José María Castellano, o empresario clave e o banqueiro que non foi

José María Castellano, durante a súa etapa á fronte de NCG Banco © NGB

José María Castellano faleceu en Madrid aos 78 anos por mor dunha enfermidade. Ligado por sempre a Inditex, onde foi clave na súa expansión, a súa importancia no mundo empresarial vai moito máis aló. Pola súa relevancia en multitude de negocios e por servir a súa experiencia e legado en moitos casos de polo de atracción e arrastre, tamén naquel último intento de virar os restos das caixas nun banco galego independente e vinculado ás fortunas do país que acabou fracasando. 

Licenciado en Económicas e Empresariais en 1975 na USC, daquela fora xa director de informática da aseguradora Aegon para logo ocupar o cargo de director financeiro e director xerente do grupo cárnico Conagra ata 1984. 

Castellano foi figura clave na expansión de Inditex e estivo ligado sempre ao sector da moda, pero a súa importancia no mundo empresarial foi moito máis aló

Foi nese ano cando se doutora en Ciencias Económicas e Empreariais pola Universidad Complutense de Madrid e cando entra, pola súa amizade con Amancio Ortega, no grupo Inditex, onde botou dúas décadas e virou en personaxe fundamental para entender o seu impulso e expansión internacional. Foi o primeiro conselleiro delegado e logo vicepresidente e estivo á fronte da saída a bolsa da multinacional e foi o promotor de novas marcas que asentaron a creación do imperio nacido con Zara, como Pull & Bear, Bershka e Oysho.

José María Castellano, durante a súa etapa en Greenalia © Greenalia

En setembro de 2005, hai agora vinte anos, anunciou a súa dimisión de Inditex logo de diferenzas que se tornaron en irreconciliables con Amancio Ortega a raíz dunha operación logo abortada para facerse con Unión Fenosa. Tres anos despois, o tamén catedrático de Economía financeira e contabilidade na UDC foi nomeado presidente da operadora de cable ONO, onde se lembra o seu bo facer para reflotala, sen deixar nunca a súa vinculación ao sector da moda durante a súa traxectoria, sendo conselleiro en diferentes etapas de Adolfo Domínguez, Esprit, o Grupo Puig ou a galega Bimba y Lola, neste caso ata hai poucos meses. 

En 2011 Feijóo encárgalle dirixir NCG Banco co obxectivo de recapitalizalo con 700 millóns de empresarios galegos. Foron só 70 e acabaron por non valer nada

Vinculado tamén durante un tempo a Fadesa, a súa relativa discreción foi rota cando en 2011 asumiu o encargo do daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para facerse cargo da dirección executiva de NCG Banco, entidade xurdida da fracasada fusión das caixas galegas, a cambio da súa promesa de obter 700 millóns de euros de empresarios galegos para a recapitalización da entidade que acabaron sendo só 70 e por non valer nada. 

Como ocorrera noutras moitas empresas e ocorrería logo despois, a súa experiencia e éxito en Inditex levou a que moitos pensaran nel non só como bo xestor, senón como efecto arrastre para conseguir investimentos e apoio. Así, presidiu Novagalicia Banco entre 2011 e 2014, no que foi o fracaso do último intento por reconducir os restos das caixas galegas cara a un banco independente apoiado en empresariado galego. 

Porque foron máis de quince as grandes empresas galegas que aceptaron o convite de Castellano, pero sobre todo de Núñez Feijóo, que os convenceu logo de varias reunións persoais. Manuel Jove, ex presidente de Fadesa; a familia Somoza, dona de Azkar; os donos de Gadisa, Coren, Rianxeira, Copasa ou Jacinto Rey, propietario da construtora San José, que acabaron decepcionados e sentíndose enganados polo banco e pola Xunta nunha operación na que tamén participaron Climagal, Igalux, Inversiones Gallegas del Cable, Rodma, Egasa ou Estrella Galicia. Non valeu de nada. A aventura de Castellano como banqueira, figura da que disque renegara sempre, non funcionou.

Naquel camiño, Castellano cesou como vicepresidente de La Voz de Galicia —posto que ocupaba desde xuño de 2009 e en cuxo consello de administración aterrara anos antes— pero sen renunciar á presidencia de ONO. Ademais, botou varios directivos procedentes de Caixanova con elevadas prexubilacións —logo tería que declarar como testemuña no xuízo polas indemnizacións millonarias dos directivos das antigas caixas— e púxose un salario de 900.000 euros ao ano que unha modificación lexislativa o obrigou a reducir a 300.000 euros. 

José María Castellano, con Feijóo, nun acto para captar investimentos para Novacaixagalicia en México © Xunta

Mantívose á fronte da efémera entidade bancaria galega ata que o FROB a vendeu a Banesco para acabar conformando logo Abanca, malia que a súa aposta era que quedase en mans do fondo de investimento internacional Guggenheim. Durante a súa etapa tivo que impulsar importantes recortes de persoal e afrontar o escándalo das preferentes, incluída unha carta e unha rolda de prensa con petición de perdón expresa pola xestión de Novacaixagalicia, para logo recoñecer que a "reputación" da entidade estaba "nos seus peores momentos". 

Castellano pediu perdón polas preferentes, cualificou de "eticamente reprobables" as indemnizacións dos xestores das caixas e cargou contra a xestión das dúas entidades

Na súa intervención da comisión de investigación das caixas, xa en 2013, Castellano incidiu no problema das preferentes e non dubidou en criticar a xestión en Caixa Galicia e Caixanova. Segundo a súa opinión, houbo "dúas cousas que se fixeron mal" nas entidades: "a expansión fóra de Galicia, en mal momento e de maneira precipitada, e as participacións industriais e o feito de meterse en negocios que deberían ter feito outros". E citara como exemplos do mal facer a compra dun terreo de Massó en Cangas ou dunha parcela do colexio Peleteiro de Santiago "para facer logo unha promoción inmobiliaria". "A caixa ten que dar crédito ao promotor, pero non meterse a promotor", dixo.

Tamén advertira do "eticamente reprobables" que foran as indemnizacións millonarias cobradas polos antigos xestores das caixas e recoñeceu que Novagalicia Banco sufrira unha "saída de depósitos de 900 millóns a raíz de coñecer estas indemnizacións". 

Rematada a aventura bancaria tras a compra de Novagalicia Banco por parte de Banesco, Castellano marcha cunha indemnización do FROB de 600.000 euros para continuar en diferentes aventuras empresariais ata que nos últimos se centrou en Greenalia, empresa enerxética da que posuía o 6% das accións e na que ocupaba a presidencia non executiva. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.