Castellano: "Queremos devolver os cartos das preferentes, pero non podemos"

Castellano, nun intre da súa comparecencia CC-BY-SA Praza Pública

José María Castellano, presidente de Novagalicia Banco, vén de recoñecer na comisión de investigación dos caixas do Parlamento que as preferentes "están mal comercializadas" e que se "enganou a xente", para a continuación aclarar que non é que a entidade non queira devolver os cartos, senón que "non pode" polas exixencias marcadas por Europa e a troika.

"A xente sofre e nós tamén. Nós queremos devolver os cartos desde o primeiro día, pero hai un acordo de Europa que nolo impide"

"A xente sofre e nós tamén. Nós queremos devolverlle os cartos desde o primeiro día, pero hai un acordo de Europa que nolo impide. É café para todos e non se pode aplicar un criterio distinto aquí que en Alemaña", insistiu Castellano, que engadiu que tamén as directrices comunitarias lle impiden continuar co arbitraxe, que está xa paralizada, tal e como despois recoñecería tamén o conselleiro delegado da entidade, César González-Bueno, en quen delegou unha explicación máis detallada sobre as preferentes.

"Aquí tamén sofren os empregados, non só porque comprasen preferentes, senón porque desde hai un ano non poden vivir, non poden saír á rúa e os seus fillos son marxinados nos colexios", insistiu Castellano, quen defendeu o seu plan de que sexan investidores estranxeiros os que compren Novagalicia "nunha poxa ou concurso público" e se amosou confiado en que o Banco de España, o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) e o Ministerio de Economía actuarán con "absoluta neutralidade".

Castellano defende a entrada de investidores estranxeiros "para manter un banco independente con sede en Galicia"

Ademais, explicou dous escenarios posibles para o futuro do banco galego: o de ser comprada por un grupo estatal ou o da entrada de investidores estranxeiros. Esta segunda opción, sostivo, permite manter "un banco independente con sede en Galicia". "Pódese facer boa banca en Galicia", reivindicou logo. "Estes fondos interesados non son fondos boitres", insistiu, tras pedir que a privatizaación "se faga canto antes". "Por que non imos esperar se hai interesados e o banco está saneado e é rendible?", preguntouse.

Ademais, indicou que a venda a outro grupo estatal provocaría unha redución do crédito e levaría despedimentos, así como unha xestión de riscos por parte de persoal da entidade adquirinte, co que a visión se separaría do territorio. Pola contra, a chegada de investidores foráneos, sostivo, sería "un impulso á imaxe do sector financeiro" e produciríase "a prezo positivo", o que "maximiza o valor do banco e minimiza a carga para o contribuínte".

"Nas cousas fixéronse dúas cousas mal: a expansión fóra de Galicia e meterse en negocios que deberían ter feito outros"

En canto á xestión das antigas caixas, Castellano cre que nas dúas entidades houbo "dúas cousas que se fixeron mal": "a expansión fóra de Galicia, en mal momento e de maneira precipitada, e as participacións industriais e o feito de meterse en negocios que deberían ter feito outros". Así, citou como exemplos do mal facer a compra dun terreo de Massó en Cangas ou dunha parcela do colexio Peleteiro de Santiago "para facer logo unha promoción inmobiliaria". "A caixa ten que dar crédito ao promotor, pero non meterse a promotor", dixo.

Por outra banda, Castellano cualificou de "eticamente reprobables" as indemnizacións millonarias cobradas polos antigos xestores das caixas e recoñeceu que Novagalicia Banco "sufriu unha saída de depósitos de 900 millóns a raíz de coñecer estas indemnizacións"

Castellano, nun intre da súa comparecencia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.