Desde finais dos anos noventa, a Xunta de Galicia foi quen de instrumentar unha acción exterior a cada paso mais xenuína impartindo certo maxisterio ata respecto a outras comunidades máis avanzadas noutros terreos.
O núcleo inspirador desa proposta, articulada en boa medida en base á colaboración público-privada, era unha concepción da lealdade institucional que apostaba por desenvolver unha acción exterior propia que, á súa vez, enriquecera a política exterior do Estado con iniciativas singulares que fuxían da confrontación pero poñían en valor as capacidades endóxenas para dinamizalas con certa ambición.
Desde aquí, un podía desenvolver accións, mais ou menos tímidas ou atrevidas en función do caso, instrumentando unha política atlántica ou de cara á lusofonía, ata suxerir a formación na Escola Diplomática dos responsables da acción exterior das comunidades autónomas ou tratando de convencer ao Estado da importancia de instrumentar mecanismos de coordinación e asunción compartida de obxectivos. Porque nos tempos que vivimos, o liderado non se impón cortando as alas a ninguén senón canalizando as enerxías de todos e establecendo metas singulares e comúns.
Dende 2009 en diante, coincidindo co fin dunha etapa onde os sucesivos gobernos, non sempre da mesma cor política, transitaron a mesma senda, outra idea de lealdade foise impoñendo. Segundo esta, cómpre simplemente achantar e deixarse de enredos e lideiras, desandar e aplicar o que toca a toque de corneta sen rosmar. Co argumento da crise dáse o visto e prace a matizadas accións de internacionalización que descapitalizan as capacidades públicas acumuladas neste eido e embrídase todo o demais equiparando toda sorte de acción institucional a desbalde e/ou animosidade contra o Estado. Substitúese a vontade de coordinación pola imposición de directrices que apuntan a unha recentralización á alza que se estende a outros dominios.
E nesas estamos. É indiferente contar con mellores ou peores documentos que recollan unhas ou outras estratexias de acción exterior con maior ou menor acerto. Sabemos para o que darán de si. De establecer aquel certo maxisterio sen por iso deixar de ter os pes na terra e desenvolver liñas de acción proactivas, pasamos agora a presumir de ser os alumnos mais aplicados sen mais ambición que obter a palmadiña de Madrid. Confundimos, interesadamente, a lealdade coa submisión activa e acrítica e abonámonos no estado a unha diplomacia decimonónica. E, por riba, vendémolo como sentidiño fronte a aqueles outros que si miran polo seu con rigor e non por iso con necesaria intención, directa ou oblicua, de confrontación.
O que son as cousas: pasado un tempo, aquel Fraga que empezou dicindo que íamos “perder de novo coma no 36”, chegou a ser un presidente de Galicia con habilidade para tender pontes. Con esa perspectiva, o actual, non dá pasado de virrei.
Publicidade