O paso do pazo de Meirás ao patrimonio público está a xerar un debate sobre o seu futuro. O presidente da Xunta de Galicia manifestouse a prol de “convertir el pazo en el faro de la igualdad”, xustificando ese obxectivo no “legado de Pardo Bazán como precursora de la igualdad de derechos”. E altos cargos da Xunta (o conselleiro Román Rodríguez e o director xeral Anxo Lorenzo) presentaron en poucas horas unhas propostas de uso nas que se insistía en facer xustiza “a la apuesta por la libertad de doña Emilia”. Resulta obvio que nesas posicións hai un intento de eliminar ou reducir ao mínimo a referencia franquista e un futuro sobre a memoria. Por suposto, pero o que neste comentario quero manifestar é que esa manobra se cimenta sobre unha interpretación errónea da historia e da figura de Emilia Pardo Bazán. Un personaxe destacado que merece recoñecemento polo seu labor literario, acción cultural e a defensa do protagonismo da muller na sociedade. Esa relevancia e a relación co pazo de Meirás fan obrigado que alí se lle lembre e celebre. Non obstante, como veremos, a súa vida e obra non se poden asimilar ao concepto de igualdade.
Na nosa análise trataremos de non caer nunha deformación presentista, valorar o pasado desde criterios da actualidade. Situaremos o personaxe na súa época, observándoo desde o que se demostrou era un camiño do progreso, pero sen esquecer o contexto onde se desenvolveron as súas accións e a mentalidade do momento. Por iso, por exemplo, non imos dicir que Emilia Pardo Bazán é incompatible co concepto de igualdade porque foi racista e antisemita – que o foi – porque moitos intelectuais españois e galegos do seu tempo compartían esa perversa ollada.
A escritora banalizou e ridiculizou a queima de xudeus nas fogueiras inquisitoriais, “¡vaya V. a llorar por unos cuantos judíos achicharrados en el siglo XVI!” (carta a Luis Vidart, 1881), amosouse comprensiva coas persecucións antisemitas e xustificou o trato inxusto recibido por Dreyfus pola súa orixe xudía. Emilia aplicaba unha versión conservadora do darwinismo social: as razas e linguas loitan, unhas gañan e outras deben aceptar a derrota, unha marxinalidade irreversible, a que atribuía ao idioma galego. A súa “raza” era a superior, como explicou en 1887: “No es sorprendente el caso para los que creemos en la superioridad absoluta de la raza indoeuropea, noble y preclara, capaz de las más altas y profundas concepciones a que puede arribar la humana mente” (La revolución y la novela en Rusia).
Clasismo militante e excluínte
Dubidamos que Emilia Pardo Bazán se poda asociar a un “faro da igualdade” porque mantivo como sinal de identidade un clasismo militante e excluínte. Para a escritora a sociedade estaba constituída por sectores diferenciados e impermeables. De orixe fidalga con algún parente nobre, a familia Pardo-Bazán Rúa-Figueroa situou como prioridade constante dous elementos: o establecemento de diferencias sociais e o seu ascenso ao cumio da aristocracia, do que non formaban parte. Sabemos que o pai adquiriu o título pontificio de conde dun xeito pouco presentable, tras un exercicio de transfugismo político en 1869, con simultánea negociación e doazón ao arcebispado de Santiago. Así acadou o título pontificio de conde, que convalidou para o seu uso en España negociando coa contorna do rei Amadeo, o monarca ao que a familia boicoteaba e despreciaba. En 1908 a Emilia concedéuselle o título de Condesa de Pardo Bazán, que cambiou polo de Torre de Cela en 1916. Pasou ao fillo Jaime, non ás fillas, o título de Torre de Cela e este realizou arduos esforzos para que a Casa Real lle concedera a condición de Grande de España, o grupo máis selecto da nobreza. Emilia quixo que ese afán diferenciador tamén se visualizara en símbolos externos; a estrafalaria reforma da que era a Granxa de Meirás, iniciada en 1894, pretendía amosar iso. Como complemento lóxico desa visión medieval e elitista, a novelista expresou nos escritos a súa oposición radical á mobilidade social, que situaba como pecado digno de castigo, agás para ela e os seus.
En 1873 anotou nas súas impresións da viaxe por Francia esa perspectiva dunha sociedade segmentada. E xa no inicio indicaba: “La desgracia inmensa de la Francia es que la segunda [a clase media] predomina”. Si, ese era o grupo social odiado (“he ahí el lodo”); “el gusano que roe sordamente su corazón [o da sociedade], he ahí la lima que poco a poco desgasta el bronce para descubrir el barro”. Aos traballadores tratabaos con desprezo, como nenos pequenos precisados de guía (“es en Francia como en todas partes un niño grande con pasiones de hombre y corazón a veces de ángel. En él está la escoria y el oro, la nieve y la lava, la abyección y la grandeza. Extraviado hoy por un fanático o un infame, será mañana redimido por un apóstol o un mártir. Bien y sanamente guiado, sería la esperanza de su patria: hoy está en mal camino y caerá tal vez en el precipicio”). Da nobreza precisou que “no hay frases bastantes para alabarla”; como explicou en numerosos escritos, as clases aristocráticas estaban destinadas a exercer a “influencia civilizadora”.
Emilia menosprezaba aos labregos, persoas que malvivían, traballando en base a unha institución de orixe medieval, o foro, a cuxa redención opuxose a súa familia. Ela e os seus vivían básicamente das rendas agrarias, como propietarios absentistas, recibindo entradas procedentes de ata once unidades de explotación agrarias (“partidos”). Mesmo no período no que a escritora recibiu importantes retribucións polo seu labor profesional, estas só supuñan unha cuarta parte dos ingresos totais, case tres pesetas de cada catro procedían das rendas do rural, do traballo desa xente “inferior”. Cómpre salientar que a escritora criticou o determinismo presente nas novelas de Émile Zola porque entendía que negaba a liberdade aos seres humanos, porén no terreo social ela foi bastante máis alá. O desprezo para as clases humildes está acompañado na súa obra dunha consideración delas como un grupo humano cunhas características biolóxicas limitantes, unha especie de raza inferior, que o factor educativo non sería quen de transformar. O que lles correspondía era aceptar a súa posición subalterna. Por iso, cando Emilia falaba dun dos intelectuais que máis odiaba, Jean Jacques Rousseau, facía fincapé en que nacera “plebeyo” e que cometeu o sacrilexio de non aceptar a súa condición, resignarse.
Carácter e insensibilidade social
En diversas ocasións Emilia presentouse como unha muller “campechana”, de trato doado e “franca” nas súas expresións. Probablemente esa “democrática familiaridad” procedía do sentimento de pertencer á elite. Canto o da franqueza, do coñecemento actual da súa biografía salienta o silencio pétreo con que recubriu relevantes cuestións que non lle interesaba desvelar e o uso de terxiversacións nos seus escritos autobiográficos.
A distancia que manifestou cos seres humanos que sofren, cos desfavorecidos, impresiona. Nese punto acertaba Manuel Murguía cando lle dicía en 1896: “¿cree acaso la eximia que el rebaño labriego de su país está compuesto de una especie de animales racionales, cuyo destino se limita á labrar la tierra, pagar foros y rentas, oír misa los domingos y comulgar por Pascua florida?” (“Cuentas ajustadas, medio cobradas”, La Voz de Galicia, A Coruña, 15 de decembro, 1896). A escritora eloxiou en 1905 a decisión de gobernador e alcalde de Madrid de “barrer los golfos, mendigos, busconas, hampones, perdularios, artistas de la miseria y otros gusanillos de la gusanera matritense”. Como vemos, para ela non eran seres humanos, tratábase de vermes (“gusanos y bicharracos”). E non eran pobres “porque su mala fortuna les haya hecho necesitados”, senón por unha inclinación natural, que lles facía “ociosos, dados a un oficio de vagancia y pereza, en que se cultiva la suciedad como una mina, como una renta la deformidad” (La ilustración artística, Barcelona, 17 de xullo de 1905). Doe ler esas frases, constatar a enorme distancia moral con Concepción Arenal, ou lembrar o que dixo en 1916 sobre o desastre da I Guerra Mundial que causou máis de dez millóns de mortos (case todos “plebeyos”), afirmando que atopaba menos irreparable “la pérdida de vidas humanas que la de tesoros de arte” (conferencia “El porvenir de la literatura después de la guerra”). Con ese talante non nos pode sorprender que á morte de Zola por asfixia derivada dunha mala combustión lle escribira a Blanca de los Ríos Nostench un texto ben frívolo e inhumano: “La muerte de Zola ha sido bien insípida. ¡Mire usted que calentarse con carbón mineral, la cosa más dañina, un escritor, abogado del progreso, de la higiene, un naturalista! Yo que solo al acercarme a una chimenea de carbón me pongo trastornada de jaqueca!” (3 de outubro de 1902).
Emilia Pardo Bazán non foi Madame Égalité (tampouco Liberté, nin Fraternité)
Dificilmente se pode afirmar que Emilia Pardo Bazán apostara “por la libertad” porque defendeu de forma continua o absolutismo e a autocracia, a existencia dunha Vontade superior, monarca absoluto, exercendo un poder sen contrapesos. Fíxoo desde unha nostalxia e reivindicación do pasado, do Antigo Réxime previo aos cambios iniciados en EEUU (1776) e Francia (1789), un universo de privilexios para uns poucos e de miseria e inxustiza para a inmensa maioría.
En España o carlismo era a opción política que defendía ese mundo e a el se sumou Emilia. A súa non foi a sedución pasaxeira e superficial dunha moza, formou parte do carlismo máis da metade da súa vida, ata 1888, en dúas etapas. Na primeira cun elevado compromiso, realizou unha auténtica peregrinación carlista por Europa con visita á quinta do pretendente nos arredores de Xenebra (1873); mesmo, ao ano seguinte, estaría involucrada na adquisición de armas para o exército rebelde. En 1888, xa sen o marido José Quiroga, visitou en Venecia ao “rei” carlista, fronte o que se axeonllou. Buscaba conciliar a parte moderada dese movemento co que representaba na España da Restauración a dinastía Borbón reinante.
En todo caso, alén da militancia, Emilia Pardo Bazán continuou toda a súa vida defendendo un pensamento político e social autoritario, antiparlamentario e contrario á soberanía popular sobre o que iniciara un escrito xa en 1877, “Teoría del absolutismo”, e que se plasmaría na súa obra. Mesmo en pleno éxito literario, nas conferencias do Ateneo de Madrid a principios de 1887 sobre a novela rusa (La revolución y la novela en Rusia), amosouse favorable ao absolutismo. Para ela “la autocracìa no nos parece un abuso secular ni tiranía violenta”; en Rusia observou “labriegos puros” que amaban ao tsar, “padrecito” e “no contaminados por la civilización occidental importada del corrompido Occidente”. Mesmo coidaba superior a organización dos mir campesiños que ás constitucións dos países liberais (que cualificou de “derecho estéril e ilusorio escrito en papel y envuelto en fórmulas”). En coherencia con esas posicións, realizou unha crítica superficial ao caciquismo político do seu tempo pero nunca criticou as institucións que constituíran o cerne do Antigo Réxime: a Monarquía e a Igrexa. En distintas intervencións celebrou o labor da Inquisición e rexeitou que xogara un papel negativo na difusión do coñecemento.
A escritora posicionouse fronte ao liberalismo, contraria ao pensamento democrático do seu tempo. Non aceptaba, entre outros, o artigo primeiro daDeclaración dos Dereitos humanos de 1789 (os seres humanos nacen e permanecen libres e iguais en dereitos). A súa defensa dunha volta ao pasado fai que sexa difícil considerala como unha liberal conservadora, pois opinaba como unha reaccionaria e nela estaban presentes as ideas de pensadores como Joseph de Maistre, Louis de Bonald e Donoso Cortés, antiliberais e nostálxicos do Antigo Réxime.
Unha feminista contraditoria
Emilia Pardo Bazán foi feminista porque afirmou que todos os dereitos que tiña o home debería telos a muller e desde esa perspectiva actuou no debate público. Ademais, sufriu discriminación de xénero, por ese motivo foi excluída inxustamente da Real Academia Española. Expresou as súas ideas sobre estas cuestións en diversas publicacións e intervencións, por exemplo no Congreso Pedagógico de 1892, onde criticou as bases da subordinación cultural feminina e reclamou o dereito a unha educación igualitaria e independencia das mulleres.
Tan relevante ou máis que esas publicacións e declaracións foi a actitude e comportamento. Na súa vida persoal decidiu non aceptar o papel subalterno que a sociedade lle asignaba por ser muller. Pelexou por ser protagonista e ter vida propia nun mundo masculino, mesmo gozar de biografía sentimental autónoma, un percorrido que iniciou ben pronto, con Augusto González de Linares (1873-75), e no que acadou algunha relación exemplar, igualitaria. De feito na súa vida foi moito máis alá que as mulleres que aparecían nos seus escritos. Porén neste tema hai que realizar, de novo, un esforzo por evitar olladas presentistas. Porque a lectura actual dos percorridos vitais e sentimentos das protagonistas femininas das súas novelas sitúanos fronte a comportamentos ben convencionais. Porén, se lemos algunhas reaccións escandalizadas daquel tempo e a outros autores españois da época, observamos eses perfís tradicionais aínda máis marcados, mesmo en novelistas progresistas como Galdós. O mundo literario español movíase afastado da realidade social, nun exercicio de hipocrisía.
De todas formas, e se temos en conta as súas posicións racistas e clasistas, contrarias á mobilidade social, xorden interrogantes á hora de identificar ás mulleres obxecto de dereitos para Emilia Pardo Bazán e os límites destes. Ou sobre como sería posible o exercicio deses dereitos no modelo de sociedade estamental e aristocrática que arelaba a escritora. Tamén sobre a súa consideración do carácter transversal da misoxinia entre as diferentes opcións políticas do seu tempo, unha equidistancia que aínda hoxe segue a ter predicamento. É evidente que a mentalidade misóxina e os comportamentos machistas estaban presentes en todos os ámbitos ideolóxicos, mais o tema esixe algunha matización. Lembremos, por exemplo, o relevante papel que tivo o líder krausista Francisco Giner na fundamentación teórica do feminismo de Emilia; el foi qun lle recomendou a lectura do libro de John Stuart Mill en 1869, The Subjection of Women, do que a escritora extraeu valiosos argumentos. Tanto Giner como Mill eran dous liberais progresistas, o que non nos debe sorprender, pois dese mundo ideolóxico, e do da esquerda no século XX, xurdiron as iniciativas igualitarias, con atrasos e contradicións, pero esa foi a fonte.
Nese capítulo de dereitos resulta ilustrativa do personaxe a resposta de Emilia a unha enquisa de Carmen de Burgos para un libro que esta publicou en 1904 sobre o divorcio: “No contesté a usted porque no tengo opinión ninguna sobre el divorcio, y por lo tanto no me es posible emitirla. Necesitaría dedicarme a estudiar esa cuestión, y no dispongo de tiempo” (El divorcio en España, Carmen de Burgos, p. 71). Levaba vinte anos afastada do marido; iso si, un divorcio disimulado para manter o status patrimonial.
Tamén debería sorprender que a escritora feminista non fixera alusión á misoxinia e machismo presentes naquel tempo en institucións como a Monarquía, o Exército e a Igrexa. De feito, para ela a educación relixiosa era a que menos discriminaba por xéneros: “La grande obra progresiva del cristianismo, en este particular, fue emancipar la conciencia de la mujer”; non dixo unha palabra sobre a discriminación da muller nas estruturas eclesiásticas. Outro elemento difícil de encaixar no seu feminismo é o feito de que non aplicou a súa postura sobre a igualdade educativa ás súas fillas, que tiveron unha formación e vida totalmente tradicionais.
Hai outra contradición que non se pode agachar. Falamos da ausencia de sororidade (solidariedade con outras mulleres) en Emilia Pardo Bazán. A escritora maltratou a varias e usou con elas argumentos misóxinos. Sobre o seu contacto con dúas figuras exemplares, Juana de Vega e Concepción Arenal, só escribiu un comentario ben ruín: “Las dos presentaban un aspecto viril. Juana de Vega mostraba sobre las sinuosidades del labio superior algo que pasaba de bozo, y que sombreaba una boca seria y descolorida. Y doña Concepción Arenal poseía las formas rectas y angulosas de un muchacho que ha crecido pronto” (Diario de la Marina, La Habana, 26 febreiro de 1911). É sabido que a novelista, poetisa fracasada, ignorou a Rosalía de Castro cando en 1880 publicou Follas Novas pero presidiu unha celebración de honra na que menosprezou a súa obra e o noso idioma, e de feito utilizou o evento como nun acto de afirmación ideolóxica persoal.
Que diálogo e que progreso?
Na parte final dos anos setenta do século XIX Emilia Pardo Bazán decidiu ter presenza intelectual no escenario público español. Probou diversas opcións creativas e, intelixente, buscou contactos en diferentes ámbitos; non quería moverse na marxinalidade. Inicialmente obtivo mellor recepción e trato na esfera liberal progresista (os krausistas) que na dos máis próximos ás súas ideas (Menéndez Pelayo e Pereda), remisos a aceptar o protagonismo dunha muller. Porén en 1886, cando xa acadara o éxito, a escritora realizou unha descrición desdeñosa do movemento krausista, ao que debería estar ben agradecida.
Estivo atenta ás novidades e incorporou algunhas á súa obra pero, sempre dócil cos vellos poderes, non chegou a establecer un auténtico diálogo intelectual entre a súa cosmovisión tradicionalista e o mundo liberal, entre outras cousas porque nunca aceptou un cuestionamento das súas radicais posicións. O seu esforzo modernizador limitouse a reclamar do sector tradicionalista que participara nos debates do seu tempo e, sobre todo, a pulir e poñer ao día algunhas das vellas propostas dese universo ideolóxico, porque estaban obsoletas e carecían de eficacia comunicativa no século XIX. De feito, o seu suposto eclecticismo foi máis un artificio que un encontro frutífero entre dous mundos. Por iso relativizou ou ignorou as melloras lexislativas que permitían camiñar cara a igualdade, porque ela priorizaba unha visión preliberal e porque eses avances non encaixaban no seu modelo social. Se entendemos que o labor intelectual emprendido por Emilia Pardo Bazán supuña unha exploración cara outras formas de progreso, á modernidade, habería que explicar en que se concretou esa e outras alternativas semellantes. O que si sabemos é que o percorrido da liña de pensamento na que se sentía cómoda a escritora levou aos autoritarismos de dereita que dominaron en certos países europeos nos inicios do século XX.
Igualdade?, non
Á vista do comentado, coido que a relevante escritora Emilia Pardo Bazán non merece ser a luz dun “faro da igualdade” en Meirás.