Esta pregunta xa non a fai nin deus desde que o "trío" dos Azores pasou por riba dela para invadir Iraq, creando o precedente de que a ONU é prescindible cando os intereses das potencias están en cuestión. Nesta tónica, Rusia fixo exactamente o mesmo na invasión de Ucraína.
A ONU serviu de aval á agresión estadounidense a Corea, despois apoiou a de Vietnam; a comezos dos 90 de século pasado apoiou a I Guerra do Golfo contra Iraq, e agora a opinión da ONU é, no mellor dos casos, consultiva e nin de lonxe pode garantir nada a través dos cascos azuis: as guerras dos anos 90 en África central e nos Balcáns son boa proba da súa inoperancia cómplice.
A ONU foi construída cando o mundo viraba ao redor dunha gran potencia capitalista, os USA, que só tiña unha relativa contestación pola URSS, que adoitaba vetar todas as resolucións que os USA impulsaba en contra dela.
Era unha mecánica case ritual; os EEUU condenaban algunha acción da URSS e esta vetábao... Ao final, normalmente o conflito resolvíase por fóra das normas da ONU, en mesas de negociacións. O mundo respiraba tranquilo porque as guerras, desde 1945, tiñan un carácter interno, eran guerras revolucionarias (China, Corea, Vietnam) de liberación nacional, non entre estados soberanos.
Estas guerras críanse cousa do pasado, por iso a ONU tiña utilidade porque non enfrontaba guerras entre estados e, menos que menos, entre potencias imperialistas. A excepción a esta regra son as guerras promovidas polo estado sionista de Israel, quen ten patente de corso para incumprir sistematicamente as resolucións da ONU, posto que foi un estado creado baixo un acordo entre os estados occidentais e a URSS.
A caída do Muro de Berlín xerou o xurdimento de decenas de estados soberanos, con conflitos territoriais herdados ou ben do pasado da construción europea, Rusia incluída -se movésemos todas as fronteiras que nos últimos 300 anos xeráronse en Europa, poucos estados actuais recoñeceriamos-, ou ben do pasado colonial en África ou Oriente próximo coas fronteiras deseñadas nas capitais europeas, con Londres e París á fronte.
Estados que todos eles son capitalistas, e dependentes de potencias tamén capitalistas. E xa sabemos, cando os estados capitalistas reclaman os seus dereitos sobre outros territorios, "a forza é a que decide" dicía Marx. Se a forza económica ou diplomática non basta, pásase á forza das armas ("a crítica da razón é substituída pola crítica das armas"). En dúas palabras, a guerra.
O mundo unipolar dentro do mundo capitalista, cun contrapeso que lle daba estabilidade desde a URSS e a súa política de "coexistencia pacifica" construído tras os acordos de Yalta e Potsdam, base da ONU como "garante da paz" (o "xa non haberá máis guerras" da súa fundación), van-se polo desaugadoiro.
A ONU é hoxe un cascaron baleiro de contido, que como moito serve como altofalante das esixencias dos diversos estados e para paliar as consecuencias das guerras que son decididas noutros ámbitos, desde unhas illas no medio do Atlántico até as capitais das potencias que hoxe se disputan os seus "espazos vitais" -control de países dependentes-, sexa Washington, Pequín, Moscova ou Bruxelas.
A OTAN está a substituír á ONU como organismo mundial, porque estamos nunha fase na que a "forza" está a substituír á negociación entre dúas nacións que nunca se atacarían, os EEUU porque sabían que lles levarían a guerra ao seu territorio, cousa que non sucede desde comezos do século XIX, e a URSS, porque a burocracia mantiña os seus privilexios sobre a base da mencionada "coexistencia pacífica".
Á pasada, é unha mentira da propaganda occidental o que a URSS tivese unha política expansionista. O sistema burocrático soviético non tiña a menor intención de ocupar nacións e estados, salvo por un motivo defensivo; a diferenza dos capitalistas, cuxa riqueza basea-se na conquista de novos mercados, de novos países aos que saquear as materias primas que alimenten a súa industria e a necesidade de plusvalía para acumular máis capital, os burócratas baseaban os seus privilexios no mantemento do control dos recursos do estado; non necesitaban o "camiña ou rebenta" do capitalismo, chegáballes con ese control.
Por este motivo, a URSS defendía contra vento e marea a política de "coexistencia pacifica" da que a ONU era a súa pedra fundamental. O seu colapso e a restauración do capitalismo en todos os estados "socialistas" baleirouna de contido. Pola súa banda, aos EEUU e a UE coa súa política "pasivo-agresiva" por manter a hexemonía mundial, non lles serve de nada; só son un escollo onde os pobos do mundo poden alzar a voz.
Con todo, para os traballadores e traballadoras do mundo e para os pobos agredidos polas potencias imperialistas, desde Iemen até Ucraína, non é máis que unha cortina que lles impide ver que o camiño da súa liberación non pasa polos vetos no Consello de Seguridade onde se reúnen algúns, non todos, dos seus explotadores, senón pola súa loita pola transformación socialista da sociedade.
A ONU capitalista ao servizo das potencias imperialistas debe deixar paso un mundo socialista, sen explotación nin opresión.