28/11/2026. Parada de bus urbano. 20:58 h.
—Jo, tío... Hoxe non vexo a ninguén sorrir pola rúa. Está todo o mundo triste.
—Xa...
—E os políticos facendo teatro coma sempre.
—Xa...
—Teño unha amiga que é médica e estivo no accidente recollendo os cadáveres...
—Xa, xa...
En canto puiden subín ao autobús e escapei daquela trampa dialéctica na que parecía querer involucrarme aquel rapaz con acento estraño.
Ante situacións como a do recente accidente ferroviario en Urda, a reacción xeneralizada de moitas persoas e, polo tanto, o tema central de conversa é manifestar que se senten consternadas e moi afectadas, aínda que vivan a centos de quilómetros da traxedia e non teñan ningunha relación directa co ocorrido. É normal que en canto un se decata dese tipo de desastres a primeira sensación que nos invada sexa de tristeza e pesadume; porén, xeralmente négome a adherirme a ese tipo de conversas que dominan a opinión pública, polo menos ata que outra desgraza ou escándalo as despraza do epicentro informativo. Discrepo totalmente, xa que creo que as únicas persoas que poden sentirse realmente consternadas son, en primeiro lugar, os familiares e persoas achegadas ás vítimas e, en segundo lugar, aqueles que dunha forma máis ou menos directa estean involucrados nas tarefas de rescate ou sexan dalgún xeito responsables de que ese tipo de catástrofes ocorran. Todo o demais, a hipersaturación informativa, é unha burda feira mediática que se repite diariamente con calquera suceso susceptible de lle sacar rendemento, xa sexa político ou meramente económico, desde que a información deixou de ser un dereito para se converter en mera mercadoría.
No mundo actual, coa multiplicación indiscriminada e interesada dos medios de comunicación, o negocio da información é cada vez maior e permite que se aproveite case calquera cousa para convertela en noticia monetizable. Ese tipo de comportamento sensacionalista e irresponsable, ademais de insuflar medo e desazón na poboación, afástanos de traxedias máis próximas sobre as que probablemente temos maior capacidade de acción e decisión, pero que non gozan da difusión dos acontecementos máis «espectaculares». Podo pensar por un instante no sufrimento das familias que perden un ser querido nun accidente ferroviario e solidarizarme con elas e coa súa tristeza, pero a 100 metros da miña casa tamén podo ver un señor de 70 anos intentando erguerse e taparse cos restos dun par de paraugas esnaquizados baixo a choiva torrencial despois de pasar a noite durmindo nun soportal. Serei máis útil falando do mal que o fixo o goberno e da pena e a dor que produce unha traxedia ferroviaria que, afortunadamente, non me afecta no persoal, ou intentando paliar na medida do posible a tristeza e a dureza das condicións de vida de alguén a quen vexo sufrir todos os días a poucos metros da miña casa?
A sociedade acaba atrapada nunha espiral que a converte en mera espectadora do seu propio declive. Atordados polo medo e a indignación que fabrican as noticias de impacto, funcionamos como consumidores pasivos de actualidade: agardamos con morbo a que unha nova catástrofe ou o seguinte escándalo de corrupción sepulten o anterior, mentres a emerxencia social —a que ocorre na nosa mesma rúa— segue cronificándose diante da nosa indiferenza
A hecatombe ferroviaria está por uns días en todas as cadeas de televisión, radios e redes sociais, e mesmo se quero acceder ao último vídeo sobre o ocorrido terei que tragar un ou dous anuncios de cousas que non me interesan e nunca mercarei. O frío, a choiva, as circunstancias persoais do veciño indixente non serán trending topic nin xerarán tráfico rendible na internet nin ocuparán portadas e horas de programación mediática, e no entanto están diante dos meus fociños todos os días antes, durante e despois de que ocorra a catástrofe mediática de quenda.
Un accidente ferroviario ou unha catástrofe natural mal xestionada teñen responsables con nomes e apelidos, desde o despacho ministerial ata o erro técnico ou humano; a pobreza, a desigualdade e o senfogarismo, en cambio, son un fracaso colectivo do que ninguén queda exento.
Non obstante, a atención pública funciona de xeito inversamente proporcional á magnitude e ao alcance real do drama. Mentres que as catástrofes sobrevidas monopolizan as portadas, os faladoiros televisivos e as redes sociais cun bombardeo constante de datos —a miúdo sesgados ou directamente falsos— e convértense en munición política para desgastar o adversario, a pobreza e o senfogarismo rara vez ocupan a primeira liña. Non son trending topic nin serven como arma arreboladiza no debate parlamentario, malia constituíren unha emerxencia silenciosa que afecta un número infinitamente maior de persoas.
Deste xeito, a sociedade acaba atrapada nunha espiral que a converte en mera espectadora do seu propio declive. Atordados polo medo e a indignación que fabrican as noticias de impacto, funcionamos como consumidores pasivos de actualidade: agardamos con morbo a que unha nova catástrofe ou o seguinte escándalo de corrupción sepulten o anterior, mentres a emerxencia social —a que ocorre na nosa mesma rúa— segue cronificándose diante da nosa indiferenza.