Os ricos galegos, arrepentidos de investir en Novagalicia

Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

Os ricos queren os seus cartos de volta. Varios dos grandes empresarios que acudiron hai case un ano á chamada de Núñez Feijóo para colaborar na recapitalización de Novagalicia Banco (NGB) non están agora conformes. Nin moito menos. Varios deles mantiveron unha xuntanza a pasada semana cos responsables do Fondo de Restruturación de Ordenación Bancaria (FROB) para saber como poden recuperar os 70,4 millóns de euros que investiron o pasado decembro, tal e como adiantou El Confidencial, aínda que outras fontes aseguran que cargaron contra o Banco de España ao sentírense enganados.

Os empresarios galegos achegaron máis de 70 millóns que agora non valen nada

O caso é que case doce meses despois, a participación que compraron nunha entidade que terá que ser rescatada por terceira vez non vale nada. NGB está a ser sometida a unha nova auditoría e máis adiante haberá tres bancos de investimentos que determinarán o valor da entidade, polo que haberá unha nova entrada de capital público chegado do rescate europeo. Os accionistas privados terán que soportar as perdas e os investidores galegos xa non queren saber nada do asunto. Nin do seu compromiso.

Foron máis de quince as grandes empresas galegas que aceptaron o convite de José María Castellano, presidente da entidade, pero sobre todo de Núñez Feijóo, que os convenceu logo de varias reunións persoais. Manuel Jove, ex presidente de Fadesa; a familia Somoza, dona de Azkar; os donos de Gadisa, Coren, Rianxeira, Copasa ou Jacinto Rey, propietario da construtora San José, son algúns dos que agora se senten enganados polo presidente da Xunta e por Novagalicia. Tamén aparecen como accionaistas empresas como Climagal, Igalux, Inversiones Gallegas del Cable, Rodma, Egasa ou Estrella Galicia.

Os investidores lembran que Castellano lles prometera 500 millóns máis para NGB a través de institucións

Cada unha delas achegou 2,7 millóns de euros até xuntar 45 millóns, xa que os 26 restantes procedían do acordo extraxudicial polo que Novagalicia pagou ao propietario de Hierros Añón por un investimento fallido. Agora están arrepentidos e lembran que Castellano prometéralles que conseguiría polo menos 500 milllóns máis a través de investidores institucionais, pero nada diso chegou e NGB será rescatada por terceira vez.

Mentres uns apostan aínda pola entidade galega, hai empresarios que non queren saber nada máis de Novagalicia Banco, decepcionados co Goberno galego e coa propia entidade. O seu problema non é prioritario para o Banco de España, pero si para NGB, que corre o risco de ter en contra os homes máis ricos do país. Mentres, o presidente da Xunta desenténdese do tema e négase a negociar polos empresarios aos que convencera. A porta á que chamaron foi directamente a do Estado, pero alí as maiores preocupacións non son as mesmas que as súas.

José María Castellano, co equipo directivo de Novagalicia Banco © NGB
Exterior dunha oficina de Novagalicia Banco © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.