A principios do mes de xullo de 1951 unha parella despídese na parte francesa da fronteira con España. Son Fernanda Pérez Colemán e Manuel Martínez Risco. Escena tensa, é o adeus definitivo. Fernanda está moi enferma e quere morrer na terra onde naceu, onde naceron os dous (Ourense) e así será uns días despois, o 24 de xullo.
Catro meses despois da partida da muller enviou unha fotografía súa – que reproducimos neste artigo– a uns familiares cunha dedicatoria rematada cunhas palabras coas que definía a súa situación: “En mi soledad”
Manolo non pode atravesar esa fronteira ¿Por que?, ¿de que natureza é o crime que lle impide estar coa compañeira de vida nos seus derradeiros momentos? Un non moi orixinal na historia hispana. O seu “delito” é o mesmo que o cometido por moitas persoas que polas súas ideas progresistas fuxiron da represión en diferentes momentos, por exemplo, do absolutismo en 1814 e 1823, ou da Restauración borbónica en 1875. Risco é un exiliado republicano, dos miles e miles que perderon a Guerra Civil e tiveron que marchar en 1939 para salvar a vida. Comprobou en carne propia o que expresaría tan certeiramente Albert Camus sobre os antifascistas do seu tempo: “Foi en España onde a miña xeración aprendeu que se pode ter razón e ser derrotado, que a forza pode destruír a alma e que ás veces a valentía non é recompensada”.
O matrimonio non tiña fillos e a marcha e morte de Fernanda afondou en Manolo, de 62 anos, a orfandade emocional que xa o arrodeaba en París, onde recibira as novas da morte do seu prezado tío Marcelo Macias en marzo de 1941 e da nai, Cándida, en decembro de 1945. Catro meses despois da partida da muller enviou unha fotografía súa – que reproducimos neste artigo– a uns familiares cunha dedicatoria rematada cunhas palabras coas que definía a súa situación: “En mi soledad”.
Risco é un exiliado republicano, dos miles e miles que perderon a Guerra Civil e tiveron que marchar en 1939 para salvar a vida. Comprobou en carne propia o que expresaría tan certeiramente Albert Camus sobre os antifascistas do seu tempo: “Foi en España onde a miña xeración aprendeu que se pode ter razón e ser derrotado, que a forza pode destruír a alma e que ás veces a valentía non é recompensada”
Na soidade continuaba cando o 14 de abril de 1954 lle escribiu ao seu vello amigo, Ramón Otero Pedrayo, compañeiro dos tempos de estudantes no Instituto de Ourense: “En fin, por aquí ando aún. Y sólo estoy seguro de que llegado el momento <me hallaréis a bordo ligero de equipaje, casi desnudo, como los hijos de la mar>”, recollendo as palabras de Antonio Machado, morto tamén no exilio francés. Non era retórica, Risco, que finou poucos días despois, o 3 de maio, foise con moi poucas cousas materiais enriba e de forma anónima. Un vello compañeiro de traballo comentaría que soubo da súa morte polo aviso do xerente dun modestísimo hotel no que vivía de xeito moi austero o físico galego, no barrio parisiense de Belleville.
Sebastián, un irmán pequeno de Manolo, viaxaría a París para realizar as xestións do traslado do corpo para Ourense, onde hoxe xace preto de Fernanda. Un fillo del, Sebastián Martínez-Risco Alonso, acompañado de Maribel Martínez-Risco Valdivieso, faloume –emocionado– no seu despacho coruñés desas e doutras peripecias da vida do prezado tío. Unha historia que –unha vez máis– amosa a necesidade de medidas a prol da memoria democrática, as feridas non se abren con ela, levan moitas décadas sen pechar.
Familia e formación inicial
O 27 novembro de 1888 nacera Manuel Martínez-Risco Macias, fillo de Cándida Macias García, de Astorga, e Sebastián Martínez-Risco Pérez Santamarina, de Castro Caldelas. Era curmán de Vicente Martínez-Risco e sobriño de Marcelo Macias, profesor no Instituto de Ourense que xogou un importante papel na orientación de Manolo, en cuxa educación tamén tivo moita influencia outro tío, Manuel Sales y Ferré, catedrático de Socioloxía en Madrid e institucionista (da Institución Libre de Enseñanza). Cando o mozo Risco marchou a Madrid para estudar Ciencias Físicas na Universidade Central de Madrid, viviu na súa casa.
Unha historia que –unha vez máis– amosa a necesidade de medidas a prol da memoria democrática, as feridas non se abren con ela, levan moitas décadas sen pechar
En 1908 licenciouse con Premio Extraordinario, unha alegría perturbada pola morte do pai no 25 xuño dese ano. Coa bolsa que obtivo en 1909 da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE) acudiu –por indicación do seu mestre, o salientable físico Blas Cabrera– á Universidade de Amsterdam, onde traballou cunha figura destacada da ciencia mundial, Pieter Zeeman. Este científico neerlandés recibira o Premio Nobel de 1902 polas súas pescudas sobre a influencia do magnetismo na radiación luminosa. Estudara a alteración producidas nas liñas D do espectro de absorción do sodio por influencia dun campo magnético externo, desdobramento das liñas D1 e D2, o que se denominou o “efecto Zeeman”, o nacemento da Magneto-óptica.
Risco entendeu que non debía permanecer illado na burbulla académica, alleo ás arelas modernizadoras da sociedade nun tempo de importantes transformacións e cambios políticos. Ao remate da Ditadura de Primo de Rivera asinou manifestos contra o réxime en compañía doutros docentes galegos en Madrid como Nóvoa Santos e Varela Radío
Risco estivo con Zeeman un par de anos estudando Óptica-física, nomeadamente a asimetría do triplete 5971 do mercurio, aproveitando o verán de 1910 para unha xira europea e visita ás universidades alemás. Resultado dese labor foi a súa tese de doutoramento (1911): “Asimetría de los tripletes de Zeemann”, publicada na Revista de la Academia de Ciencias e en Anales de la Sociedad Española de Física y Química. O físico galego retornaría pasado un tempo, en xaneiro de 1929, aos Países Baixos, onde realizou a parte experimental dun traballo que publicaría con Zeeman en 1929.
De volta a España, incorporaríase en Madrid como profesor na Facultade de Ciencias e encargado de impartir cursos de ampliación no Laboratorio de Investigaciones Físicas (LIF) da JAE, onde realizou estudos espectrofotométricos. En 1914 sacou a cátedra de Acústica e Óptica da Universidade de Zaragoza e en 1919 retornou á Facultade de Ciencias de Madrid. Nos anos vinte realizou experimentos co interferómetro construído no Laboratorio de Automática dirixido por Leonardo Torres Quevedo.
Carreira política, compromiso alén da Ciencia
Risco entendeu que non debía permanecer illado na burbulla académica, alleo ás arelas modernizadoras da sociedade nun tempo de importantes transformacións e cambios políticos. Ao remate da Ditadura de Primo de Rivera asinou manifestos contra o réxime en compañía doutros docentes galegos en Madrid como Nóvoa Santos e Varela Radío. Coa II República intensificou o seu compromiso, identificado cos proxectos de Manuel Azaña, con quen compartiu xestión no Ateneo de Madrid (Azaña como presidente e el como responsable da sección de Ciencias). Así, en 1931 obtivo acta de deputado pola circunscrición de Ourense por Acción Republicana e participou nas iniciativas a prol da Autonomía para Galicia. En febreiro de 1936 volvería a ser elixido deputado, esta vez por Izquierda Republicana, tamén na cidade das Burgas. Nesta última formación chegou a formar parte do seu Consello Nacional.
Durante a guerra desenvolveu un salientable papel na localización de armas por medio de infrasóns e dirixiu a fábrica de instrumentos de Óptica creada polo Goberno republicano. Ao remate da Guerra Civil foi desposuído da cátedra e dos seus bens e fuxiu a Francia
Após a sublevación fascista de xullo de 1936 asinou o manifesto: “Los intelectuales españoles contra el criminal levantamiento militar”, no que se afirmaba: “Este levantamiento criminal de militarismo, clericalismo y aristocratismo de casta contra la República democrática, contra el pueblo, representado por su Gobierno de Frente Popular (…) nosotros, escritores, artistas, investigadores científicos, hombres de actividad intelectual (…) declaramos nuestra unión total, nuestra identificación plena y activa con el pueblo, que ahora lucha gloriosamente al lado del Gobierno del Frente Popular”.
Durante a guerra desenvolveu un salientable papel na localización de armas por medio de infrasóns e dirixiu a fábrica de instrumentos de Óptica creada polo Goberno republicano. Ao remate da Guerra Civil foi desposuído da cátedra e dos seus bens e fuxiu a Francia.
Exilio parisiense, “se cadra podo facerme zapateiro”
Esa agoniante situación mudou cando, en 1945, entrou en contacto con Aimé Cotton, director do Laboratorio de Investigacións Físicas da Universidade de París. Puido integrarse no principal centro de investigación do país galo, o Centre national de la recherche scientifique (CNRS), onde foi adscrito ao laboratorio de Física Atómica e Molecular dirixido por Francis Perrin
Sobreviviu, con Fernanda, no París ocupado polos nazis combinando o traballo en diversos oficios cos estudos sobre Física na casa. Movéndose entre o medo á represión, pois os ocupantes alemás poderían detelo e repatrialo, o que supuña a morte ou cárcere, e a precariedade económica. A familia axudouno, mandáballe cartos e roupa; el, nunha carta, comentoulles que estaba arranxando uns zapatos vellos e engadiu, con triste ironía, que se cadra podería facerse zapateiro. Sobre esa situación escribiulle a Otero Pedrayo con posterioridade (carta de 23 de outubro de 1952) que os seus estudos sobre relatividade, “me valieron durante (…) los años más difíciles, para encerrarme en mí mismo y no ver las fealdades del exterior: tuvimos aquí una guerra —¡otra guerra!— y había que aislarse para no contemplar la realidad”.
Esa agoniante situación mudou cando, en 1945, entrou en contacto con Aimé Cotton, director do Laboratorio de Investigacións Físicas da Universidade de París. Puido integrarse no principal centro de investigación do país galo, o Centre national de la recherche scientifique (CNRS), onde foi adscrito ao laboratorio de Física Atómica e Molecular dirixido por Francis Perrin. En recoñecemento á súa categoría científica foi nomeado mestre de investigadores (Maitre de Recherches) da institución. Seguiu traballando nas propiedades das ondas luminosas que se propagan nos medios materiais e, en particular, nos medios móbiles, sobre o efecto Doppler, interferometría e, en especial, sobre aberracións esféricas, traballos estes últimos que lle mereceron recoñecemento mundial. Dos temas tratados algúns tiñan continuidade co traballo realizado en España e outros eran novos.
Nese tempo publicou un interesante artigo sobre óptica relativista. Falamos de «Concept interférenciel des images optiques dans la theorie de la relativité», publicado en 1949 no Journal de Physique). O traballo foi presentado na sesión do 20 de xuño da Academia das Ciencias francesa polo seu secretario, o salientable físico Louis de Broglie, Premio Nobel en 1929. Tamén apareceu en 1950 unha tradución ao español no órgano dos científicos españois exiliados en América, a revista Ciencia, da que formaba parte do seu consello de redacción e da que foi director un dos mestres de Risco, Blas Cabrera. De feito, no exilio francés o noso físico mantivo contactos cos camaradas americanos por medio da Unión de Profesores Universitarios Españoles en el Extranjero. Asemade, estivo en relación cos deputados galegos, manifestando a Daniel Castelao a súa adhesión ao Consello de Galiza (carta de 15 de agosto de 1945).
A incautación de bens
Rematada a guerra, en 1940, Sebastián Martínez Risco –irmán menor de Manolo– intentou recuperar a biblioteca e arquivo persoal do físico
A represión franquista tivo múltiples modalidades. Unha delas foi a destrución das carreiras profesionais dos perseguidos e a incautación dos seus bens persoais. Algo que foi aproveitado por algúns, partidarios do novo réxime ou simplemente oportunistas. Beneficiarios que, en moitos casos, permanecen anónimos.
O caso de Risco ilustra esa realidade. O físico vivía nunha casa arrendada na zona madrileña de El Viso, unha colonia construída no período republicano na que se estableceron bastantes intelectuais. Cando tivo que fuxir de España todos os seus bens, incluídos os mobles e biblioteca foron incautados. Rematada a guerra, en 1940, Sebastián Martínez Risco –irmán menor de Manolo– intentou recuperar a biblioteca e arquivo persoal do físico. Sebastián, que nacera en Ourense en 1899 e morreu na Coruña en 1977, foi un destacado xurista. Acudira desde moi novo ao faladoiro do tío Marcelo coa xente da Comisión Provincial de Monumentos e ás reunións do grupo Nós. Comezou os estudos de Dereito en Santiago, que continuou, convivindo co seu irmán maior, en Zaragoza e Madrid. Como xuíz tivo diversos destinos. Salientou, entre outras especialidades, no Dereito Civil Especial de Galicia e tamén destacou como poeta, prosista e conferenciante, chegando a presidir a Real Academia Galega.
Dirixiuse, vestido de militar e acompañado dun colega, a un paisano seu, que relacionaba co acontecido, Ulpiano Iglesias Sarria, comandante de Infantería retirado pola Lei Azaña. Ulpiano era pai do médico falanxista Julio Iglesias Puga (o “Papuchi” da prensa rosa) e polo tanto avó do cantante Julio Iglesias. Sebastián non tivo éxito, Iglesias despediuno a berros: “non vou dar nada a ese comunista!”
Obrigado polo réxime franquista, Sebastián formou parte dalgúns tribunais militares que perseguiron ao derrotados da guerra civil. Nesas circunstancias foi cando pretendeu recuperar a biblioteca do seu irmán. Dirixiuse, vestido de militar e acompañado dun colega, a un paisano seu, que relacionaba co acontecido, Ulpiano Iglesias Sarria, comandante de Infantería retirado pola Lei Azaña. Ulpiano era pai do médico falanxista Julio Iglesias Puga (o “Papuchi” da prensa rosa) e polo tanto avó do cantante Julio Iglesias. Sebastián non tivo éxito, Iglesias despediuno a berros: “non vou dar nada a ese comunista!”. A incautación foi definitiva, a familia nunca soubo do destino dos bens de Manolo, “La vida sigue igual”.
A persecución dos vencedores non se detivo. Nove anos despois do remate da contenda civil, en 1948, cando xa os nazis foran derrotados na II Guerra Mundial e –por iso– o sector filo-nazi de Falanxe (que naquel tempo integraba a persoas como Laín Entralgo, Dionisio Ridruejo ou Gonzalo Torrente Ballester) perdera poder entre as familias franquistas, un tribunal de Madrid condenaba a Martínez Risco a unha multa de 100.000 pesetas por “responsabilidades políticas” (Boletín Oficial del Estado, 16 outubro 1948, páxina 2418 do Anexo). O delito sería o feito de ser elixido deputado e permanecer fiel ao Goberno republicano.
Homenaxe francés e recoñecemento pendente en Galicia
O físico Martínez Risco atopou en Francia, xa que logo, acollida, solidariedade e recoñecemento no terreo profesional. Non reparación á soidade, iso non era posible, como tampouco á incautación sufrida. Mais, se hai cousas irreparables, outras admiten certa corrección
Á morte do noso físico celebrouse un funeral na igrexa parisiense de Saint Pierre de Nevilly. Acto no que pronunciou unhas sentidas palabras en nome da Universidade da Sorbona René Lucas, Director da École Superieur de Physique et Chemie Industriel de París. Este profesor indicou que para ciencia francesa fora unha honra contar con Martínez Risco, “cuxos traballos non só foron moi apreciados, senón que moitos deles terían que ser tidos en conta, a partir de agora, polos investigadores de Física, por ser fitos máximos no camiño do seu desenvolvemento”. Asemade, puxo a Risco como exemplo de científico, mais tamén – e iso cómpre subliñalo– de persoa de elevados sentimentos, cuxo espírito de sacrificio e de solidariedade humana foran exemplares. E sinalou como o noso paisano se esforzou por axudar moral e materialmente aos seus compatriotas e compañeiros de exilio. Anos despois, en 1976, co gallo dunha homenaxe rendida pola Academia dss Ciencias francesa a Risco, editouse un libro, bilingüe, onde as Presses Universitaires de France recolleron as súas publicacións: Manuel Martínez Risco. Ouevres scientifiques.
A día de hoxe, pasadas moitas décadas, a figura de Risco é descoñecida en Galicia, agás para unha minoría de especialistas. Nese sentido, hai unha débeda que cumpriría saldar e as institucións públicas deberían afrontala
O físico Martínez Risco atopou en Francia, xa que logo, acollida, solidariedade e recoñecemento no terreo profesional. Non reparación á soidade, iso non era posible, como tampouco á incautación sufrida. Mais, se hai cousas irreparables, outras admiten certa corrección. A día de hoxe, pasadas moitas décadas, a figura de Risco é descoñecida en Galicia, agás para unha minoría de especialistas. Nese sentido, hai unha débeda que cumpriría saldar e as institucións públicas deberían afrontala. Non estaría de máis que, por exemplo, a Real Academia das Ciencias de Galicia lle dedicara un ano destes o “Día da Ciencia en Galicia”. Para que o público saiba quen foi Risco como científico e como cidadán e sinta orgullo deste galego exemplar.