Detesto o termo “emprendemento”. Solicito formalmente a súa abolición. Teño motivos abondo
Detesto o termo “emprendemento”. Solicito formalmente a súa abolición. Teño motivos abondo.
Para empezar, de cara á administración pública (local, provincial, autonómica, estatal, europea e mesmo a ONU), as entidades financeiras e outras institucións con poder de decisión na cadea trófica de gañar o pan diario, eu son o que chaman unha “emprendedora”. O eufemismo de traballadora autónoma, para ser clara.
Para continuar, é unha palabra que está ata na sopa. Non hai plan de resiliencia, iniciativa pública de apoio ao emprego ou liña de axudas que non a inclúa. O pouco contido que tiña, perdeuno co uso. Fatiga do material.
Teño experiencia abonda no sector micro empresarial como afirmar sen medo a me trabucar que calquera iniciativa ou proxecto que se inscriba e acaia á perfección nas condicións que o sistema pon para recibir os cualificativos de innovador, emprendedor ou a prol do desenvolvemento, vai precisar altas doses de demagoxia e moitas máis de falsidade.
Outro termo que solicito desapareza do dicionario do mercado laboral e empresarial é o de “desenvolvemento”, así como o acrónimo I+D+I (Investigación + Desenvolvemento + Innovación). Do terceiro I podo opinar ata encher un sisudo ensaio, que non resultaría benévolo co concepto que abeira.
Teño experiencia abonda no sector micro empresarial como afirmar sen medo a me trabucar que calquera iniciativa ou proxecto que se inscriba e acaia á perfección nas condicións que o sistema pon para recibir os cualificativos de innovador, emprendedor ou a prol do desenvolvemento, vai precisar altas doses de demagoxia e moitas máis de falsidade. Pero vou por partes.
A innovación, neste sistema que ten a súa meta linguaxe e semántica particular, está sempre, sempre, ligada ao tecnolóxico. Se non hai unha implementación de novas tecnoloxías, máis en concreto das do campo das TIC ou a IA, pérdese a oportunidade de abeirarse aos apoios públicos. Porén, innovar significa, en puridade, crear algo novo. Non si?
O emprendemento, que por etimoloxía e definición do dicionario debería significar “comezar algo novo”, pasa necesariamente polo auto emprego e a precariedade.
O desenvolvemento non é comprendido máis que como o enlace entre ambos. O que hai que facer, logo de “emprender” para “innovar”.
A innovación non viría sendo máis que apuntarse a aquilo que se cualifica como “novo” e que, desde o mesmo intre no que se populariza e repite ata aborrecer, deixa de selo
Daquela, a innovación non viría sendo máis que apuntarse a aquilo que se cualifica como “novo” e que, desde o mesmo intre no que se populariza e repite ata aborrecer, deixa de selo (Os aloxamentos “ecolóxicos” en “cabanas”, ou o “glamping”, por poñer algún exemplo de tantos posibles en tantos eidos).
Xa non se trata só das posibles axudas e apoios que desde o público (a administración) e o privado (a banca) se poidan achegar a propostas verdadeiramente emprendedoras, innovadoras e a prol do desenvolvemento. A cousa vai máis aló, porque contamos cun corpus lexislativo que só regula e establece normas e opcións de realización para as ideas que xa existen, para o que xa se fixo. Logo, atopámonos ante o paradoxo de que non hai maneira de encaixar algo novidoso, posto que non conta con marcos regulamentarios nin, por suposto, se prevén as excepcións nin a excepcionalidade.
O talento xenuíno non emprende, desenvolve nin innova segundo estes parámetros. Este bucle de miopía que fai da nosa sociedade un sistema decadente, só pode ser rachado se mudamos os significantes e os significados
O talento xenuíno non emprende, desenvolve nin innova segundo estes parámetros. Por iso, acho, ese potencial remata por verse ante unhas poucas opcións. A saber, dúas: desistir completamente, ou desistir en parte (adaptando o concibido aos marcos e a semántica vixentes). Podería incluír unha terceira, mais pasa por cambiar de escenario e realizar a alta traición de irse coa súa idea e talento cara terras máis abertas e valentes. A cuarta sería saltar ao baleiro e cruzar os dedos. Ás veces funciona.
Este bucle de miopía que fai da nosa sociedade un sistema decadente, só pode ser rachado se mudamos os significantes e os significados. Se no marco público (o da lexislación e a visión da gobernanza) o I+D+I fose para Imaxinación + Diverxencia + Innovación (esta última, a auténtica), se cadra empezaría a ser posible retomar o significado de “emprender” e tamén, por que non, albiscar algunha luz na fin deste túnel gris. Se cadra, veríamos proxectos polo desenvolvemento sostible verdadeiramente ecolóxicos, propostas turísticas saudables e enriquecedoras ou proxectos culturais que de certo cumprisen a súa función transformadora. Por exemplo.