O 4 de Marzo de 2001 tivo lugar un grave accidente en Portugal.Derrubouse unha ponte sobre o río Douro e morreron mais de 70 persoas que ían nun autobús. Antes de que houbera ningunha caste de investigación política ou xudicial, dimitiu o ministro socialista de Obras Públicas, Jorge Coelho.A obra non fora construída polo goberno daquel momento senón que tiña unha antigüidade centenaria e fora obxecto de críticas públicas a respeito dos seus niveis de seguridade.
A pesar das diferenzas técnicas que podan ser invocadas entre ambos sucesos, a comparación coa traxedia de Angrois resulta pertinente para avaliar a reacción das autoridades involucradas.O acontecido o 24 de Xullo era merecedor dunha asunción inmediata de responsabilidades políticas por parte dos presidentes de RENFE e ADIF.No canto de protagonizar esa conduta, buscaron a culpabilización exclusiva do maquinista e refuxiáronse nunhas dilixencias xudiciais que poden ter unha demora temporal que inviabilice calquera resposta exemplarizante destes xestores públicos.
A decisión adoptada polo xuíz instrutor, abrindo o campo das imputacións aos responsábeis da seguridade da liña ferroviaria afectada, cuestiona aínda mais o talante dos cargos de Fomento
A decisión adoptada polo xuíz instrutor, abrindo o campo das imputacións aos responsábeis da seguridade da liña ferroviaria afectada, cuestiona aínda mais o talante dos cargos de Fomento e da propia ministra que posúe a potestade necesaria para efectivizar o seu cese.As palabras pronunciadas pola deputada do PP na Asemblea de Madrid e viaxeira ferida no tren sinistrado son atinadamente contundentes:noutros países europeos habería ceses ou dimisións por algo semellante.Hai 12 anos, xa se rexistrou un exemplo práctico en Portugal.Tan próximo e tan distante.
O PP quere imitar sen escrúpulos as recentes palabras do ministro principal de Gibraltar:ate que se conxele o inferno non se conxugará o verbo dimitir
A pesar do evidente afastamento que se rexistra entre importantes sectores da poboación e a maioría da elite política, o PP quere imitar sen escrúpulos as recentes palabras do ministro principal de Gibraltar: ate que se conxele o inferno non se conxugará o verbo dimitir. Nin os implicados no caso Barcenas, nin o alcalde de Baralla e nin sequera os que se fotografan con símbolos nazis ou fascistas.
A equipa de Rajoy agarda que a situación económica experimente unha mudanza que lle permita asegurar a súa continuidade.Son cálculos construídos sobre a hipótese de que non hai masa crítica social suficiente para esixir unha rexeneración efectiva do sistema político.Pensan que o desprestixio indiscriminado da política é un valado protector que reduce a envergadura do seu desgaste.Administrando obsesivamente a vixente aritmética electoral renuncian á pedagoxía que lles ven esixida pola súa posición dominante nas institucións representativas.