As pandemias sí saben de xéneros, e magnifican as desigualdades. Nesta pandemia do Covid-19, as mulleres estiveron e están en primeira liña nesta emerxencia sanitaria global, pois son as mulleres, como en todas as crises, guerras, etc. sempre as mais prexudicadas. Neste caso as mulleres son dobremente vítimas: do virus e do machismo. Son suxeitos expostos a multitude de enfermidades para as que o patriarcado non quere atopar vacina.
As pandemias sí saben de xéneros, e magnifican as desigualdades. Nesta pandemia do Covid-19, as mulleres estiveron e están en primeira liña nesta emerxencia sanitaria global, pois son as mulleres, como en todas as crises, guerras, etc. sempre as mais prexudicadas
As profesións feminizadas foron e son o puntal de contención do virus, evitando a súa expansión e propagación, por iso é esencial recoñecer o traballo das mulleres, especialmente relacionado cos coidados, tal e como o feminismo leva demandando décadas.
Non é que diga eu que as mulleres estamos en primeira liña como soporte fundamental do sostemento da vida, basta botarlle unha ollada aos datos que indican, por exemplo, que o 70% do persoal do sistema sanitario son mulleres, inda que se continúe falando de “médicos e enfermeiras”, ou que o 89% das repoñedoras e caixeiras son mulleres, como o 97% das empregadas de fogar, o 81% das psicólogas tituladas, o 71,6% das farmacéuticas, etc.
As mulleres comezaron esta emerxencia sanitaria cunha tremenda desigualdade laboral e económica. Ao longo dos últimos anos, diversos sindicatos e organizacións xa deron a voz de alarma sobre a enorme fenda de xénero existente no noso mercado laboral, que en vez de reducirse foise agrandando desde a crise financeira de 2008.
No mercado laboral vanse resentir os traballos precarizados, que son os mais feminizados, e a consecuencia será que se precarizarán inda máis, polo que probablemente vexamos mais paro feminino, pero o confinamento deixou en evidencia outra realidade: a das mulleres que sofren violencia de xénero, pois existen probas evidentes de que, en tempos de precariedade económica e inestabilidade social, estoupa a violencia machista.
Moitas mulleres víronse obrigadas a calar, a pesares de estar en perigo, por non ter outro lugar ao que ir ou por non atreverse a denunciar nun momento tan delicado no que a sociedade estaba máis ocupada en loitar contra un virus que en salvalas dunha morte anunciada
O encerro das vítimas cos seus maltratadores tamén pode redundar en situacións de maior dependencia ou menos recursos e empoderamento para rachar esa situación, e durante o confinamento domiciliario, esqueceuse que as casas poden converterse nun inferno para moitas mulleres. Moitas mulleres víronse obrigadas a calar, a pesares de estar en perigo, por non ter outro lugar ao que ir ou por non atreverse a denunciar nun momento tan delicado no que a sociedade estaba máis ocupada en loitar contra un virus que en salvalas dunha morte anunciada.
Segundo datos do Ministerio de Igualdade, na primeira quincena tralo estado de alarma a principios de ano, as chamadas ao 016 aumentaron un 18,2% respecto á quincena anterior. Os datos indican que pasaron de 23 consultas a 85 en só 15 días. Todo iso nun contexto de convivencia que fai especialmente difícil calquera movemento, porque o primeiro que busca o maltratador é illar á vítima, e o confinamento é a coartada e o escenario perfecto para facelo.
O Informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, presentado en marzo, indicaba que en 2019 houbo 168.957 denuncias por violencia de xénero. Esta cifra serve para medir a magnitude do problema máis alá da súa expresión máis cruel, que son os asasinatos.
A realidade constata día a día, por desgraza, que este tipo de violencia non cesa, polo que é esencial seguir traballando a prevención, información, intervención... porque ás mulleres non nos resignamos, vainos a vida nelo.
Poderíase crear un protocolo de emerxencia para a atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade entre FEGAMP, Xunta de Galicia, Deputacións, Subdelegacións do Goberno e os diferentes Colexios Profesionais
Poderíase crear un protocolo de emerxencia para a atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade entre FEGAMP, Xunta de Galicia, Deputacións, Subdelegacións do Goberno e os diferentes Colexios Profesionais que xestionen, con profesionais especializadas, atención psicosocial ou reforzar a atención ás mulleres, sobre todo no rural, mediante atención telefónica e incorporando nos equipos dos Centros de Información ás Mulleres ás profesionais da Educación Social para favorecer unha intervención interdisciplinar e asegurar o acompañamento socioeducativo ás mulleres e crianzas vítimas de violencia, así como habilitar liñas de axuda económica de xeito inmediato, a disposición das mulleres desde o momento en que abandonen o domicilio por situacións de violencia machista.
O 25 de Novembro conmemórase o Día Contra a Violencia de Xénero, pero cómpre, todos os días do ano, tomar conciencia e recoñecer o feminino, que adoita estar estigmatizado, como importante. Fai falla máis feminismo como proposta, como visión de longo alcance, como horizonte morado e como resistencia. Porque todos os días son 25N.