Amenceu un día magnífico en Paris, logo dun domingo soleado que aproveitamos para perdernos por rúas e parques, despois de varios meses sen ver o sol en Santiago de Compostela. Foi o pasado luns, 3 de febreiro. Chegamos á sé da UNESCO, na Place Fontenoy, cedo, ás 9 eran as acreditacións, pola Rue Zufren. Notábase bullicio. As persoas parábanse antes de pasar o scanner de seguridade. Acompañáronnos á Sala X, lugar onde se celebran as reunións habituais do Consello Executivo da UNESCO. É un espazo amplo, luminoso, disposto en varios círculos concéntricos onde se sitúan a presidencia, o secretariado, os relatores, invitados, delegacións… No teito un artesonado que simula unha estrela, nos asentos a tradución simultánea nos idiomas oficiais, na parte superior, os intérpretes. No centro, unha cámara da televisión da propia institución. A delegación da Fundación Cultura de Paz era ampla. A expectación enorme. Moi pronto a sala estaba chea.
Federico Maior Zaragoza volvía ao lugar onde conseguira aprobar resolucións e declaracións de enorme relevancia, particularmente, a de Cultura da Paz e o seu Plan de Acción, logo asumida pola Asemblea Xeral da ONU en 1999
Federico Maior Zaragoza, ex director xeral da UNESCO entre 1987 e 1999, movíase como peixe no auga. Volvía ao lugar onde conseguira aprobar resolucións e declaracións de enorme relevancia, particularmente, a de Cultura da Paz e o seu Plan de Acción, logo asumida pola Asemblea Xeral da ONU en 1999. Estaba acompañado por Georges Kutukdjian, promotor da homenaxe pola súa 80 Aniversario, xunto con outras personalidades dun Comité amplo e plural, no que participaron Françoise Riviére, Breda Pavlic, Doudou Diene ou Pío Rodríguez, membro do Consello Executivo e único representante de España que tomou a palabra no acto de homenaxe. O embaixador, delegado permanente ante a UNESCO, D. Juan Manuel Barandica Luxán, presente na sesión da mañá, optou polo silencio.
Todo foron recoñecementos, eloxios, semblanzas e recordos emocionados de personalidades destacadísimas da vida da UNESCO sobre a figura, o pensamento e as accións levadas a cabo polo que fora director xeral durante 12 anos
Todo foron recoñecementos, eloxios, semblanzas e recordos emocionados de personalidades destacadísimas da vida da UNESCO sobre a figura, o pensamento e as accións levadas a cabo polo que fora director xeral durante 12 anos. A pegada deixada naquela institución polo profesor Mayor Zaragoza, desde o máis humilde funcionario ata os directores executivos, foi enorme. Todas as intervencións reflectían agarimo e añoranza, desde a actual directora, Irina Bokova, a súa antecesor, Amadou Mahtar M’Bow, o seu sucesor, Koichiro Matsuura ou o propio presidente do Consello Executivo na actualidade, Mohamed Sameh Amr. Se tivese que destacar algunhas das intervencións que á min máis me impresionaron, sen dúbida, tería que citar as de Mihail Gorvachov, Mary Robinson, Koffi Annan ou Mario Soares.
Especialmente emotivas foron as palabras de Boutros Ghali, ex secretario xeral das Nacións Unidas, as de Robert Badinter, ex- ministro de Xustiza francés con Miterrand, Henri Lopes, Aminata Tahoré ou a de Edgar Morin. Todos coincidiron en destacar o seu papel, a súa capacidade para facer posibles os imposibles, a súa aposta por Africa e pola educación para todos. E ata houbo tempo para que un grupo de funcionarios e funcionarias da UNESCO cantaran o cumpreanos feliz.
Federico Mayor Zaragoza contestou e agradeceu a todas e a todos, a quen non puido nomear, citounos por escrito, e figurarán nas actas da reunión. Falou do seu paso pola institución internacional que representa á intelectualidade da ONU, apelou a que debe recuperar o seu protagonismo para construír a paz na mente dos homes, con independencia e rigor, con coraxe cívica, colocándose á fronte das reivindicacións que figuran na Carta Constitutiva da UNESCO e na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, nosoutros os pobos, para evitar aos nosos fillos o horror da guerra, todos iguais en dignidade, cos valores cívicos e democráticos no horizonte, a xustiza, a solidariedade, a igualdade, a fraternidade, fronte aos valores dos mercados, promovendo a Cultura da Paz, a educación para a paz, os dereitos humanos e a democracia, da necesidade e urxencia dunha Declaración Universal sobre a Democracia; do diálogo intercultural e a alianza de civilizacións, da superación da pobreza e a exclusión, da prevención e a consolidación da paz, resolvendo pacificamente os conflitos.
Fixo especial fincapé na refundación das Nacións Unidas, do papel da UNESCO nesa tarefa, con representación da sociedade civil e dos estados, sen dereitos de veto, con voto ponderado e de todos os países
Fixo especial fincapé na refundación das Nacións Unidas, do papel da UNESCO nesa tarefa, con representación da sociedade civil e dos estados, sen dereitos de veto, con voto ponderado e de todos os países, cun Consello do Medio Ambiente e outro de carácter Socioeconómico, ademais do de Seguridade, para facer fronte aos desafíos globais, a guerra e os conflitos bélicos, o terrorismo, os tráficos de persoas, de armas, de órganos, de drogas, para pechar dunha vez os paraísos fiscais, evitar o armamentismo e o poderío nuclear… “Xa está ben de que uns poucos decidan por todos, basta de G7, G8, G20, non é a plutocracia senón a democracia verdadeira a todas as escalas, tamén na global”. Nalgunhas intervencións pedíronlle que liderara a Declaración Universal pola Democracia.
O embaixador, delegado permanente de España ante a UNESCO, Sr. Barandica Luxán, escoitaba cunha actitude entre displicente e ausente
O embaixador, delegado permanente de España ante a UNESCO, Sr. Barandica Luxán, escoitaba cunha actitude entre displicente e ausente, nalgunha ocasión sorría, revolvíase no asento, comentaba algo con quen parecía a súa secretaria, miraba o reloxo, facíaselle moi larga a cerimonia, tanto que apenas finalizou de falar Federico Mayor, ausentouse, escoitando de fondo a atronadora salva de aplausos con toda a sala posta en pé en honor do profesor Mayor.
Debo recoñecer que sentín vergonza e desprezo polo representante do goberno do Reino de España ante a UNESCO. Logo, nos corrillos, non se falaba doutra cousa. Para baixar o ton da miña indignación acordeime dos Diplomáticos de Monte Alto…