En Ribadeo, durante algún tempo, non se necesitará máis precisión para saber a que incendio nos estamos a referir: o que deixou 2326 hectáreas, máis de 23 quilómetros cadrados, calcinadas entre o xoves 12 e o sábado 14 de outubro de 2023.
A xente xa se esqueceu no día a día daquel outro que aló polos 90 do pasado século chegou a quencer as casas da Vilavella, ás portas da vila, do mesmo xeito que outros tampouco desprezables (se é que algún o é)
Non entro nin saio no xeito de medir esas hectáreas afectadas, que estimo poderían varían de xeito apreciable segundo o sistema aplicado. Mais pódese ver a ollo nu que non todas o foron por igual. Houbo lugares nos que o vento, en descenso pola ladeira, fixo que as lapas na súa tendencia a ascender, case se esqueceran das árbores, quedándose nas copas. E outros nos que, correndo ladeira arriba, calcinou ata o último recuncho. Houbo plantacións de eucaliptos noviños, máis baixos que os maiores dos arredores, que libraron do lume, aínda que foran nalgún momento rodeadas polas lapas dos outros máis altos.
Pódese aprender moito só con mirar pola estrada do monte a unha e outra beira. Como, despois de baixar polo Mondigo cara ó mar, o lume chegou ata o prado pero non pasou. Como saltou a autovía, espazo ben largo e libre de vexetación. Ou como a estrada non foi obstáculo en zonas onde as ramas dunha e outra beira chegaba mesmo a tocarse. Como, a pesar de toda a boa acción de bombeiros e veciños, coa relación 30 – 30 - 30 (30 km/h de velocidade do vento, que nalgúns momento se quedaron moi escasos, 30 ºC de temperatura, que non se chegaron a acadar, pero non faltou moito, e 30 % de humidade, á que por sorte tampouco se chegou) hai que esperar un milagre como a chuvia para deter o incendio no medio dun monte de eucaliptos. Ou como, á beira dos anteriores, árbores de determinadas outras especies poden quedar -e quedaron- intactos.
Lembremos: os incendios declaráronse en Trabada (5 focos non é un incendio, senón cinco incendios diferentes que logo se uniron) e pasaron a Ribadeo en menos de 12 horas, a un punto a unha distancia de algo menos de 3 km en liña recta. Acadaron lugares a uns 10 km de distancia, e mentres, chegaron a ter unha fronte duns 3 km. As 2326 Ha poden visualizarse concentradas como máis de 1/5 da superficie do concello de Ribadeo, ou como 1/8 da superficie conxunta dos dous concellos afectados, Ribadeo e Trabada. Para moita xente será mellor outra comparación: queimouse unhas 5000 veces a superficie de xogo do Pepe Barrera, o estadio de fútbol de Ribadeo.