Segundo o “Barómetro de Compra de Libros e Hábitos de Lectura”, soamente o 3’1% dos leitores galegos prefiren ler en galego, se temos en consideración que este exiguo 3% se corresponde co 61’5% dos galegos que practican a leitura como “lecer”, o dato adquire o rango de “porcentaxe insignificante”.
A teor dos datos semella que “gostar de ler en galego” é unha anomalía, mesmo entre os falantes habituais de galego
Xa que logo, talvez chegou o momento de que os leitores amadores do galego nos consideremos integrantes dun máis dos coñecidos como “colectivos friquis”, porque a teor dos datos semella que “gostar de ler en galego” é unha anomalía, mesmo entre os falantes habituais de galego (1’3 millóns ou o 51’9€ dos galegos segundo o IGE, 2018), dada a diferenza abismal entre os utentes do galego oral e do galego escrito, e á súa vez entre os que poden ler en galego e os que gostan de facelo. Con todo, non podo evitar xulgar tódolos datos do declive do noso idioma como unha consecuencia máis do noso autoodio secular como pobo colonizado.
Porque confeso, non sen certo receo de estigmatización, que eu non só prefiro ler en galego, senón que amo facelo, ata tal punto que hoxe non me imaxino a miña vida sen ter un libro galego entre as miñas mans. Resulta difícil explicar o pracer que me causa a leitura en galego, e seica alguén poida pensar que este sentimento se deba considerar como unha obsesión, aínda que eu o estimo máis ben como unha paixón. Por exemplo, non teño dúbida ningunha ao escoller ler un libro concreto na súa versión galega cá na castelá. É algo que me leva pasando xa dende hai máis de corenta anos. Principiei co “vezo” de adolescente, cando descubrín a existencia dos libros en galego e xa non puiden deixalo. Porén, nunca me decatara de que esta paixón que sentía pola literatura en galego podía xulgarse como unha “anomalía”, aínda que sempre fora moi consciente de que non a compartía cunha gran multitude de persoas, e menos dentro do meu círculo social, onde son unha rara avis –convén aclarar que vivo en Madride, arrodeado de castelanofalantes–.
O supremacismo españolista sabe que “sen galego non hai Galiza”. Esta ideoloxía totalitarista e uniformadora dispón de tódolos medios pra se ir impoñendo, e de momento vai avanzando pro o galego é can vello, con moitos séculos de resistencia, e vai seguir dando batalla pola súa sobrevivencia. “Ler en galego” é unha fronte máis nesta guerra
Mais se considero a opinión de que o meu é unha “obsesión”, non debería en consecuencia considerar a posibilidade de consultar algún especialista que puidese reconducir as miñas afeccións cara á normalidade: estimar máis a literatura en castelán ca en galego, porque o contrario me converteu nun friqui? Acaso non é o castelán a lingua que tódolos galegos temos o deber de saber, namentres que o galego soamente é un dereito, como o de ter unha vivenda, un traballo digno e demais lilainas. Porque, a teor dos resultados da enquisa citada, se á evidente rareza da miña marcada preferencia pola leitura en galego se lle engade ademais que tamén prefiro escribir en galego, o sambenito de friqui xa non mo quita nin Deus.
O supremacismo españolista sabe que “sen galego non hai Galiza”. Esta ideoloxía totalitarista e uniformadora dispón de tódolos medios pra se ir impoñendo, e de momento vai avanzando pro o galego é can vello, con moitos séculos de resistencia, e vai seguir dando batalla pola súa sobrevivencia. “Ler en galego” é unha fronte máis nesta guerra.
Por tanto, como non podo evitar a miña querenza pola leitura en galego des que descubrín a súa literatura, e dende entón xa non puiden evitar que se convertese na miña máis pracenteira afeizón, e como estou firmemente empeñado no activismo galeguista, coido que estou irremediabelmente condanado a ser considerado un “friqui”, ao menos por certa xente; mais, pra ser sincero, asúmoo con moita honra.