Ecos imperiais

'Primer desembarco de Cristóbal Colón en América', obra de Dióscoro Puebla Dominio Público

Tres irmáns amigos meus de Bos Aires enviáronme hai anos unha memoria do pai, nado en Montecubeiro, para que cotexase os datos de xuventude. Tardei de máis. Despois de lles remesar as correccións vin no correo o comentario dun para os outros (que a min non me estaba destinado): lo mandó por carabela, che. Esas bromas facémolas todos pero de inmediato pensei: en carabela chegaría el aló.

Continúan a funcionar os impulsos de superioridade, as actitudes, os reflexos, o afán intervencionista, o indicar como cómpre que fagan, o opinar por riba do ombro, o dar consellos que non piden

O presidente de México escribiulle unha carta ao rei que España esixíndolle que pida perdón pola conquista de América e Vargas Llosa comenta que ben podía enviarse a carta a si mesmo, pois é inxusto culpar as sociedades actuais das conquistas dos seus antecesores. Ou sexa que non quixo entender.

López Obrador referíase ao Estado español de hoxe, que é a brasa sobrevivente do imperio. Trátase do seu proceder político actual, porque este estado conserva as vellas guías, os manuais de procedemento. Nunca se quixo facer desde el unha reflexión colectiva para interpretar o período con nova luz. Continúan a funcionar os impulsos de superioridade, as actitudes, os reflexos, o afán intervencionista, o indicar como cómpre que fagan, o opinar por riba do ombro, o dar consellos que non piden.

Portugal por exemplo relaciónase doutra maneira coas vellas colonias. Viviu unha revolución e daquela reconsiderou o vínculo

Colonialistas son os actos contra Venezuela, quitando e poñendo presidente á marxe da legalidade internacional e enfrontándose á firme, construtiva e honesta iniciativa de México. Como colonialistas é a posición maioritaria dos cidadáns, créndose lexitimados para opinar sobre a maneira de liquidar un estado. E doutrinariamente fascista é a manipulación dos medios informativos, como se interviñesen nun enclave da metrópole.

Portugal por exemplo relaciónase doutra maneira coas vellas colonias. Viviu unha revolución e daquela reconsiderou o vínculo. Aquí non triunfou nunca ningunha en toda a Idade moderna.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.