O capital e os medios de comunicación predominantes tratarán de ignorar unha proposta tan audaz. E intentarán someter o laborismo a unha derrota electoral exemplar
O programa do Partido Laborista foi presentado a semana pasada e apenas deu para unha noticia curta nos xornais europeos. O capital e os medios de comunicación predominantes tratarán de ignorar unha proposta tan audaz. E intentarán someter o laborismo a unha derrota electoral exemplar. As recentes prospeccións electorais están deseñadas para iso.
O poder teme un debate metódico sobre o que propón, porque se trata dun partido central do propio sistema, neste momento perforado pola presión das súas bases, indignadas coa desigualdade e a pobreza galopante. O estado británico forma parte ademais do núcleo do sistema mundo.
Que di o programa?
Propón reconstruír os servizos públicos, nacionalizar compañías eléctricas, bancos e empresas de comunicación; renovar servizos básicos como a auga, as ferrovías e os correos, despois de estatalizalos. Construír cento cincuenta mil vivendas sociais por ano. Facer unha revolución verde, cun fortísimo imposto ás petroleiras por causa da polución. Erradicar a pobreza. Eliminar os falsos autónomos que só son asalariados. Entregarlle o dez por cento das accións das grandes empresas aos traballadores. Establecer trinta horas de coidados gratuítos por semana para nenos de preescolar. Un salario mínimo de dez euros á hora e unha infinidade de medidas complementarias.
Tamén propoñen rexenerar o sistema de saúde e reverter as partes que foron privatizadas. Se os conservadores trunfan en decembro e a Gran Bretaña sae da UE, a seguridade social, chamada NHS, será desmantelada e a cobertura sanitaria imitaría a estadounidense, practicamente desaparecería.
Se os conservadores trunfan en decembro e a Gran Bretaña sae da UE, a seguridade social, chamada NHS, será desmantelada e a cobertura sanitaria imitaría a estadounidense, practicamente desaparecería
A recadación aumentará en cen mil millóns de euros anuais, afectando ás transnacionais e ao cinco por cento dos cidadáns con maiores ingresos. Para termos unha idea cabal desa cantidade, é útil lembrar que a estafa da banca española na crise de 2008 foi de corenta mil millóns de euros.
O Labour tivo experiencias relativamente semellantes no pasado. Ao rematar a Segunda Guerra Mundial liderou a reconstrución da illa procedendo a nacionalizar o vinte por cento da economía. Foi nunha sociedade próspera e relativamente equilibrada até a chegada de Margaret Tatcher, igual que o pode ser agora, a pesar de que os propagandistas xa emitan en coro o lema de que iso é imposíbel. Poden facelo. E até poden converterse en modelo para Europa.