A dereita española sempre ten en mente como sacar do burato á cidadanía, isto é unha realidade evidente que se pode demostrar en cada caso. Como por exemplo na Coruña, onde dende a entrada do PP as cousas van moito mellor para as cidadás e cidadáns. Campañas publicitarias, cun contido que se nota que lle dan aos miolos durante semanas, fomentan o comercio e convídannos a comer Capón de Villalba ou a fomentar ese espírito coruñesista que tan ben se lle da aos políticos mediocres, aqueles que non pensan na globalización intelectual.
É ben certo que en Laponia, a onde a CEOE quería enviar as persoas desempregadas nun paquete certificado, hai touradas
É ben certo que en Laponia, a onde a CEOE quería enviar as persoas desempregadas nun paquete certificado, hai touradas. A tradición indica que ao lado dun poboado lapón, onde os seus habitantes visten como, trolls sempre ten que haber o impulso de políticas de pan e circo, e se hai sangue pois moito mellor.
O Concello da Coruña subsidia touradas, a pesares das excusas e das mentiras piadosas do goberno local e dos grandes capacitados da demagoxia local
O Concello da Coruña subsidia touradas, a pesares das excusas e das mentiras piadosas do goberno local e dos grandes capacitados da demagoxia local. Este ano 90.000 euros para que uns cantos foran ver como se tortura e desmembra a un ser vivo herbívoro, bravo segundo o seu concepto de selección pseudodarwiniano -Se Darwin e Lamarck levantaran a cabeza-. A Laponia cañí e casposa que invade unha instalación de titularidade pública, que pagamos todos e todas cos nosos impostos, que non son poucos, e que estes elementos ancorados no Século XVI empregan como se fora o seu cortello particular. Unhas instalacións que albergan unha sala (un suposto museo taurino) que representa á perfección como en Laponia ten que haber touradas.
A plataforma Laponia, Mellor Sen Touradas reclamou os datos de asistencia das touradas, cun caso omiso por parte do goberno local, porque este goberno entende que a protección a unha empresa zamorana é superior ao interese superior dos lapóns por coñecer onde se gastan os seus cartos, os seus impostos. En Laponia, por tanto, non hai Dereito á Información, pero si para accións publicitarias que venden fume, neve e demais historias. Pero con iso dende logo non comemos.
2013 será o ano da rebelión lapona, as xentes deste pobo esixirán unha vez máis o fin das touradas
Con todos estes antecedentes 2013 será o ano da rebelión lapona, as xentes deste pobo esixirán unha vez máis o fin das touradas, porque non representan o sentir xeral, porque son unha cruenta visión do que quere o goberno municipal e porque, de xeito presente, existen necesidades imperiosas que resolver.