Castellano di que as protestas polas preferentes "están politizadas" e celebra a vitoria do PP

Castellano e César González-Bueno, dirixentes de Novagalicia CC-BY-SA Praza Pública

José María Castellano, presidente de Novagalicia Banco, presume de xestión no conflito das preferentes e asegura que a entidade galega foi a primeira en buscar unha solución ao problema. "A día de hoxe preto de 10.000 persoas recuperaron ou están a piques de recuperar os seus cartos mediante a arbitraxe", destacou, logo de aclarar que cando se emitiron aquelas particións el "non estaba alí" e tras advertir tamén de que dos 43.000 clientes que compraron preferentes "non todos son aforradores"

"Non somos os que temos máis afectados, pero si os que fan maís ruído; as manifestacións polas preferentes están politizadas"

"Non lles imos devolver os cartos aos investidores", insistiu Castellano, que asegurou que Novagalicia non é a entidade que ten máis clientes afectados polas participacións preferentes, pero si "os que fan máis ruído", logo de asegurar que "as manifestacións polas preferentes están politizadas". "Sabemos que os que se moven nestes termos, nin eles nin os seus famiiliares teñen preferentes", engadiu, logo de recoñecer que "posiblemente" eses produtos se comercializaron "mal" por parte das caixas.

Castellano aplaude a vitoria do PP porque garante "estabilidade". "Se non gañase, estariamos preguntándonos quen e como formaría Goberno"

Ademais, e ao tempo que falaba da "politización" das protestas contra a estafa das preferentes, o presidente de NCG Banco aplaudía a vitoria do PP por maioría absluta nas eleccións autonómicas do pasado domingo porque, ao seu entender, iso garante "a estabilidade" de Galicia. "Se non tivese gañado o PP, agora estariamos preguntándonos quen e como formará Goberno", manifestou nun almorzo informativo na APIE (Asociación de Periodistas de Información Económica).

José María Castellano, acompañado de César González Bueno, conselleiro delegado, asegurou tamén que Novagalicia ten un proxecto viable que podería suscitar o interese de bancos españois e tamén estranxeiros. De feito, insistiu en que o negocio core do banco en Galicia, Asturias e León vai ben e que pode volver ser rendible.

En canto ao futuro de NCG, o seu presidente xa fala da posibilidade de que sexa declarado banco ponte e recapitalizado antes de finais de ano para logo transferir os activos ao banco malo, recuperar rendibilidade nuns cantos anos e, probablemente, ser logo sacada a poxa. "Teremos probablemente un balance e un cadro de persoal máis reducido", admitiu, aínda que tamén abre a porta a que se manteña como entidade independente.

O presidente de NCG Banco insiste en que haberá despidos

"O proceso non ten por que ser de poxa, senón un que maximice a rendibilidade para devolver o diñeiro público", aclarou González Bueno, que destacou a importancia de que Galicia manteña unha entidade radicada no seu territorio. El e Castellano mostráronse seguros de que no futuro serán os investidores os que volvan privatizar NCG.

Por outra banda, o conselleiro delegado informou de que EVO Bank "está en venda e suscitando interese", logo de aclarar que será o FROB quen se ocupe da venda de Banco Gallego.

En contra das indemnizacións millonarias

José María Castellano recoñeceu tamén que Novagalicia Banco atopouse con graves problemas de reputación debido ao conflito polas preferntes e ás elevadas indemnizacións dos ex directivos, agora investigadas na Audiencia Nacional. Para o presidente, o feito de que NCG precise 14.000 millóns de euros "demostra que a entidade non estaba ben nin nada que se lle parecese".

"A situación de Caixa Galicia e Caixanova non diferían", chegou a dicir, logo de que Fernández Gayoso xustificase onte as elevadas indemnizacións dos directivos da entidade viguesa polo bo facer nela. As altas retribucións "non se xustifican", segundo Castellano.

José María Castellano e César González-Bueno, na rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.