E seguimos mentindo, señor Feijóo

Actividade nun centro sanitario galego durante a pandemia do coronavirus © Sergas / CHUO

O señor Almuíña, o pasado 22 de abril durante a Deputacion Permanente celebrada no Parlamento de Glaicia, asegurou que a Xunta “fai autocrítica”, pero temos que dicir que o que fixo foi recoñecer “como un erro” as decisións do Sergas, despois rectificadas, de despedir a persoal contratado pola sobrecarga do coronavirus. “A non renovación dese persoal foi un erro, unha descoordinación, e pedimos desculpas”. O problema do conselleiro de Sanidad é que imita o seu xefe, o señor Feijoo. Sempre que os collemos nunha mentira acaban dicindo que "foi un erro". 

Temos que celebrar que Feijóo realice un estudo epidemiolóxico, para coñecer a seroprevalencia do virus SARS-CoV-2 na poboación de Galicia. 100.000 tests en dúas vagas de 50.000 e en catro semanas para chegar a unha conclusión para a que calquera experto en estatística lle diría que non fan falta tantas probas. Con entre 5.000 e 10.000 sería suficiente. 

Este estudo, que consideramos importante, pero que xa o Estado español dixo que o ía facer con 60.000 persoas, cremos que é menos importante que non facerlles os tests aos seus traballadores sanitarios e non sanitarios, algo que estaba sen facerse aínda cando comezaron con este estudo. É "un novo desprezo" cara á Atención Primaria. 

Temos que poñer en valor que a maioría do peso do estudo será para o persoal de enfermaría. Teñen présa por facelo e non entendemos que non se invista o suficiente en I+D+i para chegar a unha vacina ou tratamento da COVID-19. Preguntámonos que ten que dicir o Comité de Ética de Galicia sobre a non utilización dun consentimento informado validado, ademais do uso de cartos públicos para buscar unha información que se podería facer a menor custo, con menos tests. 

Outra caraterística do señor  Feijoo é a de desfacerse dos críticos coa súa xestión: ou ben manipulando os medios de comunicación de forma descarada (o da RTVG xá é mellor tela apagada para non enterarte do que non sucede en Galicia), ou ignorando a oposición nas súas iniciativas ou simplemente desprezando as súas opinións. Pero a maiores, non ten reparo en desfacerse de Eva Maquieira, xefa de Servizo de Cirurxía Plástica e Reparadora do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (que está en illamento por posible contaxio de coronavirus) quen se queixou nas redes sociais da "falta de liderado e previsión" dos directivos da sanidade galega. Ou o cesamento fulminante, despois de catro semanas de traballo exhausto con residentes seropositivos de coronavirus, do director da Residencia Integrada de Baños de Molgas (Ourense), Miguel Ángel Vázquez, Presidente da SGXeX que non seguirá o frente por dicir nuhna entrevista na Cadena SER que as cousas nas residencias se “fixeron tarde e mal”. 

O señor Feijoo é moi proclive a criticar o señor Sánchez, pero toda a oposición en Galicia coincidiu en reclamarlle ao presidente do Parlamento, o tamén popular Miguel Santalices, que “o PP deixe de bloquear coa súa maioría as comparecencias que reclaman o resto de partidos, en particular as do propio presidente Feijóo, que só comparecera no Parlamento Galego unha vez, o 26 de marzo”. Pola contra, xa perdemos a conta das súas comparecencias na TeleFeijóo á hora de comer e sin límite de tempo e coas preguntas amañadas!

Outra pregunta importante para o señor Feijóo é por que non dá a coñecer a prevalencia de infectadps por coronavirus por concellos en Galicia, dato que sabemos que ten e que sería moi importante coñecer para cando se poña en marcha a desescalada.

Tamén queremos saber que pasou coas conclusións do Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia, onde 250 persoas traballamos arreo para ter un Novo Modelo de Atención Primaria e que o señor Feijoo ten aparcado nun caixón mentres el fai de “especialista” en todas as materias. Consideramos un despropósito que non se apliquen as medidas ditadas nas 16 Comisións Técnicas e que sigamos tendo como prioritario o “culto ao líder” para resolver a pandemia.

A Sanidade Pública Galega non pode ter por máis tempo a estes  irresponsables como administradores do ben máis preciado que temos que é a saúde. O cambio de goberno é prioritario xa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.