En preguntar lo que sabes,
el tiempo no has de perder.
Y preguntas sin respuesta,
¿quién las puede responder?
Antonio Machado.
Onte, no Senado, asistimos ao triste espectáculo de como se pode envilecer a palabra.
Perderlle o respecto á palabra, en calquera sitio, pero sobre todo no lugar pensado para parlamentar, non é máis ca unha canallada.
Eu sempre sentín vergonza allea cando me tocou presenciar a falta de respecto á palabra e sinto auténtico noxo de min mesmo cando son eu quen lle falta.
(Do meu caderno de notas. Nunca poño a data.)
Por que temos que soportar a indignidade dos nosos políticos? A miseria moral exposta perante todos nós sen ningún pudor? Haberá que repensar se a lexitimación por medio do voto é suficiente?
Eu non son xurista, nin estudoso do Dereito, nin, por suposto, constitucionalista. Lin, non obstante, unhas cantas monografías sobre a soberanía popular e que pasaba con ela unha vez que o pobo a delegaba mediante o voto. Se non entendín mal o que lin, todos os autores consultados, todos eles catedráticos de Dereito Constitucional en diversas universidades, todos menos un acababan chegando á tese de que a soberanía popular, incluída a soberanía constituínte, permanece vixente durante o tempo que transcorra ata que volva ser requirida en novas eleccións. Creo que non erro se afirmo que esta é síntese das miñas lecturas, aínda que non teña ningún reparo en recoñecer que, como lego nestas materias, poda estar equivocado.
O que non me quedou claro despois de tanta monografía é a forma na que se pode activar a soberanía popular entre unhas eleccións e outras.
Resulta evidente que o pobo soberano dispón de moi diversas formas para exercer a súa soberanía.
Manifestacións, folgas, manifestos asinados por centos ou milleiros de firmas... Organización cidadáns representativas de múltiplos colectivos... E, por suposto, a iniciativa lexislativa popular mediante un determinado número de sinaturas que avalen un proxecto lexislativo.
Pero isto pode verse reprimido en parte polo poder coercitivo do estado, activado polos mesmos nos que se delegou a soberanía.
Unha contradición, un paradoxo irresoluble?
Teremos que soportar, inevitablemente, a un político subido na súa tribuna que nos minte descaradamente a pesar de que as súas mentiras fosen xa desenmascaradas, incluso en sede xudicial?
Xa non vou referirme ao nivel tabernario que utilizan algúns e que tanto lles dá como tanto lles ten que todo o que cuspan polas súas bocas pezoñosas sexan mentiras contrastadas?
Onde queda a soberanía popular se temos que soportar cousas como esas?
Como o pobo soberano pode dixerir que un individuo con cargo relevante poña en solfa nada menos que unha das máis importantes institucións do estado, recoñecendo ante o mesmo Tribunal Supremo que mentiu, que inventou as supostas probas incriminatorias? Temos que permanecer impasibles diante de semellante vileza?
Para empezar, penso que neste malfadado país existen demasiadas eleccións de segundo grao, o que propicia mercado de cargos. (É que dicir do incrible número de aforados?) Unha alcaldía a cambio dunha deputación. Vimos con auténtico estupor, por exemplo, o nomeamento dun alcalde que soamente acadou un escano nas eleccións, apoiado por unha ou máis forzas políticas concorrentes. Non supón isto unha burla ou un desprezo á soberanía popular? Non significa un acto coma este unha deturpación definitiva da soberanía delegada nun parlamento ou nun concello?
Non se me escapa que estamos nunha democracia parlamentaria e que, polo tanto, as eleccións de segundo grao resultan totalmente lexítimas. Pero, para min, encontrámonos diante dun novo paradoxo. A lexitimidade que dan os votos pode resultar absolutamente adulterada con acordos simplemente inadmisibles.
Estou convencido: temos que repensar, cando non refundar a democracia. Todas as democracias tradicionais están en crise agora mesmo. Todas. Unhas máis que outras, pero todas están en crise.
Algo haberá que facer para devolverlles a súa nobreza, a súa consagración como o menos malo das posibles formas de organización das sociedades.
Ao pobo soberano é a quen lle corresponde facelo. Como?
No estado español aquela puta frase de que todo queda atado e ben atado resoa constantemente.
Na gloriosa Transición, elaborouse unha constitución que, á parte de conter artigos claramente inconstitucionais, como é a prevalencia do varón sobre a muller na sucesión na xefatura do estado, resulta practicamente inamovible.
As condicións para reformala, en todo ou en parte, presentan semellantes dificultades que o fai sinxelamente imposible. A nosa é unha constitución das máis ríxidas do eido democrático ao que pertencemos, e, despois duns cincuenta anos, é a que menos emendas ten.
Non creo necesario lembrar como chegou a nós a democracia. Vén sendo o máis parecido a unha democracia outorgada.
Aquí, en Galicia, conmemoramos ano tras ano o 25 de Abril, a famosa Revolución dos cravos, como se fose nosa. Mais non o é. Despois de case noventa anos, continuamos sendo o país con maior número de desaparecidos forzados detrás de Camboia.
As fosas do franquismo están ai, fronte a ignorancia alienada duns ou o silencio cómplice de outros. Tamén por mor do medo.
Aproveito para recomendar o especial As fosas do franquismo, de Xabier Fortes, en RTVEplay.
(Ás veces, cando fago reflexións deste tipo, asáltame a dúbida de se podo ser malinterpretado, que alguén poida chegar a pensar que estou en contra do sufraxio universal ou cousas así. Quen desexe coñecer o meu pensamento a este respecto, pode consultar neste mesmo medio, o meu escrito De principios e de honras, publicado o 29 de agosto de 2012. Acabo de relelo esta mañá e non lle cambiaría nin unha coma).
Observaredes que neste escrito non dou ningún nome. Primeiro porque creo que non é necesario facelo: polas súas obras os coñeceredes; e segundo, porque no quero citar polo seu nome a quen, simplemente, me provoca noxo nomear.