A recente morte de J.M. Castellano ten orixinado a lóxica aparición de obituarios e lembranzas sobre a súa figura. Constatouse a común consideración da súa contrastada capacidade como executivo de diversas organizacións empresariais. Na vella distinción académica entre aqueles administradores que son propietarios dun capital previamente conformado e aqueles directivos que exercen o seu rol por mor da creatividade innovadora e da elevada habilidade xestora que acreditan, Castellano formaba parte destacada deste segundo grupo.
Que tería ocorrido se Ortega se fixera co control de Unión Fenosa, Novacaixagalicia e, complementariamente, do Banco Pastor? Obviamente, nunca o saberemos
Nas crónicas biográficas publicadas, fíxose unha obrigada referencia á importancia da súa relación con Amancio Ortega de quen foi, na práctica e durante varios anos, a súa "man dereita" no poderoso conglomerado constituído arredor de Inditex. Porén, nese repaso histórico non houbo alusións a dúas discrepancias relevantes xurdidas entre ambos persoeiros. É verdade que, no seu momento, non existiu suficiente transparencia informativa sobre semellantes disensos. Seica Castellano defendía a comenencia de que Ortega adquirira Unión Fenosa (antes de que Florentino Pérez negociara a venda do seu paquete accionarial a Gas Natural) para asegurar, entre outras cousas, que esa empresa tan simbólica na historia económica galega do século XX ficara co seu centro de gravidade no territorio que a vira nacer. Cun obxectivo análogo, Castellano tamén apostaba por unha entrada do capital do accionista maioritario de Inditex no proceso de privatización das Caixas galegas.
Que tería ocorrido se Ortega se fixera co control de Unión Fenosa, Novacaixagalicia e, complementariamente, do Banco Pastor? Obviamente, nunca o saberemos. Só poderemos aspirar a que alguén elabore un suxerente relato histórico contrafactual para imaxinar un desenvolvemento diferente do capitalismo galego contemporáneo.
Nos obituarios de J.M. Castellano tampouco figurou aquela chamativa e sorprendente foto publicitada no ano 1997, poucas semanas antes da celebración dos comicios ao Parlamento galego celebrados no outono dese ano. Alí estaban Amancio Ortega, Castellano -que desempeñou un papel determinante na materialización dese encontro-, Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira visitando as instalacións de Inditex en Arteixo. Que a mais importante multinacional galega recibira a dous dirixentes tan relevantes do BNG, ademais de normalizar as relacións entre esa empresa e o grupo político que pouco tempo despois acadaría a condición de segunda forza parlamentaria, emitía unha mensaxe de autonomía a respecto do poder executivo -pilotado daquela polo PPdG de Manuel Fraga- que tiña transcendencia nun pais habitualmente instalado na lóxica dun case patolóxico clientelismo político.
O PP de Feijoo e de Rueda non se conforma co notábel poder que xa desfruta e quere mais. Por iso move todos os seus fíos no tecido asociativo. Para que ninguén teña dúbidas sobre a descarnada vixencia da lóxica clientelar que atravesa a identidade deste partido
Precisamente, nos últimos días, estamos asistindo a unha significativa oposición do sector maioritario das patronais hoteleiras de Coruña e Santiago a respecto da iniciativa adoptada polos gobernos municipais desas dúas cidades en favor da instauración dunha taxa turística. Ademais de exhibir unha deliberada ignorancia sobre a evidencia de que semellante figura impositiva non actúa sobre os distintos establecementos involucrados senón sobre as persoas usuarias dos mesmos, estas asociacións empresariais prefiren cuestionar as decisións das equipas encabezadas polas alcaldesas do PSdG -Inés Rey- e do BNG -Goretti Sanmartín- no canto de solicitar do goberno de Alfonso Rueda a oportuna transferencia de recursos para compensar os gastos adicionais nos que incorren as Facendas públicas de Santiago e da Coruña para facer fronte á elevada chegada de turistas ás súas demarcacións territoriais.
A presentación de recursos contencioso-administrativos contra a aprobación da taxa turística coincide cunha ofensiva política do PPdG no eido municipal, propiciando algunhas mocións de censura que lle permitan acadar mais alcaldías e mellorar a súa fortaleza cara os comicios de 2027. O PP de Feijoo e de Rueda non se conforma co notábel poder que xa desfruta e quere mais. Por iso move todos os seus fíos no tecido asociativo. Para que ninguén teña dúbidas sobre a descarnada vixencia da lóxica clientelar que atravesa a identidade deste partido.