Emilio Cao ante a represión e o autoritarismo

“Debajo de las multiplicaciones
hay una gota de sangre de pato”
Federico García Lorca

O medo estase a converter nunha traba mestra desta época. E no fío da navalla da represión e do autoritarismo, o noso compañeiro Emilio Cao

A esperanza mingua de maneira inversamente proporcional ao crecemento do medo e o medo é unha ferramenta poderosísima para o sometemento dunha sociedade. O medo estase a converter nunha traba mestra desta época. E no fío da navalla da represión e do autoritarismo, o noso compañeiro Emilio Cao.

Denunciamos o medo a non chegar a fin de mes, a perder a casa por non pagar a hipoteca, a non ter cartos para pagar a calefacción en inverno ou encher a neveira. Conseguimos que ese medo individual, ese sufrimento privado, saíse do padecemento íntimo e tornase en resposta. Por iso enchéronse as rúas e as prazas. Por iso o «non nos representan» e o «non somos mercadorías en mans de políticos e banqueiros». A reacción ante a dor e o medo tórnase en política, non en política do caneo curto e miope, en política que quere transformalo todo. Así foi na folga feminista do 8-M.

A reacción ante a dor e o medo tórnase en política, non en política do caneo curto e miope, en política que quere transformalo todo. Así foi na folga feminista do 8-M

Pero o medo pode volver impoñerse. Algúns pretenden enterrar á política profana antes de que constrúa pobo. Enfrotámonos á súa democracia de baixa intensidade e a súa medocracia. Porque o medo é o 135, o 155, a lei mordaza, o intento de acalar a Carlos Santiago, o secuestro de libros, de portadas, de obras de arte, de cancións, de chíos e rechíos, detencións de chiadores, rapeiros, activistas, políticos e titiriteiros.

Aínda así, non perdemos a esperanza. Aínda que as nosas mans estean espidas fronte a súa violencia. Nós estamos cos sindicalistas Carlos e Serafín, con Valtonyc, co 1 de Outubro, con Pablo Hasel, Alfon, Cassandra, Fariña, El Jueves e Santiago Sierra, co 8 de Marzo, coas Marchas da Dignidade, con Emilio Cao fronte a cadea. Motivos para a protesta. Palabras e arte contra a represión e a violencia. Temos o deber de rebelarnos contra a proporcionalidade porque a desproporción do sistema é xigantesca.

O vindeiro luns 19 de marzo nos Xulgados do Penal de Julián Carariñas Emilio Cao, un rapaz que saca adiante os seus estudos universitarios mentres participa no activismo xuvenil, enfronta unha petición da fiscalía de 5 anos e 8 meses de cadea. Foi hai catro anos, catro anos de longa espera, cando o Emilio apenas tiña 18 anos.

É doado lembrar esa data. Nese 23 de marzo de 2014 tiñan lugar os funerais de Adolfo Suárez, ao tempo que unha marea de xente ocupaba Madrid esixindo pan, traballo e teito. Eran as Marchas da Dignidade, unha mobilización que partía dos movementos, que procuraba unir loitas. Poucas coincidencias, poucas imaxes entre o novo que chega e o vello que marcha, describen mellor os últimos anos.

En política existen momentos de avance e de refluxo. No momento no que as de abaixo conseguimos activar a tecla da mobilización e da politización do descontento cidadán, o Réxime do 78 activou todos os seus resortes publicitarios e represivos para frear ese proceso de cambio.

As imaxes en branco e negro regresan nun momento no que a política se fai nos xulgados. No que se pretende limitar o pluralismo criminalizando a aqueles e aquelas que cuestionamos a Sacrosanta Constitución e que queremos recuperar o protagonismo das cidadás para poder decidilo todo, para termos unha democracia real. Diante da resposta cidadá á crise e á precarización da vida a criminalización da protesta. Non haberá peticións da Fiscalía nin condenas que nos fagan abandonar as rúas.

Diante da resposta cidadá á crise e á precarización da vida a criminalización da protesta. Non haberá peticións da Fiscalía nin condenas que nos fagan abandonar as rúas

A nosa esperanza nunca se tornará en submisión, non se engurra coas matemáticas, pode máis porque somos ás máis. Esa esperanza é un elemento crucial da Galicia que se move, da que forma parte Emilio, a que demanda pan, traballo e teito.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.