E se o rei fixese un discurso millennial?

O rei Felipe VI na súa mensaxe de Nadal © Casa de SM el Rey

O pasado día 24 o rei fixo o seu tradicional discurso de Nadal. Outro ano no que evita facelo por streaming. Dun tempo a esta parte, a xuventude percibimos como as institucións e o mundo da política se esforzan en se comunicaren connosco. Se ben é un intento doado, nalgúns casos dá vergoña e vólvese mesmo contraproducente. Non é o caso do monarca, mais semella que os discursos como o seu deberían ser adaptados para captar a atención da xente nova. Iso si, con procedementos ás veces algo caóticos.

O pasado día 24 o rei fixo o seu tradicional discurso de Nadal. Outro ano no que evita facelo por streaming. Dun tempo a esta parte, a xuventude percibimos como as institucións e o mundo da política se esforzan en se comunicaren connosco

Escoller hoxe un mal formato para comunicar é condenarse á fogueira. Quizais por iso vexamos tantas figuras públicas inmersas nas redes sociais onde a mocidade (seica e case exclusivamente) nos manexamos como peixes na auga. Só hai que mirar as canles de Youtube ou de Twitter dalgúns partidos políticos para ver como seguen o modelo do clickbait, enfatizando “zascas” e facendo extractos de momentos destacados. De feito, até podemos ver como en ocasións se dirixen á cámara coma se tivesen á audiencia diante. Iso pode probar un interese por achegarse ás persoas menos apegadas ás formas tradicionais de facer política para tentar captar a súa atención.

A simplificación de ideas que se pratica ao “falar en millennial” de forma impostada relega a un segundo plano o debate ideolóxico e provoca reaccións emocionais inmediatas © The Simpsons

Porén, ás veces nótase unha tendencia ben contraproducente: fialo todo á presentación. Coma se empregar unha linguaxe máis millennial ou sacar proveito das redes da rapazada fose suficiente para ser tidos en conta. Isto foi alcumado máis dunha vez como política do espectáculo que, se ben parece popularizarse nos debates públicos en xeral, semella para algúns a única forma de atraer e mobilizar á xente máis xove. Detrás diso, penso que se agocha un pensamento uniformizador coas novas xeracións que as cre pouco dadas á reflexión e as acaba infantilizando. Paradoxalmente, os intentos por achegarse á nosa realidade poden acabar malinterpretándonos.

Porén, ás veces nótase unha tendencia ben contraproducente: fialo todo á presentación. Coma se empregar unha linguaxe máis millennial ou sacar proveito das redes da rapazada fose suficiente para ser tidos en conta

Acredito que a retórica non debería encher un baleiro ideolóxico ou de propostas. A simplificación de ideas que se pratica ao “falar en millennial” de forma impostada relega a un segundo plano o debate ideolóxico e provoca reaccións emocionais inmediatas. A adhesión a un coletivo tende a ser así, máis visceral e súbita, nos climas polarizados. Non obstante, sería bon ter en conta que a vinculación identitaria tense que producir no eido dos intereses máis básicos. Non deberían esquecer os nosos representantes que por moito que se esforcen en comunicarse coma nós, non nos van convencer sen falarnos do que nos interesa (o precio dos alugueiros, as oportunidades de traballo, a ampliación de dereitos, etc). Coñecer a realidade das persoas é fundamental para identificalas cunha causa concreta e falarlles de ti a ti.

Cómpre reflexionar entón sobre o papel dos representantes públicos de cara á mocidade. Os seus intentos por conectar connosco parecen alimentar ás veces un xeito de comunicar a política que tende ao espectáculo e ao lanzamento constante de mensaxes. Esa estratexia de aparencias parece xustificada porque estamos desganados coa política de sempre e urximos novas formas. O curioso é que esas formas, que podemos sentir máis ou menos propias, se empreguen para acabar simplificando os debates sobre cuestións que nos afectan de forma primordial. Cabe mencionar que non é unha actitude unánime e hai quen sabe combinar comprensión con expresión, mais iso non impide subliñar o risco de opacar a reflexión e o debate que conleva a adaptación máis populista dos códigos discursivos. 

Que pensaría un ancián se lle puxesen ao monarca xogando á brisca na Noiteboa? Pois eu non preciso que Felipe VI me trapee a Constitución. Non polo de agora

Pois: a escoita das reclamas reais debería ser a base que canalizase os actos comunicativos das figuras públicas. A infantilización da xente nova é un prexuízo que se ve plasmado nas comunicacións dalgúns partidos ou institucións, que pensan que con copiar un formato ou uns recursos expresivos gañarán empatía coa mocidade. Lonxe da realidade, isto pode alimentar unhas retóricas que parecen falarnos e non nos din nada que de verdade nos interese, máis aló do anecdótico ou o novidoso. Que pensaría un ancián se lle puxesen ao monarca xogando á brisca na Noiteboa? Pois eu non preciso que Felipe VI me trapee a Constitución. Non polo de agora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.