Eleccións Xerais 2019: Frente Popular

CC-BY-SA Praza Pública

O obxectivo central destas eleccións xerais debe ser o de ampliar o voto de esquerda para frear a extrema dereita no goberno e nas cámaras lexislativas. Na miña opinión quen pretenda centrar a atención na batalla dunha candidatura galega única (nacionalista) erra, de nada nos servirá si a ultra dereita gaña a axenda lexislativa do Estado. De gañar a dereita ultra, a regresión democrática e autoritaria que estamos vivindo no conxunto do Estado (terrible en Cataluña) só será o comezo dun pesadelo cívico e político con recortes radicais en dereitos e liberdades e a volta ao réxime pre-constitucional que a nova dirección ultra do PP, que non os seus votantes, tanto arela.

Chegamos a esta situación non só polo fracaso de Pedro Sánchez, que tamén, senón polo triunfo do pacto da dereita e a extrema dereita, non nos equivoquemos. Os dirixentes do PSOE, as famosas baronías, fixeron o calculo de que convocando eleccións terán unha maioría suficiente para arrastrar ao partido nacionalista CIUDADANOS a un futuro goberno de centro- dereita, curtocircuitando calquera entendemento con Unidos Podemos e as confluencias nacionais, como a galega. Non foron os únicos que fixeron este calculo de “canto peor, mellor”, en Galicia instalouse no seo da unidade popular o discurso e o relato de excluír ás forzas non nacionalistas, semella que cando o proxecto do inicial CxG fracasou agora atoparon na ENMAREA unha nova oportunidade.

En política case todo é lexítimo, non como no código penal, polo que non criticarei ningunha estratexia, senón que só defendo o que eu creo mellor para a cidadanía galega e o pobo traballador, en sentido amplo. A mentira non é lexítima, tampouco en política. Considero que era posible un entendemento entre a confluencia galega e o goberno de Pedro Sánchez. Paradoxal que os mesmos que defendían o pacto portugués de esquerda para criticar a estratexia claramente errada de PODEMOS en 2016, agora defendan a caída do goberno do PSOE e do seu programa de goberno acordado con Unidos Podemos e as confluencias. 

Creo que cando se apaguen as luces do “estrelato”, virá a realidade, a dura realidade. Non xoguemos con lume porque podemos saír queimados, non nós, senón todo o progresado e conquistado en décadas. Non caiamos na división nin na confrontación interna, moi ben sementada desde 2012 polos mesmos que xa racharon AGE. 

Intentemos que todas as forzas de esquerda e galeguistas, incluíndo as que nunca estiveron nas mareas, vaiamos unidas, como nos ensinou nun contexto similar a triunfante Frente Popular de febreiro de 1936. De non poder ser, vaiamos o máis unido posible e sexamos comprensivos con todas as forzas progresistas. Non confrontemos, todas poden sumar de cara ao obxectivo principal: frear e parar o extremismo ultra, machista e fascista. A dereita irá dividida pero coa mesma mensaxe, a esquerda sobre todo debemos evitar a perigosa abstención, que unha nova confrontación avivaría.

Aínda tendo que ir por separado, colaboremos no avance e no progreso do que tanto unhas e outras queremos, unha sociedade avanzada, moderna, xusta, libre, igual e fraternal. 

#NonPasarán 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.