Durmir co inimigo

Campaña de Podemos para as elección europeas, con "vota feminismo" como un dos lemas © Podemos Calzada de Calatrava

Hai temas dos que dá medo falar. No debate arredor do feminismo hai asuntos serios que non semella posible abordar sen arriscarse a recibir por resposta a cancelación, a censura pública, a acusación de odiar. Porén (non foi sen tempo), decidín ousar e expoñerme a un potencial ostracismo

Hai temas dos que dá medo falar. No debate arredor do feminismo hai asuntos serios que non semella posible abordar sen arriscarse a recibir por resposta a cancelación, a censura pública, a acusación de odiar. Porén (non foi sen tempo), decidín ousar e expoñerme a un potencial ostracismo. Porque, logo de matinar ata que me ferveron as neuronas, fun quen de comprender que se son acusada de odiar obedecerá a unha mala lectura da que non me podo facer responsable. E tamén porque unha, logo de media vida de remar contra da corrente, afíxose á etiquetaxe de tola, pesada e teimuda que me outorgaron infindas veces (calculen: case que en cada ocasión en que me declarei feminista antes de 2018). Entendín por fin que o que doe non é o cualificativo ou o castigo social, senón que proceda das que camiñamos (ou camiñabamos) xuntas cara á meta da igualdade real entre mulleres e homes. Non será a primeira cuadrilla de onde me expulsen, e sobrevivín antes. Así que aí vou.

A ninguén lle escapa que, logo do boom do espallamento global do feminismo, da enorme vaga ou tsunami mundial dos #metoo (van menos de sete anos), esta corrente política e filosófica sustentada no sentido común e na xustiza social acadou uns índices de popularidade e distribución que apenas nos atreveramos a soñar. Co que non contáramos (cando menos, eu) foi con que esa popularización dentro do patriarcado capitalista abriría as portas para deixar entrar a causticidade, pois promoveu en grande medida unha simplificación extrema do discurso, favorecedora do meme e a resignificación usurpadora. 

Non contabamos con que a popularización do feminismo dentro do patriarcado capitalista abriría as portas para deixar entrar a causticidade, pois promoveu en grande medida unha simplificación extrema do discurso, favorecedora do meme e a resignificación usurpadora

Atopámonos agora fronte a dous problemas. Por unha banda, o uso indiscriminado do concepto feminismo, que se baleira de contido cando se emprega sen rubor para defender falsas liberdades ou liberacións, asimilándose a unha sorte de libre albedrío xudeu-cristián. Refírome á alucinante capacidade da dereita e o capitalismo para converter propostas sociais en frívolas marcas e produtos que presentan, por exemplo, o uso de mulleres para xestar ou exacular coma meras transaccións económicas.

E por outra banda, aludo á estarrecedora manipulación do discurso desenvolvida na esquerda ao acatar o que acabo de expoñer, máis concretamente nas correntes políticas que, por xeración e posición, me corresponderían. Unha manipulación ao máis puro estilo das campañas emocionais da ultra dereita mundial (Musk, Orbán, Milei, Trump, Bolsonaro, Meloni...), onde quen non está “contigo” incondicionalmente é porque “te odia” e, por conseguinte, “non é”. Aquí, o pensamento crítico, a achega construtiva e a madureza nin están nin se agardan. 

Se eu publico hoxe e aquí que os roles de xénero son unha construción social patriarcal moi daniña, non haberá problema. A consigna acéptase. Mais se procedo a desenvolver o enunciado, cambia o conto. Porque daquela terei que afirmar que, sendo o seu sentimento real e indiscutible, o sufrimento de moitas persoas trans procede desa construción social, e que para atallalo a solución é cuestionar e rachar eses roles, antes que cuestionar e rachar corpos

Se eu publico hoxe e aquí que os roles de xénero son unha construción social patriarcal moi daniña, non haberá problema. A consigna acéptase. Mais se procedo a desenvolver o enunciado, cambia o conto. Porque daquela terei que afirmar que, sendo o seu sentimento real e indiscutible, o sufrimento de moitas persoas trans procede desa construción social, e que para atallalo a solución é cuestionar e rachar eses roles, antes que cuestionar e rachar corpos. Chegada a este punto, diranme que odio. E terei que explicar que non é así. Que comprendo e empatizo, que defendo a liberdade para facer co corpo propio o que se desexe, pero tamén que considero de suma importancia que se acompañe a quen sofre para axudar a discernir se a solución que procura non vén dada polos mesmos presupostos que provocan a dor. 

Se digo que asumir ditos presupostos como realidades inmutables, que asimilar as asignacións sociais de xénero ao sexo biolóxico é consolidar a base do patriarcado e, por conseguinte, a opresión das mulleres, a miña morte social estará garantida. Porque esa esquerda capitaneada por Pablo Iglesias, Irene Montero, Íñigo Errejón, Ángela Rodríguez ou Elizabeth Duval dirá que son conservadora, que odio, que quero patoloxizar os sentimentos e que non son feminista. Eu direi que son aliados ou manipulados do patriarcado, e a lea estará servida. Se ouso afirmar que o consentimento expreso queda invalidado en múltiples ocasións por mor da indefensión aprendida, irei aviada. 

E porén, afirmo.

Esa esquerda capitaneada por Pablo Iglesias, Irene Montero, Íñigo Errejón, Ángela Rodríguez ou Elizabeth Duval dirá que son conservadora, que odio, que quero patoloxizar os sentimentos e que non son feminista. Eu direi que son aliados ou manipulados do patriarcado, e a lea estará servida

Lembro agora aquel filme de 1991 onde Julia Roberts interpretou a unha muller vítima dunha violencia machista daquela invisible. O título era Sleeping with the Enemy (Durmindo co inimigo). O mesmo ca ela, as feministas durmimos estes últimos anos co inimigo na casa común da esquerda. Primeiro, inxenuas e ledas porque por fin se nos escoitaba (ela, de ser “amada”), un pouco despois, incapaces de crer o que acontecía e, finalmente, temerosas diante da ameaza do ostracismo e o escrache. Tiñamos o inimigo na casa, no ministerio e na cuadrilla. Que paradoxo. O acontecido con Errejón, estou segura, amosa só a punta dun iceberg que nin o cambio climático desvelará completamente. Ogallá pronto sexamos quen de volver nadar libres, aínda que sexa a contracorrente. Porque xa saben: mellor soas que mal acompañadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.