Castellano e González-Bueno escenifican a petición de "perdón" pola xestión de NGB

José María Castellano e César González-Bueno, na rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

José María Castellano e César González-Bueno, presidente executivo e conselleiro delegado de Novagalicia Banco, respectivamente ofreceron este xoves unha rolda de prensa na que escenificaron a petición de "perdón" pola xestión anterior de Novacaixagalicia e que xa anticiparan a través dunha páxina web, publicada o mércores.

Na comparecencia repetiron a mensaxe xa difundida, centrada na petición de "perdón" pola xestión realizada anteriormente, especialmente no referente á venda de participacións preferentes sen información, ás indemnizacións millonarias para os directivos e aos investimentos "pouco prudentes". Castellano e González-Bueno afirmaron que estas prácticas e decisións tiveron lugar antes da súa chegada ao banco, pero que eles deben asumilas. Na rolda revelaron que o banco pediu 6.000 millóns de euros de axuda pública, que cobren "con exceso" as súas necesidades, polo que teñen a seguridade "absoluta" de que seguirán en solitario e de que a entidade non será vendida, respondendo ás informacións que a meirande parte dos medios veñen publicando.

Os dous directivos aseguran que están facendo xestións para conseguir que os afectados recuperen todo o capital retido agás os intereses xa cobrados

A intervención centrouse tamén no escándalo das preferentes, cuxa resolución atopou un novo obstáculo esta semana, despois de que o memorando que expón as condicións do rescate financeiro limitase os cartos que os bancos lles poden devolver aos afectados a un 10% por riba do seu valor actual, que en moitos casos é de menos da metade do orixinal. Os dous directivos din ser conscientes das crecentes dificultades para a resolución do tema, pero aseguran que están facendo xestións para conseguir que os afectados recuperen todo o capital retido agás os intereses xa cobrados. González-Bueno asegurou que entre as autoridades responsables está "callando" a idea de que non se lles pode dar o mesmo trato aos investidores conscientes e ás persoas que asinaron este produto sen información.

Como nota anecdótica, José María Castellano recoñeceu que un dos posibles investidores americanos de NGB estivo presente nunha das manifestacións convocadas en Vigo polos afectados e tomou conciencia da gravidade do problema.

 

Carta pública de perdón

A carta, con todo, non achega propostas concretas e limítase a afirmar que "estamos poñendo o noso máximo esforzo en resolver as situacións que crearon as preferentes"

Este mércores fíxose pública unha carta, colgada na páxina web onosocompromisocongalicia.com, na que Castellano e González-Bueno queren realizar un acto de contrición pola xestión realizada en NGB antes da súa chegada á dirección do banco. A carta comeza dicindo que "antes de nada, queremos pedir desculpas no nome do banco polo que se fixo mal na etapa anterior" e concretan a petición de desculpas "por termos comercializado preferentes entre os nosos clientes particulares que non tivesen suficientes coñecementos financeiros", tamén "polas abusivas indemnizacións que percibiron algúns exdirectivos das antigas caixas" e finalmente "por algúns investimentos pouco prudentes que se realizaron no pasado".

Os dous directivos engaden que "estas prácticas producíronse antes da nosa chegada a Novagalicia Banco pero é a nosa obriga facernos cargo". A carta, con todo, non achega propostas concretas e limítase a afirmar que "estamos poñendo o noso máximo esforzo en resolver as situacións que crearon as preferentes. Tamén colaboramos coa Xustiza para solucionar os prexuízos derivados da anterior xestión".

 

(HABERÁ AMPLIACIÓN)

José María Castellano e César González-Bueno, na rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.