Non levo nada ben que lle chamen cuñao a calquera que amose actitudes ou opinións retrógradas ou fachendosas. Sen embargo, burlarse dos cuñadismos semella xa un deporte de moda. En cada persoa que se sinta progresista, tolerante e informada acharemos un cómplice para facer espaventos a costa das torpezas dos cuñaos
Non levo nada ben que lle chamen cuñao a calquera que amose actitudes ou opinións retrógradas ou fachendosas. Sen embargo, burlarse dos cuñadismos semella xa un deporte de moda. En cada persoa que se sinta progresista, tolerante e informada acharemos un cómplice para facer espaventos a costa das torpezas dos cuñaos. Sobre eles ironiza todo o mundo, incluída xente pouco exemplar, entre a que non faltan cultivados racistas, feministas intransixentes, voluntarios de oenegués con aires de autoridade ou profesionais de elite moralmente inertes. Pero ningún destes van poñer en dúbida a súa inclusión no sector máis alonxado desas actitudes palurdas, machistas, xenófobas ou ignorantes propias de cuñao. A enorme cantidade de artigos e contidos xocosos que lles dedicamos non ocultan o desmedido interese por plasmar esa superioridade.
En realidade, o fenómeno da “cuñadificación” mistura a arrogancia con certa falta de empatía social. Quizais vostedes pensen que só se trata dunha reacción natural fronte aos comportamentos máis bastos. Todos desfrutamos de ridiculizar a intelectuais provocadores, a fatuos periodistas ou a políticos que nos toman por idiotas. Pero non nos enganemos, a maioría das veces usamos cuñao para recrearnos coa inferioridade de alguén sinxelo, torpe ou imprudente. Algo que non me parece moi edificante. Desde logo, facer notar a preeminencia absoluta da nosa visión das cousas non é recomendable, nin fronte a un célebre ultracuñao nin fronte a un humilde bocachanca que fale da inmigración no bar da esquina. Tapalos baixo unha caricatura non ten sentido, salvo o de desfrutar co desprezo de persoas que o máis normal é que estean equivocadas.
O fenómeno da “cuñadificación” mistura a arrogancia con certa falta de empatía social
Cómpre añadir, ademais, que a “cuñadificación” está sendo tan expansiva que calquera pode ser vítima. Eu recordo ser rebaixado nas redes só por reclamar imparcialidade mediática no asunto Pelicot. Certo dogma feminista esixíame darlle credibilidade incondicional a todas as declaracións da pobre vítima, pero como a min parecíame legalmente incorrecto expuxen as miñas reticencias procesuais. Cuñao e marichulo foi o máis bonito que me chamaron ata que acabei bloqueado, porque cos cuñaos non se discute.
Habería que ter en conta que moitos dos ditos cuñaos, ocasionalmente fatuos ou pailáns, eran os que acodían a visitarte ao hospital cun debuxo de preocupación no seu rosto, os que prestaban atención a todos os parentes, inventaban pallasadas para os nenos e non ignoraban aos anciáns
En canto aos novos patróns sociais que derivan nunha menor empatía, é probable que faciliten tamén o fenómeno cuñao. Precisamente o seu substrato básico é un machista e bocalán do pasado, cando as sólidas redes sociais aínda eran de carne e óso. O arquetipo na versión actual aprovéitase do esquelete sociolóxico daqueles homes que acaparaban unha celebración familiar para presentar o seu coche novo, propoñían brindes bochornosos na voda dunha prima ou abafábante con consellos domésticos. O que non entendo é por que aínda non é de cuñao vestir xerseis navideños de cores rechiantes nos fogares ateos, poñer a tatuaxe dun dragón no pescozo, subir a Instagram a túa foto cun sofisticado prato nun restaurante de moda ou festexar polas rúas de Dubrovnik unha despedida de solteiro abrazado a unha boneca inchable...
En calquera caso, habería que ter en conta que moitos dos ditos cuñaos, ocasionalmente fatuos ou pailáns, eran os que acodían a visitarte ao hospital cun debuxo de preocupación no seu rosto, os que prestaban atención a todos os parentes, inventaban pallasadas para os nenos e non ignoraban aos anciáns. Certo que ás veces caían en resesas diatribas sobre as minisaias ou a libertinaxe, xa sabemos que cada tempo ten as súas limitacións ideolóxicas, pero moitos daqueles homes afoutos arranxábanche a caldeira un día festivo ou acompañábante como avalistas a pedir un préstamo ao banco sen máis preparativos que a súa humilde camisa recén pranchada. Lamentablemente, dame a sensación de que algúns deses comportamentos que antes nos conectaban no son hoxe máis ca vellos hábitos de cuñao.
Ignórenme, se queren, pero con esa actitude só conseguirán alonxarse un pouco máis da nosa realidade común e crear máis ocos neste esceario domesticado onde os cuñaos aínda podemos conservar algo vivo e diferente que dicir
É posible que esta soberbia cultural siga en aumento mentres minguan as relacións cercanas e entrañables. Xunto a estas esvaecerán o risco, a incertidume e o compromiso aparellados ao trato persoal; e quizais moitos o celebren, pero viviremos sen dúbida máis distanciados. Na actualidade, os amigos, parentes e veciños parecen respectar en maior medida o noso espazo e observar un trato máis correcto e menos polémico. Rodéanos un crecente número de cidadáns dinámicos, veganos, runners e esmerados “papás” de mascotas que rara vez incorren en arroutadas patrióticas, alardes fóra de lugar ou vulgares piropos, pero tamén están menos dispoñibles para tomar unhas birras sen mirar a axenda, cedernos unha habitación na súa casa durante uns días ou acudir ao velorio do noso avó se o poden evitar cun Whatsapp.
O fenómeno cuñao parece o síntoma de todo un cambio social. Agora ben, pase o que pase, pídolles que eviten reprobar constantemente as facetas torpes, infantís ou desbocadas dos cuñaos. Pensen que vivimos entre xente real e imperfecta, pero tan imperfecta coma nós. Dígollo eu, un cuñao de manual. E ignórenme, se queren, pero con esa actitude só conseguirán alonxarse un pouco máis da nosa realidade común e crear máis ocos neste esceario domesticado onde os cuñaos aínda podemos conservar algo vivo e diferente que dicir.