Cando eu era pequeno o concepto de subsistencia posuía un matiz claramente negativo, pois era asociado habitualmente a unha explotación deficiente dos recursos. Na mesma liña, unha característica autenticamente galega, o minifundio, era sen dúbida unha lacra ancestral que impedía o progreso económico. A Galiza traía desde o pasado máis un veleno que debía ser neutralizado canto antes, un lastro intolerábel que perpetuaba a miseria e impedía o progreso.
Cando eu era pequeno o concepto de subsistencia posuía un matiz claramente negativo, pois era asociado habitualmente a unha explotación deficiente dos recursos
Na actualidade, nunha situación en que a subsistencia non é unha falla grave unicamente nos países máis pobres senón que nos supostamente máis avanzados non está asegurada para a maioría, o concepto tínxese irremediabelmente de positividade. Xa non está sobre a mesa unha mellora continua do nivel de vida, onde visamos atinxir cada ano o conforto da Europa desenvolvida. Só desexamos que na mingua de recursos a que nos conducen os nosos gobernantes non se perdan completamente a escola, a atención sanitaria, a vivenda e a alimentación para a maioría da sociedade. Preténdese, e por iso se reclama na rúa cada semana, termos o necesario para dignamente subsistir.
Moitos dos nosos pais pertencen a unha xeración que foi criada, nas tristes consecuencias dunha guerra, por militares e sacerdotes. Viviron despois como a treboada franquista amainaba e como as forzas vivas do autoritarismo pasaban á clandestinidade democrática. Despois de teren saído da noite da ditadura e teren criado os seus fillos nunha bonanza posterior que pensaron irreversíbel, non teñen forzas, xa na terceira idade, para imaxinar un novo desastre social.
Os postos de traballo non existen, ou van camiño de se converter nunha renuncia completa á liberdade individual
Os nosos fillos, amamentados nos estertores dun certo progreso económico e democrático, están a ser criados nun ambiente xeral de desánimo pola perda progresiva de nivel de vida. Os seus profesores, día após día conscientes da demolición programada do Estado do ben estar, non poden sinceramente animalos a estudar ou a esforzarse para conseguiren unha profesión. Os postos de traballo non existen, ou van camiño de se converter nunha renuncia completa á liberdade individual; a crise económica é intereseiramente convertida en crise social, e unha evidente frustración cidadá nace da pésima xestión política do ben común.
Neste ambiente xeral de frustración retorna o concepto de subsistencia como algo necesario, e con el deben ser revisados os parámetros da rendibilidade agraria
Neste ambiente xeral de frustración retorna o concepto de subsistencia como algo necesario, e con el deben ser revisados os parámetros da rendibilidade agraria; referentes como o autoconsumo e a agricultura de subsistencia, antes claramente deplorábeis face a unha produción suficiente para ser comercializada, revélanse agora como hipóteses que, no marco do apoio mutuo comunitario, poden resolver un problema xeneralizado de alimentación.
Chego a sospeitar, ignorante como son nos campos da nutrición e da agricultura, que a nosa vella estrutura minifundista pode constituír un patrimonio de incalculábel valor
Neste sentido, hoxe en día xa existen colectivos conscientes da importancia da soberanía alimentaria e da calidade nutricional. E é que provoca medo comprobar como a calidade da alimentación está en mans das grandes empresas da alimentación e como a súa oferta constitúe directamente un engano ao consumidor desde o punto de vista cualitativo. As administracións conceden sen pudor as concesións de servizos de comedor escolar, hospitais, residencias para maiores e outros servizos similares en virtude unicamente dos prezos máis baixos, e isto implica unha ausencia de control sobre a calidade dos alimentos. Como a estratexia destes servizos consiste unicamente en encher bandullos en lugar de ofrecer programas nutricionais e produtos adecuados, conscientes disto en Europa existen iniciativas de cultivo local responsábel de alimentos que prestan servizos a comedores escolares xestionados con valores da ecoloxía e a saúde (cfr. o iluminador documental El plat o la vida). Lugares en que se consumen diariamente vexetais frescos de temporada sen aditivos tóxicos, onde non se abusa dos conxelados nin das carnes de animais alimentados con abonos nocivos e onde pais e familiares entran en contacto cunha nova perspectiva saudábel da produción e o consumo local.
Grazas a estas iniciativas chego a sospeitar, ignorante como son nos campos da nutrición e da agricultura, que a nosa vella estrutura minifundista pode constituír un patrimonio de incalculábel valor. Se cadra estamos perante máis unha faceta dun legado cultural que aínda non soubemos aproveitar.