Empresa do desasosego

Após cinco séculos, o maquiavelismo acabou tendo suceso nas escolas de negocios e liderado. Coa crise salutífera, os gurús  do management  acabaron  por introducir taumatúrxicas palestras de ética corporativa e social. A concepción empresarial do capitalismo neoliberal, a mudanza retórica do emprendemento que todo o semella colonizar, vai deixando ao seu paso expectativas de felicidade dixestiva que nos manteñen ben ocupados e xustifican a dominación.

Após cinco séculos, o maquiavelismo acabou tendo suceso nas escolas de negocios e liderado. Coa crise salutífera, os gurús  do management  acabaron  por introducir taumatúrxicas palestras de ética corporativa e social

Porén, Maquiavelo máis do que un estratega dos negocios e da política, a súa arela vai ser virar os moralizantes tratados medievais da arte gobernar como simples pastoreo de virtudes para pasar a concibir o interese persoal, a vontade e a ambición como motores das accións do príncipe e dos súbditos e, por tanto, como acaidos alicerces dunha ciencia da política e da economía. Fronte ao ideal do rei cristián que tiña que coidar dos súbditos, Maquiavelo enxergou a necesidade de irmos directamente á verdade efectiva e non a concepcións imaxinarias, unha vez constatado ao xeito irredimíbel dos Newton e Galileo, que unha cousa é como viven os homes e outra como deberían vivir. A feitos que estamos a un deturpado uso instrumental das cousas, a miúdo esquecemos que o desexo de acadar unha cousa é algo natural e habitual. Se ben significa aceptarmos que na humana razón teñen cabida as paixóns dos cobizosos de riquezas e os desagradecidos, os hipócritas e os volubles. Maquiavelo acabou por afirmar que aquel que dirixa o seu comportamento polo ben acabará na ruína entre os moitos que teñen outros obxectivos.

Acho que os programas para filosofía en 4ºde ESO e a troncal de 1º de bacharelato deron por feito que o home que volveu á caverna cos seus compañeiros de presidio

Certo é que nada lle impide ao filósofo emprender ou tomar ao seu cargo unha empresa, xogar na bolsa ou especular a eito. Acho que  os programas para filosofía en 4ºde ESO e a troncal de 1º de bacharelato deron por feito que o home que volveu á caverna cos seus compañeiros de presidio, logo de ter comprendido que a realidade das cousas desaba a tremente feitura das sombras proxectadas polo lume, non ía volver canda eles porque ficaría no exterior a crear unha empresa.  Haberá quen afirme  con indisimulada certeza que nada lle impide a un filósofo abrazar o emprendemento ou ser accionista dunha transnacional, moi acaido para quen defenden con convicción  cínico-realista a fin da historia, e con ela, a fin da filosofía. Mesmo poderían acrecentar que  a inevitabilidade de racionalización do aparato produtivo, coa multiplicación das funcións, toda dominación asume, ao cabo, a forma do management e da administración. Baixo esas circunstancias non semella ser relevante cuestionarse si a filosofía, que contribueu decisivamente a minar os seus propios fundamentos, se torna negatividade da razón e vén ser tratada como un subproduto conceptual de troca por directivos e expertos en eficiencia.

Ao cabo, o que o texto da LOMCE recolle é a crecente disonancia entre a liberación potencial e a represión da totalidade, aínda que o seu carácter ideolóxico- escribiu Marcuse- non altere o feito de que acadou  beneficios reais – cultura material derivada da racionalización tecnocientífica da terra- a costa de sacrificar tempo, conciencia e promesas de liberdade e xustiza para todos.

Na exquisita humanidade e urbanidade de Descartes pouco conforto se adiviña tras as amábeis e persuasivas palabras dun pensamento que  sigue a se mostrar como norma exemplar do clima que debería reinar na república das letras

Imaxinade uns homes que viven dende a infancia encadeados de pés e brazos dentro dunha cova – exhorta Sócrates na República.  O “eu” empírico que nos fala duns homes que viven dende a infancia encadeados de pes e brazos dentro da cova amósase no mito platónico un vieiro narrativo que Descartes retomou para deixar ao lector a liberdade de dubidar das propias preguntas e avanzar se o quixer até o cerne do pensar e facelo, se callar, contra un mesmo. Na exquisita humanidade e urbanidade de Descartes pouco conforto se adiviña tras as amábeis e persuasivas palabras dun pensamento que  sigue a se mostrar como norma exemplar do clima que debería reinar na república das letras. A pesar de inserir unha actitude, moi pouco empresarial, que para moitos mortais continua a ser decepcionante porque malia as expectativas creadas non permite demasiadas comodidades.

Sempre houbo na filosofía unha exixencia de realidade. Porén, a experiencia que a interpela non é, ao meu parecer, o que a LOMCE teima expresar en termos competenciais  afirmando con imprudente descortesía que o obxectivo dalgúns dos seus programas de  filosofía aplicada é “coñecer o preguntar radical e maiéutico dirixido a deseñar unha idea empresarial”.   A Lei Wert dá por feito que a  filosofía nos fai máis competentes  sen nos dicir de que falamos  cando falamos de competencias. Niso non ficou só:  hai tempo quen teima en ofrecerlles aos homes cavernarios un recetario, un abonamento a un lindo espectáculo de sombras dixitalizadas que lle permita invisibilizar á ideoloxía da eficacia as súas paisaxes de desolación. O que é retrogresivo  non é o fólego de suposta transversalidade curricular  que se lle quere dar á filosofía, unha certa mecanización e regularización esfanicada, mais o seu encubrimento sob radicalidades e emprendementos espurios que culminan coa deificación  da eficacia produtiva.

A Lei Wert dá por feito que a  filosofía nos fai máis competentes  sen nos dicir de que falamos  cando falamos de competencias

Mais velaí que esa facultade resolutoria, o sentido das aptitudes que se precisan en filosofía  ten cando menos dúas raiceiras que a tornan pouco acaida para o seu uso instrumental, menos aínda como fornecedora de competencias en espírito empresarial e emprendemento: a consciencia da propia ignorancia e o sentido da admiración, da sorpresa e da sospeita permanente. Dubidar filosoficamente das propias preguntas é gorentar aquilo que o pensador sabe que lle falta: a sabedoría. É arriscarse a perderse. A consciencia desa insuficiencia medra na touza e debería abondar para disuadir calquera intento de filosofía tónica ou reconfortante. Heidegger- que tamén tivo momentos de honestidade– preguntábase até que punto a tarefa da filosofía é alixeirar de angustia, mais someter radicalmente a ela. A filosofía, para o dicir ao xeito pessoano, é unha empresa do desasosego pouco útil ao emprendemento como negocio. Importante problema  este,  ben sexa dende unha concepción da metafísica-técnica como principio explícito de crítica social (“escola da sospeita” e vangardas existencialista de comezos do XX)  ou ao modo de Heidegger, que viu na tarefa do pensar non contentarse coa cotiá representación do que está presente e para a que Brecht achou  penetrante e marabillosa expresión: “No que non é de estrañar / Descubran o que hai de estraño! / No que parece normal / Vexam o que hai de anormal! / No que parece explicado / Vexam canto non se explica! / E o que parece comun”.

A filosofía, para o dicir ao xeito pessoano, é unha empresa do desasosego pouco útil ao emprendemento como negocio

O exemplo da admirábel odisea individual de Descartes foi a dunha emancipación que abriu a intelixencia a un novo eido epistemolóxico e antropolóxico: un “eu” que pensa con método a procura dos outros, tornándose nese movemento un “nós”. Como podería achegar  sosego quen procura sen saber o que é ? A consciencia da propia ignorancia deberíalle impedir ao filósofo a defensa dunha filosofía prêt-a-porter, reconfortante e con RSC (responsabilidade social corporativa). Hume dicía que o simple filósofo é un tipo humano que non gorenta de aceptación no mundo, supoñendo que non achega nada á utilidade  xa que vive afastado do contacto coa humanidade, enguedellado que está en principios igualmente afastados da comprensión daquela. Mais a moderna concepción da filosofía acrecentou que non se concibe a si mesma como desinteresada contemplación malia o persistente pathos bíblico dalgúns dos seus representantes académicos. De feito, o filósofo non pode afirmar que a cidade e a filosofía procuren o mesmo mais deberá cuidarse das imposicións, o que significa unha preocupación por persuadir. Descartes no Discurso procurou a aprobación da opinión pública adoptando, con transparencia comprometedora, a lingua vulgar como vieiro de pensamento para quen descoñecía na altura o latín e a república das letras. Albiscou un camiño de non retorno. Nada mellor que a fértil disposición do Discurso para albiscarmos hoxe en día que a filosofía é fundamentalmente democrática, un ethos de cooperación axeitado para o traballo en común e, por iso, non reducíbel á política, á relixión, á moral, á pedagoxía ou ao espírito empresarial. 

Malia a colonización empresarial da filosofía, do fráxil e inconsistente que foi aquel acordar, non sería honesto nen ben acaido obviar que a filosofía radical que inaugurou Descartes tamén foi o dunha política emancipatoria radical

Esa aventura que inaugurou Descartes é un antídoto contra un sistema que precisa disciplinar suxeitos ás esixencias dun mercado laboral ao servizo da nova economía. A disciplinada retórica das escolas de negocios é o discurso dun sistema económico que vai deturpando a linguaxe, inoculándose  de xeito transversal e expansivo en todos os eidos culturais. Ao cabo, o  peso da filosofía na LOMCE á vista da condena a morte de Sócrates pola democracia ateniense semella máis unha parodia do que unha pérfida sofística. Mais cómpre non esquecer que a lei Wert non ficou só nesa volta de porca até o punto de que, nun bo exemplo de “astucia da razón”, hai quen gosta da idea de que a filosofía nos fai máis competentes.

Malia a colonización empresarial da filosofía, do fráxil e inconsistente que foi aquel acordar, non sería honesto nen ben acaido obviar que a filosofía radical que inaugurou Descartes tamén foi o dunha política emancipatoria radical.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.