En Movistar non me deixan falar en galego!

Acabo de ter unha conversa com unha señorita da compañia de Movistar. Reclamaban o pagamento dunha factura. Tentei razoar com ela acerca de que eu necesitaba saber os conceptos da mesma. Expliquei que, varias veces, via telefónica eu reclamara e que me prometeran que así sería. Como a señorita falaba e falaba sen me querer escoitar, eu pedín:

-Déixeme falar que lle explico.

-No! No le dejo hablar mientras no me hable en castellano!

O que irritou a miña sensibilidade, como se pode comprender. Expliqueille que se me pedía para falar en castelán podía facelo, pois eu domino varios idiomas e ese, en particular, non ofrece ningunha dificultade para min. Mais tanto falaba e falaba que acabei por perguntar se estaba prohibido falar em galego.

-Conmigo si, porque no la entiendo! Para empezar no sé lo que significa falar ni tengo por qué saberlo.

Contesteille que era unha inculta.

Como se pode deducir, a moza entendía perfectamente. Só era preciso que me pedise, por favor, ou sen el, que falase en castelán. Nunca que me dixese que NON PODIA FALAR EN GALEGO!

Así están as cousas. Nós non nos damos a valer e diante da máis mínima dificultade escondemos o noso: O idioma, a cultura ou o patrimonio riquísimo da Galiza. Mesmo hai algunha xente que agocha a sua condición de ser galego ou galega.

Por iso a xente séntese con dereito a gritarnos polo teléfono:

-No, no la dejo hablar mientras me hable en gallego!

Esperemos que esta carta denuncia serva para espertar conciencias. Todas as persoas podemos entendernos sempre que haxa vontadade para o facer. As linguas son unha riqueza. Nunca unha fronteira. Eu ben quixera saber falar e comprender ben o catalán, ou o euskara, que considero pobos irmáns, e ainda moitos outros idiomas. A aprendizaxe das linguas é moi boa para estimular a boa función do cerebro e para facilitar a empatia con outros pobos e outras culturas. Hoxe, que se está a falar da lei de educación, sería bo introducir algunha modificación a ese respecto.

Coñecer as linguas e as culturas peninsulares sería un obxectivo prioritario para esa reforma se pretende formar cidadáns libres, cultos/as e tolerantes fronte á diversidade dos pobos da Hispania.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.