Chegaremos a ter que chamar socialfascistas aos socialdemócratas que nos governan, como xa os alcumaron no período de entreguerras? (Os asasinos de Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht). Porque de que outro modo se poden definir as políticas de exclusión que vén de aplicar o ministro de inclusión do Psoe?.
O ministro Escrivá, ese auditor fiscal que fixo carreira de banco en banco, do Central Europeo ao de Pagos de Basilea e de este ao BBVA, non ventava nada bo ao asumir a carteira dun ministerio que mutaba o nome de Traballo ao de Inclusión. Ao fin e ao cabo viña de presidir a AIReF nomeado por Montoro e Rajoy. Eis a econometría ao servizo do Capital. Alguén dá máis?.
Cando apareceu no escenario a pandemia e decidiron o confinamento universal, e tantas empresas se acolleron aos Ertes e inertes e houbo un clamor desesperado pola Renda Básica Universal(RBU), o ministro Escrivá sacou da chisteira o Ingreso Mínimo Vital (IMV) gabándose de que era a política máis relevante de Inserción Social. Voilà! Tres mil millóns de euros anuais que beneficiarían a uns tres millóns de persoas que había tempo que perderan de vista o umbral da pobreza para entrar no da miseria. Os requisitos para acceder a ese ínfimo ingreso eran tan esixentes -e coa administración en cita previa para os poder tramitar- que serviron de selección natural. Non contentos con esta peneira e parecéndolles un despilfarro tirar tres mil millóns en persoas sen ingresos, os socialdemócratas decidiron escoitar ás cúpulas europeas e o grande empresariado, valla a redundancia. Non lles pareceu tanto despilfarro os máis de vinte mil millóns do gasto militar nin os máis de once mil millóns para Igrexa, sen contar os douscentos oitenta e catro millóns máis de por tantos e por tontos do cadro da Renda, nin moito menos os cincocentos sesenta e un millóns e medio que nos custa cada ano a monarquía. Só o rei cobra ao día seiscentos sesenta e cinco euros nun país no que o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) non chega aos mil.
En xaneiro, coa nova realidade, chegarán as rebaixas para o empresariado. O dous por un!. É o Capital, imbécil! Dous traballadores polo prezo de un. Alguén dá máis?. E así como os servos da gleba se debían á terra do Señor, agora os subsidiados do ingreso mínimo débense ao señor do SEPE que pasará de ser o Servizo Público de Emprego ao Servizo Público de Explotación Estatal.
Os socialdemócratas disque crearán programas de interese social que beneficien á comunidade en actividades seica de interese social: medio ambiente, desenvolvemento cultural e asistencia social, sempre que se axusten ao perfil demandado. Supoño que ese perfil incluirá titulacións de bioloxía, ecoloxía, pedagoxía social, socioloxía, traballadores sociais...O que ninguén se explica é como é que necesitan o ingreso mínimo vital tantos profesionais e por que non se crearon antes pola vía normal non subsidiada estes postos de traballo.
Os socialdemócratas seguen coa mesma política indecente que xa viñan a desenvolver nos anos oitenta cando comezaron co eufemismo da reconversión naval e aquel bochornoso voluntariado no social, xusto naquelas profesións das que máis se nutría o paro. Por aquel entón se lle alcumava salario social e se debatía o que hoxe é unha realidade imposta con tapabocas.
Algúns sociólogos din que se lle mudamos o nome á realidade, parecerá outra. Voilà, outravolta. Á explotación humillante de ter que aceptar o traballo que o Estado che asigne chámanlle contrapartida. Falan con soina de recualificar e mellorar as posibilidades de inserción laboral, de incrementar a experiencia dos desempregados e incluso de evitar que se enferruxen cando é evidente que se trata dun escandaloso xeito de beneficiar ás empresas que se embolsarán as cotizacións, vacacións e pagas extras.
Si, é o Capital, imbécil! Así os socialdemócratas apagan as críticas dos empresarios que temían que a miseria do ingreso mínimo vital desincentivara a búsqueda activa de emprego (eufemismo do encadeamento ao sistema de paro permanente urdido polo sistema). Pondo ao len a evidencia dos salarios de fame que pagan. Porque só nun país onde o salario mínimo estea tan tirado pode desincentivar de buscar traballo a miseria dese ingreso mínimo vital.
Os socialdemócratas limian o socialfascismo cando falan da tarxeta social e de concederlles un selo social ás empresas que contraten a persoas vulneraveis, eis explotaveis de modo que todos lles paguemos as cotizacións.
Governo de esquerdas? É o Capital, imbécil!.