Enaltecemento de que? A propósito da ficción e as leis

Enaltecer é verbo transitivo, como todo o mundo sabe. Enaltécese algo e ese algo é o que a gramática distingue como complemento directo. De entrada, o obxecto posíbel do enaltecemento, en termos semánticos, é tan amplo como o mundo. Igual que un pode aborrecer practicamente calquera ente, igual que unha pode estimar tamén un mundo de cousas, en principio sería factíbel converter en obxecto de enaltecemento unha variedade incontábel de referentes. Os monicreques, por poñer un caso. Enaltecemento dos monicreques, cabe pensar. Lémbrese agora Éloge du théâtre, de Alain Badiou.

Porén, na linguaxe xurídica, e sobre todo na linguaxe mediático-política de control social e ideolóxico, o que se enaltece por antonomasia, e case por exclusión léxica, é o terrorismo, que é o nome do mal absoluto neste tempo simple. Para outros obxectos procúranse outros verbos; honrar, por exemplo. “Honrar as vítimas”, dise. E está ben. Sobre todo cando de verdade se honran e se honran todas. A cuestión é que, polo que se vén sinalando, enaltecer é hoxe por hoxe un verbo luxado.

Qué sexa o terrorismo, aliás, non é cuestión de delimitación sinxela, nunca o foi. Malia o cal, hai quen o ten clarísimo. Normalmente, o Estado e os seus aparatos téñeno. Todo estado adoita telo claro, de feito. E desa claridade, de novo normalmente, o abuso escuro, o exercicio acusatorio represor, o control en ocasións criminoso das liberdades.

Pode afirmarse en xeral, ollando para este mundo catalogado como occidental e transmoderno, que até non hai moito tempo outro concepto que tiveron claro o Estado, os lexisladores, os xuíces, o sentido común popular e mesmo a policía foi o de ficción. Adoitabamos crer que existían dúas formas de intervención no espazo público que puñan nun suspenso provisorio a responsabilidade de expresar algo. A opinión, por exemplo. A discrepancia. Aínda a máis aceda das críticas políticas. Ou a sátira.

Unha desas formas era a asociada a determinados fenómenos festivos e celebratorios, parateatrais a fin de contas. O mellor exemplo —soubo exploralo moi ben o ruso Mikhaíl Bakhtín— é o do carnaval. A ningún policía se lle ocorría até hai non tanto deter ninguén durante o entroido. Dixese o que dixese, vestise o que vestise, manifestase o que manifestase nas distintas variantes das linguaxes verbais e visuais activadas. E iso malia o propio do carnaval ser o exceso, a diatriba, o dicterio. Non se facía. Pero agora xa se fai. Fíxose en Ourense o pasado febreiro na festa do carnaval, por caso. Un cidadán disfrazado de titiriteiro co xa célebre cartel de “Gora Alka-ETA” no peito foi denunciado pola policía perante a Audiencia Nacional por enaltecemento do terrorismo.

A segunda forma que ficaba á marxe era a transmitida, en termos de comunicación, como manifestación artística. Se nunha farsa, por exemplo, unha personaxe berraba de súpeto “Morte ao rei!” ou “Morte aos cegos!” a ninguén se lle ocorrería pensar que fose aparecer un funcionario policial para deter a actriz. Nin sequera para levarse detida a personaxe que esa actriz representaba (?). Sería de tolos facelo. Ningún rei, ningunha organización de cegos se personarían nunca como parte. Sería absurdo facelo, si. Os actores e as actrices, os entroidos e as choqueiras tiñan licenza para falar. Diso sacaron notábel partido estético e metateatral Shakespeare, Cunqueiro e Jelinek, entre tantos outros. De porparte, policías e xuíces, alcaldesas e ministras asumíano con meridiana claridade, como diría un político español.

Todo o mundo lembra que iso mesmo —esa idea— foi o que, malia as puntillosas argumentacións de Ernest Pinard, o avogado imperial, acabou triunfando no xuízo contra Gustave Flaubert polo dobre delito de ofensa á moral pública e á moral relixiosa (o cal equivalería talvez a un enaltecemento da indecencia) constituído supostamente pola súa novela Madame Bovary de fío a fondo. Baudelaire tivo problemas semellantes polas Flores do mal. Joyce polo seu Ulises. E Curros Enríquez polo Divino Sainete. Todo isto hai moito tempo, case en todos os casos no século XIX.

O caso foi que o avogado de Flaubert, Jules Sénard, puxo ao mundo sobre unha pista aparentemente irrefutábel que moito tempo despois asumiría esa disciplina de base estruturalista que chamamos narratoloxía. Para sermos breves podería formularse así: o que afirme un personaxe é cousa súa; aquilo que exprese discursivamente ou a través dos seus actos non é nunca constitutivo de persecución pola lei. Aínda máis: o que afirma ou expresa o narrador dun relato entra nesa mesma orde de actos de fala. O seu é seren fictivos. Os actos de fala nunha novela ou nunha montaxe teatral non forman parte do mundo real. Non son mundo real. E non só porque os enuncien entidades pertencentes a mundos de ficción (os personaxes, o narrador) senón ademais porque o acto comunicativo todo no que se enmarcan en tanto enunciación é xa de seu ficcional. Co cinema acontece outro tanto, e coas artes plásticas o mesmo. É así sen dúbida. Era así porque así debía ser. E o que parece mentira é que haxa que reiteralo neste segundo decenio do século XXI.

Os avogados defensores de autores como os citados empregaron asemade outro recurso nos procesos nos que tiveron que intervir. O da intertextualidade. Aducíanse Montesquieu e Lamartine para restar peso aos argumentos contra Flaubert. Dante Alighieri e a Divina Comedia para aliviar a presión clerical contra Curros Enríquez. O que eles escribiron xa o escribira alguén antes, ás veces alguén con boa reputación, alguén sen sospeita. Todo discurso, á fin, é un eco doutros discursos. A cita non pode ser constitutiva de delito. Iso argumentaban os letrados.

Pero todo se acaba se se deixa acabar. A defensa das vellas e das novas liberdades é hoxe perentoria, é un deber ético e político que ninguén está en condicións de ignorar nin adiar. Vaille a vida niso.

Como é que uns titiriteiros pasen varios días detidos en dependencias policiais por unha montaxe teatral, dígase nesta o que se diga por parte dos personaxes, as escenógrafas, os músicos ou quen for a través da multiplicidade sígnica que todo espectáculo presupón? Como é todo o que aconteceu despois? A retirada de pasaportes, o control obsesivo nos xulgados, a criminalización mediática? Tanto silencio de tanta xente? E tamén os cordóns de seguridade que políticos e políticas en exercicio, algunhas delas con patente formación e desempeño xurídicos, se viron impelidos a activar por si las moscas (eu tamén denuncio, etc.)?

Eis a xestión do medo por parte do estado-vixía. Mais a liberdade de expresión non se negocia. Alcanzouse tras procesos históricos dilatadísimos no tempo. Constitúe unha conquista civil irrenunciábel para nós. Ceder aí e cedelo todo. Imputar actores polo que os personaxes afirmen é crebar un pacto sobre o que se sustenta boa parte da actividade teatral e en xeral artística da nosa civilización. Conduce claramente ademais a que as autoras poidan ser denunciadas polo que diga calquera personaxe de ficción. Rosalía de Castro podería ir á cadea lidos hoxe algúns dos seus versos desde a sensibilidade prevaricadora que por osmose ideolóxica vai afectando con impunidade as estruturas de control do estado posmoderno. Iría se cadra, si. Por enaltecemento de que?

Arturo Casas (EsCULcA, Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.