A súa decisión prodúcenos pesar, pero énchenos de orgullo. Por dignidade. A ética colectiva das Redes Escarlata esíxenos solidariedade absoluta co compañeiro noso. Si, como poderiamos non gabarnos de que Xosé Luís Méndez Ferrín sexa compañeiro noso! Compañeiro e, sobre todo, referencia inobxectable, quer queiran quer non, para a cultura e para a literatura desta nación ás veces tan ausente de si mesma.
Ferrín marchou da Academia. Non o botaron. Tampouco o derrotaron. Non abonda para vencelo o escudo da covardía nin a arma enferruxada da infamia. Pero houbo golpe de estado. Sen uniformes, mais con extrema dereita nunha pintoresca coalición de intereses persoais e de grupo, mercantís, de control e poder cultural. E vellas xenreiras amoreadas sobre a molesta figura de quen vén desde hai décadas demostrando, na teoría e na praxe, a necesidade e a vixencia dun discurso cultural e político alternativo, libertario, de esquerda, emancipador. Esa conxunción de intereses múltiples logrou facerlle a Ferrín insufrible a súa presenza na Academia. Foi evidente que nin a RAG nin os sectores temporalmente triunfantes merecían a Ferrín. É o que a Academia sae perdendo.
Cando o réxime da Segunda Restauración Borbónica está ameazado pola crecente conciencia colectiva e pola súa propia podremia constituínte, tamén o están as institucións culturais que xorden ao seu abeiro e ao abeiro da Autonomía
Cando o réxime da Segunda Restauración Borbónica está ameazado pola crecente conciencia colectiva e pola súa propia podremia constituínte, tamén o están as institucións culturais que xorden ao seu abeiro e ao abeiro da Autonomía. Estas institucións senten na caluga a desaparición absoluta da escasa lexitimidade que posuían. Ante esa evidencia, certos sectores coidaron imprescindible ocupar a única institución cultural propia, a RAG, cuxa lexitimidade é inviolable, mesmo nos momentos máis adversos, pois procede da vontade do galeguismo histórico, de Murguía, de Fontenla Leal, de Curros. Outros dos sectores participantes no asalto simplemente se dedicaron a proseguir nunha longa tradición de ataque á lexitimidade académica. Quer por militancia ultra española, quer por necesidade de crebar aquilo que non se controla nin se domea, quer por militaren na perversa idea de que as falas do territorio galego non teñen capacidade nin dereito nin sutileza para se constituíren en lingua de cultura.
O proceso foi politicamente transcendente. Desvelounos, entre outras cousas, a carencia de escrúpulos do stablishment cultural, tan prudentemente galeguista. Quedou ao aire a súa obsesión por invadilo todo. Do impacto deste proceso no negocio privado iremos observando indicios e sinais. Nos vindeiros tempos tamén asistiremos a recomposicións do poder (simbólico, pero non soamente) no campo cultural. Estaremos coa atención moi viva.
A etapa que agora conclúe de forma prematura é brillante. Non só pola dignidade institucional sostida ata o último alento, e aí está o derradeiro acto, a presentación do recurso perante o Tribunal Supremo contra o mal chamado decreto de plurilingüismo
A etapa que agora conclúe de forma prematura é brillante. Non só pola dignidade institucional sostida ata o último alento, e aí está o derradeiro acto, a presentación do recurso perante o Tribunal Supremo contra o mal chamado decreto de plurilingüismo. Non só porque nestes anos se festexaron as figuras de Lois Pereiro, Valentín Paz Andrade e Roberto Vidal Bolaño, tres nomes heterodoxos e alleos a toda caste de oficialismo. Tamén porque se modernizou a Academia, como proba a excelente e viva páxina web, unha das máis visitadas nos últimos tempos. Tamén porque se logrou que por primeira vez a RAG estivese nos orzamentos do Estado e nos da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén porque se puxeron a funcionar as seccións e os seminarios das seccións e porque se cumpriu o mandato estatutario de todos os académicos se adscribiren a algún seminario. Tamén, e sobre todo, porque baixo a presidencia de Ferrín a Academia acudiu ao encontro coa sociedade galega e conseguiu que esta a considere unha institución propia, firmemente defensora da lingua e da cultura de Galicia.
Por todas esas e outras razóns, nós non queremos manternos neutrais. Saudamos e aplaudimos o traballo da executiva da RAG, tan vilmente atacada neste proceso pola extrema dereita e por aqueles que ambicionan o control do poder simbólico e material, e por tanto determinar tamén os silencios, no noso campo cultural. Agradecemos, pois, o esforzo e a entrega de toda a executiva.
E por enriba de calquera outra consideración, proclamamos sentirnos inmensamente orgullosos de pertencer á mesma estirpe cultural, nacional, política e humana de quen para sempre será o lexítimo Presidente da Academia. Mesmo que esta non quixese merecelo.
Beizón, compañeiro Ferrín.