Estes días cúmprense cen anos da visita de Albert Einstein a España, un acontecemento que xerou moita expectación. Na morea de actos celebrados na capital de España, un dos interlocutores do científico alemán foi o compostelán Xosé Rodríguez Carracido. O noso paisano, que ese 1923 tiña 66 anos e morrería case cinco despois, era reitor da universidade madrileña (daquela só había unha, denominada Central) e presidente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales
Estes días cúmprense cen anos da visita de Albert Einstein a España, un acontecemento que xerou moita expectación. Na morea de actos celebrados na capital de España, un dos interlocutores do científico alemán foi o compostelán Xosé Rodríguez Carracido. Falamos do catedrático de Química biolóxica na universidade madrileña que sempre mantivo importantes vinculos con Galicia e co galeguismo e que estaba moi relacionado coa Institución Libre de Enseñanza (ILE). Un científico que adoitaba denunciar, con razón, as carencias materiais para o ensino científico e a investigación, pero o certo é que el gustaba máis –como adoitaba ocorrer con bastantes membros da ILE– das teorías, da súa difusión, que do labor experimental.
O noso paisano, que ese 1923 tiña 66 anos e morrería case cinco despois, era reitor da universidade madrileña (daquela só había unha, denominada Central) e presidente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales. Unha salientable posición institucional pola que figurou na presidencia de diversos eventos nos que participou Einstein en Madrid e semella que houbo entre ambos unha relación cordial. Carracido tivo o seu momento de gloria cando falou no acto de recepción do Premio Nobel na Academia de Ciencias. É verdade que as intervencións máis interesantes foron as protagonizadas polo alemán e o destacado físico canario Blas Cabrera, pero o farmacéutico galego tamén pronunciou un breve discurso, que Einstein cualificou no seu diario como marabilloso (“wunderbar”). Carracido, amigo da filosofía científica e devoto de Herbert Spencer, falou da estruturación da ciencia en tres niveis: o descubrimento dos feitos; o momento no que os feitos se converten en instrumentos de experimentación e, finalmente, o estadio máis elevado, no que manda o cerebro, o dominio da pura teoría, de ideas máis que aparatos, que exemplificou coa teoría da relatividade.
Contan os cronistas que nos momentos previos ao comezo da súa intervención o xenial físico intercambiou unha palabras cun home de aspecto venerable, Carracido. Un breve diálogo, en francés, que rematou cun sorriso cómplice de ambos
Outro momento especial para o noso paisano tivo lugar con ocasión da segunda das conferencias que Einstein impartiu na capital, a ofrecida na Facultade de Ciencias sobre a relatividade xeral. Contan os cronistas que nos momentos previos ao comezo da súa intervención o xenial físico intercambiou unha palabras cun home de aspecto venerable, Carracido. Un breve diálogo, en francés, que rematou cun sorriso cómplice de ambos. Non sabemos do contido da conversa, realmente tampouco importa moito. O relevante era que o científico galego estaba –sen dúbida–no lugar indicado e coa persoa axeitada, a que marcaba o nacemento dunha nova xeira para as ciencias.
O paso por Barcelona
O físico, que recibira o premio Nobel de 1921, fora convidado a impartir unas conferencias polo salientable catedrático de Electricidade e Magnetismo Esteve Terradas no marco dos “Cursos monográficos de Altos Estudios” promovidos pola Mancomunidade de Catalunya
O 22 de febreiro de 1923 chegara o matrimonio Albert Einstein-Ilse Löwental (realmente Einstein, eran curmáns) en tren a Barcelona. O físico, que recibira o premio Nobel de 1921, fora convidado a impartir unas conferencias polo salientable catedrático de Electricidade e Magnetismo Esteve Terradas no marco dos “Cursos monográficos de Altos Estudios” promovidos pola Mancomunidade de Catalunya. Einstein levaba un tempo viaxando, saíra de Alemaña despois do asasinato en xuño de 1922 –pola ultradereita– do ministro de Exteriores Walter Rathenau, amigo e correlixionario seu. Sorprendentemente, ninguén foi a recibir á parella á estación de Francia da cidade condal. A razón diso encaixa moi ben co perfil despistado que se lle atribúe aos xenios, Albert esquecerase de indicar aos seus anfitrións en que tren chegaba.
En Barcelona, entre outras cousas, impartiu tres conferencias, visitou Poblet, Sant Cugat e Terrassa, mercou flores na Rambla e mesmo un disco de sardanas, tamén paseou en canoa para coñecer a ampliación do porto. Dentro do seu perfil non convencional, Einstein tivo un encontro con traballadores. Concretamente con membros do Sindicato Único do Ramo da Distribución da Confederación Nacional de los Trabajadores (CNT). O físico falou cos sindicalistas, eloxiou o seu labor e aconselloulles a lectura da Ética de Baruch Spinoza. Na conserva, na que interveu o dirixente anarco-sindicalista Ángel Pestaña, xurdiu unha certa comparación entre a actividade revolucionaria do xenial físico na ciencia e a dos traballadores na sociedade.
A revolución científica de Einstein
Sorprendentemente, ninguén foi a recibir á parella á estación de Francia da cidade condal. A razón diso encaixa moi ben co perfil despistado que se lle atribúe aos xenios, Albert esquecerase de indicar aos seus anfitrións en que tren chegaba
Un Albert Einstein novo, entre os 26 e 27 anos, comezara a transformar a Física do seu tempo, cando era un modesto empregado da oficina de patentes de Berna. En 1905 redactou catro traballos de enorme relevancia científica, para os que contou con algunha axuda da súa compañeira, Mileva Marić, con quen mantivo unha singular e desigual relación. No artigo “Sobre a electrodinámica dos corpos en movemento” expuxo a súa teoría da relatividade especial ou restrinxida (porque só consideraba o movemento uniforme, constante), traballo do que deduciría a famosa fórmula E=mc2.
Partindo de que a velocidade da luz é constante, independente do observador, e de que as leis da física se manteñen igual, para corpos quietos ou en movemento constante, cuestionou o valor absoluto do espazo e do tempo; o valor destes, como o da masa, depende da velocidade. Nos anos seguintes construiría a teoría da relatividade xeral, onde incorporou as aceleracións e amosou como a gravidade máis que unha forza de atracción é a consecuencia da curvatura do espazo-tempo. Despois de 250 anos de dominio da proposta gravitacional de Newton, as achegas do físico alemán foron máis alá, explicando o mecanismo da acción da gravidade. Segundo Einstein a materia obriga ao espazo-tempo a curvarse e ese espazo deformado condiciona o movemento da materia. Por exemplo, o Sol modifica o espazo que rodea á Terra e iso a empurra cara o Sol.
A teoría da relatividade de Einstein, que inaugurou unha nova forma de entender o universo físico, está directamente relacionada con fenómenos como o dos buratos negros ou as ondas gravitacionais, pero tamén ten efectos prácticos na nosa vida cotián. Aí temos o caso do sistema GPS que usamos nos teléfonos móbiles, coa intervención de satélites
A teoría da relatividade de Einstein, que inaugurou unha nova forma de entender o universo físico, está directamente relacionada con fenómenos como o dos buratos negros ou as ondas gravitacionais, pero tamén ten efectos prácticos na nosa vida cotián. Aí temos o caso do sistema GPS que usamos nos teléfonos móbiles, coa intervención de satélites. Se non se tiveran en conta os efectos da relatividade o GPS acumularía un erro duns 10 km cada día. Pola diferente velocidade entre a Terra os satélites, os reloxos destes atrasan, como predí a relatividade especial e, por outra banda, a curvatura do espazo-tempo, menor no lugar onde están os satélites, tamén incide no tema, como indica a relatividade xeral.
A comprensión da teoría da relatividade, en absoluto intuitiva, non é doada e supón, entre outras cousas, entender as diferentes escalas que se manexan, de feito para os fenómenos da vida cotián segue a valer a vella mecánica de Newton. Afortunadamente, dispoñemos de textos que nos axudan a acceder aos elementos centrais da revolucionaria proposta. Por exemplo, o magnífico libro do profesor Ramón Vilalta, Introdución ás relatividades de Einstein, publicado en 2018.
Visita a Madrid
O 28 de febreiro o matrimonio Einstein partiu para Madrid, a onde o físico fora convidado en 1920 polo destacado matemático Julio Rey Pastor. Na capital pasou dez días, cunha axenda ben repleta, con moitos actos oficiais. O científico salientaría no seu diario que a estadía catalá lle resultara máis agradable, estivera máis ao seu aire, con menos compromisos. En Madrid impartiu conferencias, recibiu diversas distincións e nomeamentos, houbo banquetes-homenaxe, encontros con colegas, visitas a institucións e tres veces ao Museo do Prado. E unha visita particular a Toledo, sobre a que anotou no seu diario: “Un dos días máis fermosos da miña vida. Ceo radiante. Toledo é como un conto de fadas. Guiámonos un ancián entusiasta que, ao parecer, produciu algunhas obras importantes sobre El Greco. As rúas e a praza de abastos, vista da cidade, do Tajo con algunhas pontes de pedra; ladeiras de pedra, chairas agradables, catedral, sinagoga. Atardecer con cores resplandecentes ao noso regreso. Un pequeno xardín con vistas preto da sinagoga. Un cadro magnífico do Greco nunha pequena igrexa (enterro dun nobre), entre as cousas máis profundas que vin. Un día marabilloso”.
Moitas institucións quixeron achegarse ao popular científico, todo o mundo desexaba “saír na foto”. Aos eventos acudiron algúns dos principais intelectuais do momento e un público numeroso que arelaba achegarse ao xenio. Einstein foi recibido como un heroe pola súa excepcional categoría científica, se ben os xornais da época máis que falar das revolucionarias propostas que defendía facían fincapé en salientar certas características peculiares que facían do científico alemán un individuo moi orixinal, mesmo extravagante
Einstein falou alemán con algúns dos científicos e intelectuais españoles que dominaban ese idioma, xeralmente por ter realizado estadías formativas en Alemaña. Pero, nas conferencias e actos, interveu con “voz suave, rectilínea, sin apenas inflexiones” –segundo Francisco Vera– en francés, idioma máis accesible para o público que o seguía. Din que utilizou un francés non moi bo, polo que adoitaba solicitar algunha axuda entre os presentes para que o comprenderan. Agoniado por tantos eventos, o premio Nobel evitou os contactos cos medios de comunicación e gozou nos contactos con algúns colegas –aos que nalgún momento os agasallou tocando o violín– e, mesmo, con estudantes. No acto celebrado na Academia de Ciencias interveu o salientable físico Blas Cabrera, quen se amosou esperanzado nun futuro mellor para ciencia en España: “Espero que al final de vuestra vida, que será también el de mi generación, la España científica, que hoy apenas encontráis en embrión, haya llegado al lugar que tiene el inexcusable deber de ocupar”.
Moitas institucións quixeron achegarse ao popular científico, todo o mundo desexaba “saír na foto”. Aos eventos acudiron algúns dos principais intelectuais do momento e un público numeroso que arelaba achegarse ao xenio. Einstein foi recibido como un heroe pola súa excepcional categoría científica, se ben os xornais da época máis que falar das revolucionarias propostas que defendía facían fincapé en salientar certas características peculiares que facían do científico alemán un individuo moi orixinal, mesmo extravagante. Mesturábanse comentarios persoais, sobre o seu aspecto desordenado, pelo sen peitear, ou sobre as súas “ideas políticas muy avanzadas”. Entre os medios houbo diversas posicións. Un caso peculiar foi o do xornal católico conservador El Debate, que ofrecía uns correctos resumes das conferencias, obra do estudante Tomás Rodríguez Bachiller, pero que –asemade– atacaba da man dos seus columnistas a teoría da relatividade.
A xente encheu os locais onde falou o físico, porén moi poucas das persoas que asistiron a eses actos entendían o que explicaba. Como dixo o xornalista galego Julio Camba: “Al presentarse ante el público que llenaba el aula de la Facultad de Ciencias, el Sr. Einstein fue acogido con una salva de aplausos. Indudablemente, todos los allí reunidos le admirábamos mucho; pero si alguien nos pregunta por qué le admirábamos nos pondrá en un apuro bastante serio”. O filósofo Joaquim Xirau Palau, presente nas conferencias en Barcelona comentou “Del centenar de los concurrentes debía de haber cuatro o cinco que las siguieron perfectamente, quizás una docena adivinarían algo a base de esfuerzos, el resto no entendía nada”. Desde o punto de vista da ciencia española, a viaxe non deixou pegada, non houbo proxectos ou relacións posteriores, mais si que serviu para amosar o crecente protagonismo do labor científico na sociedade daquel tempo.
Perfil singular
A presenza de Einstein en 1923 atopou eco nos xornais galegos. E na Universidade de Santiago, a principal institución científica de Galicia nese tempo? Sonoro silencio. Porén, algo melloramos, se o darwinismo fora atacado pola douta institución cando se deu a coñecer, polo menos a teoría da relatividade pasou desapercibida no momento da difusión inicial
Alén de cuestións persoais e da súa xenialidade científica, en Albert Einstein confluían características ben singulares. Xudio en tempos moi complicados para as persoas desa identidade, manifestouse desde moi novo como pacifista. De mozo marchou de Alemaña e perdeu a súa nacionalidade para evitar ingresar no Exército e sempre defendeu posicións pacifistas, malia que iso lle provocara problemas. Por exemplo, situado nunha posición institucional destacada, negouse, en plena I Guerra Mundial, en 1914, a asinar o manifesto dos 93, onde moitos dos máis importantes intelectuais e científicos alemás apoiaban a política bélica do Reich alemán, de feito asinou outro contrario á guerra e favorable á unidade europea.
No terreo político foi membro do Partido Democrático Alemán (DDP), de centro-esquerda, e sempre estivo receptivo ás ideas progresistas. Máis, sobre todo, o físico destacou polo seu espírito rebelde, heterodoxo, inconformista e critico. En decembro de 1932, coa inminente chegada de Hitler ao poder, decidiu abandonar o seu país e pasar a ser un apátrida. En 1933 interveu no Albert Hall de Londres nun acto de denuncia do nazismo.
Seguimento en Galicia
A presenza de Einstein en 1923 atopou eco nos xornais galegos. E na Universidade de Santiago, a principal institución científica de Galicia nese tempo? Sonoro silencio. Porén, algo melloramos, se o darwinismo fora atacado pola douta institución cando se deu a coñecer, polo menos a teoría da relatividade pasou desapercibida no momento da difusión inicial. A única referencia que coñecemos corresponde –un ano antes da visita de Einstein– a un texto dun heterodoxo profesor, o catedrático Roberto Nóvoa Santos. Este destacado médico, que tamén foi o receptor inicial en Galicia das ideas de Sigmund Freud, referiuse ao físico alemán no libro Physis y Psyquis. Fragmentos para una doctrina genética y energética del espíritu. O achegamento ás ideas do Premio Nobel viña da man do tamén alemán Ernst Mach, autor ao que tanto Einstein como Nóvoa prestaban moita atención. Segundo o historiador Thomas Glick, Nóvoa “intentó integrar perspectivas relativistas en la fisiología humana”; o noso médico reflexionou sobre o tempo físico e o tempo fisiolóxico, manexou o concepto de relatividade temporal e aludiu ás propostas de Einstein.
Por outra banda, entre os poucos que nese período trataban de divulgar a teoría da relatividade en Galicia figuraban o enxeñeiro de camiños José Fernández España e o farmacéutico Julio Segovia Lapique. Fernández España dera en marzo de 1922 unha conferencia sobre o tema no Circo de Artesáns da Coruña e Segovia, profesor de Electricidade e técnica industrial na Escola de artes e Oficios de Vigo falou da cuestión na apertura de curso desa institución, en outubro dese ano1.
Martínez Risco, o “outro interlocutor” galego de Einstein
Algúns galegos seguiron a visita e actividade de Einstein en Madrid, xornalistas como Wenceslao Fernández Flórez ou Julio Camba, e científicos como José Casares Gil. Mais os que dalgunha forma interaccionaron do físico alemán foron dous destacados científicos, o xa comentado Xosé Rodríguez Carracido e Manuel Martínez Risco
Algúns galegos seguiron a visita e actividade de Einstein en Madrid, xornalistas como Wenceslao Fernández Flórez ou Julio Camba, e científicos como José Casares Gil. Mais os que dalgunha forma interaccionaron do físico alemán foron dous destacados científicos, o xa comentado Xosé Rodríguez Carracido e Manuel Martínez Risco. De Martínez Risco, cómpre recoñecer que non dispoñemos de documentación que demostre o contacto. Se estivo con Einstein foi fora do foco principal. Entón, por que falamos del como posible interlocutor seu? Deducímolo por varias razóns. Unha primeira ten que ver co feito de que o alemán visitou os dous lugares onde Risco traballaba, a Facultade de Ciencias, onde era catedrático de Acústica e Óptica, e o Laboratorio de Investigacións Físicas, no que exercía de principal colaborador do seu director, Blas Cabrera. Pero, alén desa circunstancia, o argumento principal para aventurar un encontro reside no perfil científico de Risco. Porque, segundo Thomas Glick, era o único físico experimental activo en España nos anos vinte que mantiña intereses pola investigación no ámbito da relatividade2.
Este científico nacera en Ourense en 1888 e foi o primeiro galego en obter unha bolsa –en 1909– das que outorgaba a Junta para la Ampliación de Estudios (JAE). Acudiu ao Natuurkundig Laboratorium da Universidade de Amsterdam, onde traballou cunha figura destacada da ciencia mundial, Pieter Zeeman, director do Instituto de Física desde 1908. Zeeman estudaba a influencia do magnetismo sobre as fontes de luz, con achegas á teoría da relatividade e espectrometría de masas, que mide a cantidade de luz que absorbe unha substancia química, o que permite deducir a súa composición. En 1896 descubrira que as liñas espectrais se dividen en diversos compoñentes, o que hoxe se denomina “efecto Zeeman”, fornecendo unha proba máis a prol da teoría electromagnética da luz. Por esas investigacións recibira en 1902 o Premio Nobel. Risco estivo con Zeeman un par de anos estudando Óptica-física. Resultado dese labor foi a súa tese de doutoramento (1911): “Asimetría de los tripletes de Zeemann”, publicada na Revista de la Academia de Ciencias e en Anales de la Sociedad Española de Física y Química. Risco volveu por un tempo, no ano 1928, aos Países Baixos, onde realizaría a parte experimental dun traballo que publicaría con Zeeman en 1929.
Após a bolsa con Zeeman, o físico incorporaríase en Madrid como profesor na Facultade de Ciencias e encargado de impartir cursos de ampliación no Laboratorio de Investigaciones Físicas (LIF) da JAE, onde realizou estudos espectrofotométricos. En 1914 sacou a cátedra de Acústica e Óptica da Universidade de Zaragoza e en 1919 retornou á Facultade de Ciencias de Madrid, cidade onde participaba activamente no faladoiro de Ramón Gómez de la Serna, que se celebraba no café Pombo e que contaba entre os seus participantes a intelectuais interesados polas contribucións de Freud e Einstein.
Varios dos principais protagonistas desta historia, o propio Einstein, Blas Cabrera, Julio Rey Pastor e o noso Manolo Martínez Risco compartirían uns anos despois un triste destino: o exilio político. Para salvar a vida, os catro científicos relativistas fuxiron dun mal absoluto, o fascismo, e morreron lonxe da súa terra
Nos anos vinte Risco realizou no Laboratorio de Investigaciones Físicas (LIF) experimentos co interferómetro construído no Laboratorio de Automática dirixido por Leonardo Torres Quevedo. Un interferómetro do tipo Michelson, que tiña moita sona porque foi o utilizado no célebre experimento de Michelson e Morley que demostrou, contra o agardado por eles, a inexistencia do éter, pois a velocidade da luz permanecía constante, independente da dirección e do observador. O instrumento proxectaba un raio de luz, dividíao e os dous que, reflectidos, provocaban unha interferencia que indicaba se a velocidade era a mesma ou diferente en cada raio. Malia as súas pescudas, Risco non publicou ningún resultado sobre óptica relativista ata fins dos anos 40. Falamos de «Concept interférenciel des images optiques dans la theorie de la relativité», Comptes rendus de l’Académie des Sciences, 228 (1949), páxinas 2014-2016, publicado no Journal de Physique). Glick atribúe iso a que o factor que determinaba esa produción era a disposición de medios materiais no estranxeiro, dos que Risco carecía en Madrid, quen, ademais, pasou un período importante dedicado ao labor político nas ringleiras do republicanismo azañista.
Exiliados polo fascismo
Volvendo á visita de Albert Einstein de hai un século, o 11 de marzo de 1923 o físico saíu de Madrid, pasou tres xornadas en Zaragoza, deixando España o día 15. Varios dos principais protagonistas desta historia, o propio Einstein, Blas Cabrera, Julio Rey Pastor e o noso Manolo Martínez Risco compartirían uns anos despois un triste destino: o exilio político. Para salvar a vida, os catro científicos relativistas fuxiron dun mal absoluto, o fascismo, e morreron lonxe da súa terra.
Notas
1 Máis información en http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200589
2 http://www.jae2010.csic.es/documentos/publicaciones/publicacion12.pdf