdade superiores aos parámetros medios da UE. Nesta ocasión, as medidas adoptadas polo goberno español e o distanciamento dos órganos de Bruxelas a respecto das lóxicas aplicadas dez anos antes, permitiron neutralizar os aspectos mais lesivos da desfeita asociada esta crise sanitaria.

No canto de buscar elementos comúns de resposta a unha traxedia imprevista, PP e VOX optaron pola tensión permanente mediante as tácticas que xa practicara Trump nos USA e que foran transplantadas a outros países europeos

Durante os primeiros meses da pandemia formuláronse algunhas análises que prognosticaban cambios no comportamento social nun sentido mais favorábel ao avance dos valores da xustiza e da solidariedade na relación entre as persoas e os países. Resumíase nunha frase –“desta crise sairemos mellores”- que expresaba, sen dúbida, un desexo para o futuro pero que non tiña a suficiente consistencia no territorio das predicións debidamente contrastadas. O sucedido cunha parte relevante da elite política española na primavera e no verán do ano 2020 foi moi significativo: no canto de buscar elementos comúns de resposta a unha traxedia imprevista, PP e VOX optaron pola tensión permanente mediante as tácticas que xa practicara Trump nos USA e que foran transplantadas a outros países europeos. Vista a experiencia vivida, non se pode afirmar que a pandemia teña sido unha oportunidade aproveitada para revisar os mecanismos que posibilitan o mantemento das desigualdades asociadas á vixente orde mundial.

A intervención militar de Rusia no territorio ucraíno aprazou a necesaria recapitulación sobre unha crise sanitaria que está parcialmente controlada pero que aínda pode provocar novos episodios graves. E, ademais, o que está pasando no leste de Europa modifica notabelmente o taboleiro das relacións internacionais e pode ter consecuencias de dimensións descoñecidas para as condicións nas que viven moitos millóns de persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.