Economía de merda

Dominio Público Petr Kratochvil

Nestes días de ameazas invisíbeis e presenzas virtuais lin dous libros que en por si producen o efecto de abrirnos os ollos. Lidos en conxunto, o efecto multiplícase. Devólvennos, como diría o poetastro, ao pentagrama da realidade sobre a que discorren pandemias e crises, que continuará cando estas desaparezan e veñan outras. Trátase de O Código do Capital de Katharina Pistor e Traballos de Merda de David Graeber, antropólogo e activista finado o pasado setembro que uns anos antes publicara A Débeda: os primeiros 5000 anos

Nestes días de ameazas invisíbeis e presenzas virtuais lin dous libros que en por si producen o efecto de abrirnos os ollos. Lidos en conxunto, o efecto multiplícase. Trátase de O Código do Capital de Katharina Pistor e Traballos de Merda de David Graeber

O Código do Capital disecciona con escalpelo o corpus lexislativo que favorece a transformación dun ben común, ou en busca de dono, en riqueza privada, por exemplo coas patentes, a tolerancia dos paraísos fiscais ou a tributación descompensada, a permisividade cos monopolios, as concesións de servizos públicos, o cálculo e o manexo das débedas pública e privada, as normas laborais e o dereito corporativo, as leis financeiras que amparan produtos como os derivados, as normativas medioambientais laxas, a transmisión da propiedade en herdanza en favor de quen non tivo nada que ver na súa adquisición, a irresponsabilidade dos causantes de crebas e bancarrotas, as estafas inmobiliarias... O estamento lexislativo ponlle a sinatura e o selo ás normas que redactan os bufetes das grandes corporacións e fai da defensa desas normas de privilexio cuestión de estado, con xuíces e policías. Nunha palabra, son os códigos legais os que converten un anaco de terra, unha idea, un servizo ou unha actividade en capital privado e acumulábel en mans do 1% na cúspide da pirámide. Ou dun territorio, pensade en Madrid, cuxa economía vive da codificación lexitimadora, negro sobre branco, de todos os factores que a benefician.

Traballos de Merda ocúpase non dos empregos duros ou mal pagados, case sempre esenciais, senón deses outros asociados á tecnoloxía, a especulación, a burocracia e a managerización, traballos que un non sabe ben en que consisten ou para que se crearon, dado que non aportan nada á sociedade nin ás propias empresas, en termos de economía real, pero que están fenomenalmente remunerados: analista de proxectos, consultor de operacións internas, asesor de balances contábeis, agregado de recursos humanos, supervisor de procesos. Graeber fala deles como dun cuarto sector da actividade económica, que é con datos na man o que máis medra. Nin os propios empregados serían quen de xustificar o seu contido, explícano mellor eses casos nos que un empregado deixa de acudir ao seu posto de traballo durante anos sen que ninguén o bote en falta. Son polo tanto absurdos? Depende. O autor explica como esta capa de cadros intermedios actúa de colchón ou paragolpes en favor dos que rapinan desde máis arriba, como o señor feudal agasallaba o seu círculo de notábeis ou o capitán pirata a súa tripulación. 

Hai traballos de merda e o resto están cada vez máis enmerdallados. Os beneficiados, os novos señores feudais, son os capitostes da economía financiarizada, armados de algoritmos e lobbistas a proclamar que os seus esconxuros legais crean a riqueza da nada

Hai traballos de merda e o resto están cada vez máis enmerdallados, en forma de papeleo, cadeas de mando kafkianas e un facer que se fai inútil e humillante. Os beneficiados, os novos señores feudais, son os capitostes da economía financiarizada, armados de algoritmos e lobbistas a proclamar que os seus esconxuros legais crean a riqueza da nada. As grandes corporacións hoxe carecen de fábricas e mesmo de operarios, non producen nada tanxíbel ou delegan esa produción para non luxarse, só precisan unha plataforma dixital, falta de escrúpulos e apoio de reguladores que se poñan de perfil mentres elas canean as lexislacións locais. Precisan tamén de traballos de merda, agora si, os duros e mal pagados, case sempre esenciais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.