Empatía, responsabilidade ética e tolerancia

Xogo Ruín

Aquel neno
pincháballe os ollos
ós paxaros;
e gustáballe ver saír
esa gotiña
de aire e de luz,
ese rocío limpo
de mañanciñas frescas.

Logo botábaos
a voar
e ríase de velos
topar contra o valado
da súa casa,
con un ruído
moi triste.

Creceu e foi de aqueles.

Luís Pimentel

 

O impulso do novo goberno central aos ‘espectáculos’ taurinos ou a nova proposta de lei de caza de Galicia sitúanos cada vez máis lonxe de ser unha sociedade moderna e avanzada. Recupero algunhas reflexións pasadas pero lamentablemente aínda moi de actualidade. Pódese imaxinar alguén máis inocente que un cativo ou unha cativa. Difícil ! Este poema impacta, non deixa indiferente. Seguramente pensemos cando di ‘foi de aqueles’ na persoa exacta. Viranos á cabeza aqueles que trafican cos soños dos demais e humillan, torturan e asasinan a outros seres humanos. Pero ben poderían facelo, e de seguro que o fan, con outros seres non humanos. Porque o mecanismo de vileza é o mesmo.

Recordo ter lido, non lembro onde, que durante a guerra ‘civil’ o famoso toureiro ‘Manolete’ distraia aos seareiros toureando presos políticos. Que estampa máis terrible! Seguramente corearían ‘Olé!’ coa mesma intensidade que a outra tarde ás cinco no tendido de sol coreaban ‘Olé!’ cando o ‘maestro’ capeaba a un toro. O filósofo Jesús Mosteirín tivo a ousadía de afirmar na comisión do parlamento catalán que debatía sobre o futuro da ‘festa nacional’ que as corridas de toros eran igual de inmorais que a ablación do clítoris ás mulleres practicadas nalgunhas comunidades africanas. E, aínda que a comparativa, poida ser nun primeiro momento, especialmente rexeitable, analizado en detemento darémonos conta de que en realidade o molesto non é a comparación dos feitos, senón en que lugar nos coloca.

O noso eurocentrismo non nos permite que a nosa categoría moral, tras tantos anos de ilustración, estea situada ao nivel de outras cultural do Sur, por suposto inferiores. O noso etnocentrismo  non nos permite aceptar o caracter de suxeito [filosófico] aos seres non humanos, mantendo a diferenciación entre entes ónticos e entes ontolóxicos en base a capacidade de razoar. O noso androcentrismo que permitiu ata hai ben pouco situar á muller fora da condición de suxeito, demagoxicamente ocultámolo para  afirma que esta é unha argumentación sexista.

Bastaría con buscar unha argumentación baseada no respecto e no rexeitamento ao sufrimento para con outros para desterrar as practicas das corridas de touros. Seria suficiente unha mirada limpa para darse conta que as supostas tradicións culturais, sexan de torturas de animais ou de castración sexual de persoas, son iso lamentables tradicións pero non poden ter o ‘status’ de culturais. A filosofía e o pensamento ten ido ensanchando o concepto de ‘suxeito’ desde un primeiro estadio restritivo, por razóns de clase ou xénero, ata un estadio máis amplo.

Pero,  vaiamos máis ala, poñamos en cuestión as nosas crenzas tal como plantexa a filosofía fenomenolóxica, ensanchemos o suxeito, ampliémolo aos seres non humanos en tanto en cuanto realidade corporea que constrúe espazo, que formatea o tempo e que valora emocionalmente. Deamos un paso máis, asumámonos como seres parte dun ecosistema integrado, que temos unha responsabilidade co noso hábitat, co planeta, e cos nosos veciños, os animais non humanos. Entendamos os nosos sentimentos, na base da nosa corporalidade, como unha habilidade pre-racional que nos sirve para analizar con rapidez a realidade para reaccionar. Como un medio para expresar [a outros], para facerse comprender. E a vez recibir, a través das emocións dos outros, información de cómo esta e cal vai ser a súa reacción.

As especies están en interacción con outros seres vivos [tamén doutras especies] e as emocións teñen unha importancia central, por iso se teñen mantido ao longo do proceso evolutivo. De tanto contemplarnos cono seres intelixentes e superiores temos esquecido que somos animais e con elo deixamos a nosa esencia de ‘animalidade’, perdemos o contacto con esa parte nosa e coa natureza e tamén de paso perdemos estratexias ou habilidades de supervivencia.

Pensemos que quizais por iso é posible que non sobrevivamos. Perdemos o olfacto da supervivencia e a pesar de que tódolos datos ‘racionais’ nos din que estamos actuando de xeito ‘homicida’, pero tamén ‘suicida’ con respecto á natureza a nosa capacidade de reacción é mínima. As emocións primarias [medo, enfado, tristura e alegría] son comúns a todos os mamíferos e son á vez estratexia de supervivencia e capacidade de reacción cos demais seres. E eses sentimentos nos levan á empatía [emocional] como habilidade para poñerse no lado do outro.  E iso nos leva directamente á tolerancia [primaria].

A empatía e a tolerancia son estratexias presentes en moitos seres  humanos e non humanos. Tratase de estratexias pre-racionais para vivir e para con-vivir cos demais coa mínima molestia e salvagardando a convivencia en paz. A intolerancia, máis aló do necesario, xurde na racionalidade. Construímos muros de separación e deseñamos guerras e estratexias bélicas froito da nosa capacidade non para defendernos, como os animais non humanos, senón para atacar. E así é como construímos ‘divertimentos’ que se basean no ataque, no combate e na tortura de outros seres.

O raciocinio forma unha envoltura, reconstrúese os sentimentos, canalizase, manipúlanse e distorsiónanse. Recibimos información doutros seres e debemos responder a esas demandas. Se as demandas son positivas como o son un sorriso amable, unha voz cálida, uns ollos enigmáticos ou un xesto cálido a non resposta converteríanos nun seres insensibles.

Se as demandas son negativas como un berro esixindo xustiza, unha mirada triste diante dun desastre medioambiental, unha suplica nas sombras ou unha pena interior a non resposta convértenos nuns seres cínicos. As emocións son corpóreas, polo tanto innatas non é necesario educalas, cultivalas, racionalizalas ... basta con non castralas.

A intelixencia racional é un arma de dobre fío. Se utilizamos a razón con sensibilidade podemos agrandar a nosa empatía e a nosa proximidade; se pola contra nos deixamos levar pola ditadura da razón, polo racionalismo, converterémonos nuns monstros capaces unicamente de relacionarnos con nos mesmos. En todos caso esta actitude de ausencia de responder moralmente diante das demandas dos outros invalida calquera pensamento ‘ilustrado’ que sobre a ética se poida facer en base a categorías. A filosofía, entón, perdería a súa razón de ser.

Volvendo ao principio. De seguro que non hai nada máis inocente que un cativo a xogar, pero tamén de seguro que o cativo que observa unha realidade violenta ou racionalmente se lle predispón para a maldade pode co tempo chegar a  convertese nun ‘de aqueles’.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.