É xeoestratéxico

CC-BY-SA Praza Pública

Un amigo perspicaz dime que o novo lugar común da linguaxe política será o xeoestratéxico. A cabra chimpada desde o campanario é xeoestratéxica, mirusté. Igual que todo é resilente co empoderamento. 

Os nerviosos odian estas repeticións, pero a vida é así. Fanse os deberes, tómase nota, retómase o tema. O poder non desgasta, que o que desgasta é non telo, segundo dixo o xefe da Mafia. A man mexe o berce. A camisa de once varas; está moi preparado; o río revolto; os problemas que preocupan aos cidadáns. O Non pasarán! Que é heroico e de tópico non ten nada, e que se berrou na batalla do Marne, estendeuse pola Liña Maginot e despois por Madrid e por Managua e por tantas partes. O Señores estou até os collóns de todos nosoutros, dun demócrata. O abrazo do oso. A Brunete mediática de Arzallus; os cantos de serea. A nivel de. Amosa un claro contido, que ten que ser de Lois Diéguez; é sintomático e sospeitoso, que dicían todos na UPG; ti non sabes o que hai detrás de todo iso, de Rodríguez fixo; nidiamente obxectivo. A política é demasiado seria para deixala en mans dos políticos, de De Gaulle; vostede faga coma min e non se meta en política, do Generalísimo. Atar os cans con longaínzas. A técnica do avestruz. O pobo que non coñece a historia está condenado a repetila; o cu coas témporas; o touro polos cornos. Iso debería converterse nunha materia de ensino. Se queremos que todo permaneza como está, cómpre que todo cambie, de Lampedusa en Il Gattopardo, pero que ser é do rei Vittorio Emanuelle II. A pescadilla e a cola; o rábano e as hojas. 

Ver medrar a herba, de Portomeñe ou de Carlos Mella ou dos dous; o cuñadismo; perder aceite. O meu compromiso é só cos cidadáns. Odiar o delito e compadecer o delineante, de Luís Prósper. A orquestra do Titanic, que leva vinte anos tocando sen coller unhas vacacións nin para respirar. E punto pelota.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.