Dous séculos de francmasonería en Galicia (1814-2014)

Na cidade da Coruña, en maio de 1814, a primeira loxa masónica da historia de Galicia, a Logia Constitucional de la Reunión Española, solicitará a súa regularización ao Gran Oriente de Francia. Esta loxa acollía o máis granado do liberalismo coruñés, e a militares progresistas. O seu Venerable Mestre, o naturalista Pedro Alejandro Auber (pai da escritora Virginia Felicia Auber), sería co tempo director do Xardín Botánico da Habana.

Na cidade da Coruña, en maio de 1814, a primeira loxa masónica da historia de Galicia, a Logia Constitucional de la Reunión Española, solicitará a súa regularización ao Gran Oriente de Francia

Dous séculos despois, coincidindo, casualmente, con esta efeméride, a obediencia masónica maioritaria de España, a Gran Loxa de España, coa presenza do seu Gran Mestre, Óscar de Alfonso Ortega, celebrou en Santiago de Compostela a Festa da Orde, que rota anualmente por diferentes cidades españolas. Mesas redondas, conferencias ou visitas ao patrimonio monumental configuraron un programa no que participaron persoas procedentes de toda a xeografìa española.

Mais…, que é a francmasonería? Unha sintética e axustada definición dinos que se caracteriza por ser unha institución universal, filosófica, filantrópica e progresiva que tenta inculcar aos seus membros o amor á verdade, o estudo da moral universal, da ciencia e ás artes. Tende a extinguir os odios de raza, de nacionalidade, de opinións, de crenzas e de intereses, procurando establecer nos seres humanos lazos de solidariedade e tolerancia. Son estes valores os que, dende a súa fundación hai dous séculos, a francmasonería galega tentou proxectar na nosa terra, na medida das súas posibilidades, os valores e ideais da Fraternidade, antes citados, en ámbitos políticos, sociais, culturais e educativos.

A Gran Loxa de España, coa presenza do seu Gran Mestre, Óscar de Alfonso Ortega, celebrou en Santiago de Compostela a Festa da Orde, que rota anualmente por diferentes cidades españolas

Os asuntos educativos interesaron moito a Antonio Romero Ortiz, ministro de Graza e Xustiza (impulsando medidas laicistas) e de Ultramar, membro da Real Academia da Historia, presidente da Asociación de Escritores e Artistas Españois; a Manuel Becerra Bermúdez, ministro de Ultramar, que promoveu iniciativas parlamentarias para unha ensinanza obrigatoria e gratuíta, e para ambos sexos; a Augusto Milón, secretario da Universidade de Santiago e director de El Magisterio Gallego (Santiago) ou a Manuel López Navalón, director do Colexio Rexional de Xordomudos e Cegos de Santiago, un referente en Europa, e que editou en Santiago a primeira edición en castelán dunha novela do seu probable amigo Jules Verne, El soberbio Orinoco.

Tamén moitos masóns galegos vencelláronse coa Institución Libre de Ensinanza

Tamén moitos masóns galegos vencelláronse coa Institución Libre de Ensinanza: serían os casos de Eduardo Vincenti Reguera, Director Xeral de Instrución Pública, director do Boletín de la Liga Protectora de la Educación Nacional, impulsor de varios Congresos pedagóxicos y autor de Política Pedagógica; Maximino Teijeiro Fernández, catedrático de Medicina e reitor da Universidade de Santiago, presidente da Sociedade Económica de Amigos do País desa cidade; Segundo Moreno Barcia, catedrático e director da Escola de Comercio da Coruña; o filósofo krausista Juan Sieiro González, catedrático e director do Instituto de Ourense, socio fundador da Academia de Xurisprudencia desa ciudad e autor de varios libros, Telesforo Ojea Somoza, ou o que foi durante un tiempo decano dos masóns españois, Juan Montero Telinge, alcalde da Coruña, un dos líderes galegos da Revolución de 1868, deputado, senador, accionista da ILE.

Se descendemos ao ámbito local, encontrámonos coas Escolas Laicas. En 1870 presentaba en Ferrol os seus estatutos a Asociación Filial de Libres Pensadores, que funcionou ata 1887. En 1888, promovida pola Sociedade de Librepensadores Martín Lutero, fúndase a primeira Escola Laica de Galicia, na que é figura destacada Pedro Maristany Maristany, que presidirá un Congreso Pedagóxico en 1904, ou Lino Yrigoyen Uriarte, presidente desa Sociedade. En 1890 sae da imprenta La Verdad, periódico librepensador. E queda o caso da Escola Racionalista de Ferrol, que dirixía o anarquista Francisco Iturralde: o título necesario para poder abrir legalmente o centro púxoo Matías Usero Rey-Torrente, ex sacerdote capuchino secularizado, asasinado en 1936, escritor e duro polemista contra o autor antimasónico Padre Tusquets. Tamén foi mestre desta escola Alonso Alonso Alonso.

Na cidade da Coruña fúndase en 1882 o Centro Democrático, auspiciado polos demócratas progresistas (varios deles masóns): entre os seus obxetivos estaba o establecemento de escolas de ensino laico. Pero o primeiro centro destas características abrirá as súas portas en xuño de 1889, dependendo da Asociación Benéfica Miguel Servet, vencellada á loxa Progreso nº 39. Uns anos máis tarde, en 1897, fúndase a Escola Laica sostida pola Antorcha Galaica do Libre Pensamento, coa que colabora Moreno Barcia, sendo un dos seus profesores o escritor e xornalista Carlos Pol Caamaño. Exemplo de libre pensador ata a súa derradeira hora foi Federico Tapia Segade, alcalde da Coruña, activo revolucionario en 1868, asinante do Pacto Republicano Galaico-Astur, que se negou a recibir curas nin auxilio da Igrexa no seu leito de morte, sendo o seu enterro civil multitudinario. Hai masóns tamén colaborando coa Universidade Popular. E xa na IIª República, en 1931, nace a Asociación Rexional de Pais de Familia para a defensa do Laicismo no Ensino, con varios directivos masóns: Alfredo Somoza Gutiérrez, deputado a Cortes por Esquerda Republicana, Fernando Osorio do Campo, Arturo Taracido Veira e Nicolás Míguez y Míguez.

En Ourense, Juan Manuel Amor Pereira, revolucionario de 1868, director da Biblioteca Pública de Ourense, cofundará, coa Sociedade de Librepensadores de Ourense, a Escola Laica Neutral, sendo o seu primeiro director. Na IIª República esta Escola estaba financiada e rexida, en boa medida, pola loxa Constancia nº 13.

Na IIª República, en 1931, nace a Asociación Rexional de Pais de Familia para a defensa do Laicismo no Ensino, con varios directivos masóns

Na cidade de Pontevedra funciona xa en 1899 a Escola Moderna, sendo un dos seus mestres o futuro deputado, embaixador e presidente do Centro Galego de Barcelona José Juncal Verdulla. En 1903 aparece unha Escola Laica dirixida polo médico, quizais francmasón, Celestino Poza Cobas, financiada polo Partido Republicano. A finais dos anos 20 estableceuse a Escola Nova, que dirixía Hernán Poza Juncal, en cuxa familia había destacados masóns. En Vigo, cos precedentes dun círculo libre pensador en 1885, fundarase a finais de 1891 a Sociedade de Libre pensadores Miguel Servet, que probablemente apoiou o funcionamento da Escola Laica, rexida polo xornalista Ricardo Miser y Viriato. No Rosal existiu a Sociedade de Libre Pensadores da Guarda e do Rosal, impulsada polo médico Gabriel Serafín Salgado de Guevara.

Destacarán tamén as figuras de varios inspectores de 1º Ensinanza, entre elas a de Manuel Díaz Rozas, inspector xefe da provincia da Coruña, na que puxo en marcha, en 1932, as Misións Pedagóxicas, foi fundador da Sociedade Paidolóxica Galega e da Sociedade Vangarda Pedagóxica, director da Sección de Pedagoxía do Seminario de Estudos Galegos, entidade á que estiveron vencellados outros francmasóns.

No ámbito cultural, a institución máis representativa historicamente da cultura galega, a Real Academia Galega, nace en boa medida grazas á iniciativa das figuras do gran poeta cívico de Galicia, Manuel Curros Enríquez e de José Fontenla Leal, que promoven en Cuba, en 1905, a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega; Fontenla Leal foi o gran impulsor do Himno Galego. Da Comisión preparatoria da Academia (será tamén proposto como académico de número) formará parte o filósofo Víctor Said Armesto, -membro igualmente do pioneiro coro Aires da Terra-. Entre os fundadores encontramos figuras como o historiador Arturo Vázquez Núñez, o escritor e editor Eugenio Carré Aldao, primeiro secretario da institución, ou o escritor Manuel Lugrís Freire, presidente en 1934. En Arxentina, foron académicos correspondentes o xornalista Manuel Castro López, o polígrafo BenignoTeijeiro Martínez e Martín Echegaray Olañeta. En Murcia, o militar e editor ferrolano Nicolás Fort Roldán.

No ámbito da Literatura, a Historia, a edición ou a ciencia, chegaría, ademais de algúns xa mencionados, citarmos nomes como os do médico Manuel Leiras Pulpeiro, Emilio González López, Jesús San Luis Romero, Benito Losada Astray, Ánxel Casal Gosenje, Indalecio Armesto Cobián ou Arturo Cuadrado Moure; Braulio Félix Reino y Gómez, médico, catedrático da Universidade de Santiago, escritor de temas médicos; José Sánchez Villamarín, enxeñeiro, escritor, alcalde de Teo e de Santiago, vicepresidente da Sociedade Económica de Amigos do País, promotor do Centro de Iniciativas para a Nova Organización de Galicia; e o médico-farmacéutico Cesáreo Rivera Abraldes, alcalde de Ribadavia, asinante del Pacto Republicano Galaico-Astur, deputado e coautor dunha das primeiras Guías de Galicia (1883).

No campo das Belas Artes, destacan Luís Seoane López, pintor, escritor, editor, un dos nomes fundamentais da cultura galega do século XX; o escenógrafo e artista gráfico Camilo Díaz Valiño, o pintor Pedro Vanderlacken, o pintor Silvio Fernández Rodríguez, José Moreno Moreno, director da Escola de Belas Artes da Coruña, e varios fotógrafos: Enrique Luard Falconier, autor do primeiro daguerrotipo na historia da fotografía en Galicia, en 1843; Ernesto Carrero Goyanes, que impulsará as primeiras proxeccións cinematográficas en Santiago en 1900, e Enrique Ferreiro Vello, probable autor dunha fotografía trucada de Pío IX vestido con atributos masónicos, moi celebrada en medios libre pensadores. Aínda que non era galego, na Coruña iniciou e desenvolveu a súa carreira masónica o célebre urbanista Arturo Soria.

No ámbito da prensa, xa nos albores do século XIX encontrámonos coa figura do impresor e editor Sebastián de Iguereta, liberal comprometido, perseguido, procesado, membro da Sociedade Patriótica da Coruña. A masonería galaica tamén se dotará de órganos propios, como o Boletín de la Gran Logia Regional Galaica e, en Ferrol, de Voltaire, órgano da loxa Francisco Arouet de Voltaire nº 118, Paz y Concordia e El 11 de Febrero, probablemente inspirado por Unión Masónica nº 26.

Masóns galegos fundan, dirixen e escriben, fundamentalmente, en xornais ou revistas de diversas orientacións republicanas e, en todo caso, liberais

Respecto á colaboración na prensa, masóns galegos fundan, dirixen e escriben, fundamentalmente, en xornais ou revistas de diversas orientacións republicanas e, en todo caso, liberais: nomes como La República, La Democracia ou La Libertad, así como La Voz de Galicia, El Noroeste, El Pueblo Gallego ou El Correo Gallego. Por mencionar algúns, destacaremos a Antonio Prieto Puga, Marcelino Dafonte, José Lombardero Franco, Francisco Suárez García, César Alvajar Diéguez, Laureano Santiso Girón, Santiago de la Iglesia Santos ou Luis A. Mestre Hernández…

Os masóns socialistas impulsan o nacimento de El Obrero, La Voz del Obrero e El Bien del Obrero (os tres en Ferrol): son figuras como Francisco Fernández García, fundador da primeira agrupación socialista creada en Galicia, en Ferrol, Antonio Bello Paz ou Marcial J. Fernández. Na cidade da Coruña, Domingo Quiroga.

Son tamén abondosas as colaboracións na prensa cultural, mesmo nacionalista ou galeguista, tanto en Galicia como en América (Cuba, Arxentina, Uruguai...), ou en revistas de carácter satírico, nas que se criticaban os vicios da sociedade. Algúns participan na fundación das Asociacións da Prensa da Coruña e Vigo.

No campo da política, están presentes en movementos de carácter liberal e republicano dende os albores do XIX

No campo da política, están presentes en movementos de carácter liberal e republicano dende os albores do XIX: o levantamento de Porlier (1815), o de Riego (1820), a Revolución galega de 1846, a de 1854, na Gloriosa (1868), na Iª República (1873), na IIª República…, así como en Solidariedade Galega, as Irmandades da Fala, o PSOE e o Partido Galeguista. É interesante destacar a relevancia de Manuel Portela Valladares, de ideoloxía liberal, editor e propietario de El Pueblo Gallego, deputado, gobernador civil de Barcelona, ministro, fiscal do Tribunal Supremo, gobernador xeral de Cataluña e Presidente do Gobierno na IIª República, morto no exilio francés; e Santiago Casares Quiroga, avogado, director de periódicos, deputado, ministro de Mariña, de Gobernación, de Obras Públicas e de Guerra e Presidente do Goberno na IIª República, tamén morto no exilio en Francia.

Non faltaron tampouco os militares progresistas. Galegos de nación foron o mariscal de campo Antonio Quiroga y Hermida, que acompaña a Rafael del Riego en Cabezas de San Juan (1820); o xeneral Manuel Villacampa del Castillo, que participa na Revolución de 1868 e promove a sublevación republicana de 1886 organizada por Manuel Ruiz Zorrilla: condenado a morte, falece confinado en Melilla; o xeneral e político José Ramón Rodil y Campillo, ou Isidro Villarino del Villar, militar e xornalista que encabezou a asonada republicana de Navalmoral de la Mata de 1878.

É interesante destacar a relevancia de Manuel Portela Valladares, de ideoloxía liberal, editor e propietario de El Pueblo Gallego, deputado e Presidente do Gobierno na IIª República

Aínda que non eran galegos de nacemento, Galicia formou parte destacada da súa traxectoria: son casos como o de Luis Lacy y Gautier, Capitán Xeneral de Galicia, fusilado en Belver (Mallorca) en 1817; ou Juan Díaz Porlier, mariscal de campo, que se subleva na Coruña en 1815, apoiado por moitos masóns e liberais coruñeses: traizoado por membros da súa garda, será aforcado na cidade en outubro dese ano.

No que respecta ao asociacionismo socio-cultural, en diversas cidades galegas deixaron os masóns a súa pegada. Na Coruña, na Tertulia do Café A Esperanza, na Reunión de Artesáns, Liceo Brigantino, Cociña Económica, Casino Republicano, Antorcha Galaica do Libre pensamento, Agrupación á Terceira República, Rotary Club, Xunta para a Propulsión e Progreso da Coruña…; en Pontevedra, no Grupo Teosófico Marco Aurelio, no Casino, no Recreo de Artesáns, no Centro Republicano; en Santiago, na Sociedade Económica de Amigos do País, no Centro Republicano e na Asociación de Escritores de Galicia; en Ferrol, no Ateneo Artístico, Científico e Literario, Centro Obreiro de Cultura e Beneficencia, Sociedade Coral Lírico-Dramática A Perla, Airiños da Miña Terra, Liga Antiduelista; en Lugo, no Comité de Cooperación Intelectual; en Betanzos, no Ateneo Obreiro, Centro Republicano Federal e Orfeón Eslava; en Sada, no Ateneo Cultural; en Culleredo, na Sociedade “Pro-Cultura” de Celas; en Vigo, no Centro Republicano; en Ourense, no Ateneo…

Algunhas mulleres, como Hildegart Rodríguez (en Madrid) ou as emblemáticas Concepción Arenal ou Xoana de Vega, se non foron masonas, movéronse sempre neses círculos

E no que respecta á Liga Española dos Dereitos do Home, na época da IIª República, será vogal na Xunta Reorganizadora, a nivel español, Gerardo Abad Conde, alcalde da Coruña, Presidente do Consello de Estado e ministro de Mariña, asasinado no cárcere de Porlier. E nos tres Comités provinciais fundados en Galicia hai maioría de masóns nas Directivas: en Ourense, da loxa Constancia nº 13; en Pontevedra, de Vicus nº 8, e na Coruña, de Pensamiento y Acción nº 11 da Coruña e un de Libredón nº 6 de Santiago.

Quedaríanos revisar o labor dos masóns galegos en América, ou o papel xogado por algunhas mulleres, como Hildegart Rodríguez (en Madrid) ou as emblemáticas Concepción Arenal ou Xoana de Vega, que, se non foron masonas, movéronse sempre neses círculos: disto trataremos noutra ocasión. E quedaríanos tamén analizar os tempos democráticos contemporáneos, pero esta é unha historia que aínda se está a escribir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.