En apoio á investigación dos crimes do franquismo

Dende a morte de Franco as vítimas dese rexime fascista levan soportando a humillación pública constante dun sistema que segue rendendo homenaxe ao franquismo (nomes de rúas, monumentos, cargos públicos que se declaran a favor da ditadura,...) en vez de condenalo. Isto débese a que a mal chamada “transición democrática” (que segue a ser un proceso non rematado) non fai máis que asegurar a pervivencia dun sistema criminal que se sustenta na represión e a tortura. Dende aquela houbo milleiros de intentos de abrir un proceso legal contra o franquismo e os seus responsables, pero todos e cada un dos gobernos bloqueáronos escudándose na Lei de Amnistía de 1977, que non respecta os principios nin os tratados internacionais de defensa dos dereitos humanos.

A mal chamada “transición democrática” (que segue a ser un proceso non rematado) non fai máis que asegurar a pervivencia dun sistema criminal que se sustenta na represión e a tortura

Os crimes de lesa humanidade, como os do rexime franquista, non prescriben e ademais deben apoiarse en tres principios: xustiza, verdade e reparación, que nunca foron respectados en torno a este tema. Por iso Arxentina, lexitima e legalmente, abriu un proceso que pretende condenar aos reponsables da ditadura franquista, conseguir que se bote luz sobre o sucedido e que as vítimas sexan reparadas dunha vez. A día de hoxe a xuíza arxentina Maria Servini ditou orde de detención internacional contra catro torturadores do franquismo: Jesús Muñecas Aguilar, Celso Galván Abascal, José Ignacio Giralte González e José Antonio Fernández Pacheco, alias “Billy el Niño”.

Os crimes de lesa humanidade, como os do rexime franquista, non prescriben e ademais deben apoiarse en tres principios: xustiza, verdade e reparación, que nunca foron respectados en torno a este tema

Dende ECOAR))), manifestamos o noso apoio a todos os procesos que, como o agora aberto no exterior dende Arxentina polos feitos da ditadura española, investiguen e xulguen os crimes do fascismo. Amosamos a nosa máis rotunda condena ao rexime ditatorial español e esiximos que dunha vez por todas se abra tamén no estado español un proceso que pivote sobre os principios de xustiza, verdade e reparación. Ademais, condenamos e denunciamos tanto a continuidade deste tipo de prácticas criminais máis aló da Lei de Amnistia do 77 (tal e como indica o compañeiro Francisco Rodríguez Veloso,  torturado no 1978 por Jose Antonio Fernández Pacheco, alias “Billy el Niño”*) como a complicidade do goberno español cos responsables franquistas aos que segue dando amparo legal, incluso incumprindo a súa propia lexislación.

*Accede ao testemuño de Francisco Rodríguez Veloso
 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.