Ensinanzas das Tanxugueiras

Aturuxo de Olaia Maneiro na final do Benidorm Fest © Rocío Cibes

1.- Unha parte moi importante da cidadanía galega está a medrar substancialmente na súa autoestima, síntese solidaria coa súa lingua e cultura e convirte a pertenza á galeguidade na súa referencia no mundo. A identidade nacional mantense e evolúe malia o proceso de globalización ou mesmo canda él.

Unha parte moi importante da cidadanía galega está a medrar substancialmente na súa autoestima, síntese solidaria coa súa lingua e cultura e convirte a pertenza á galeguidade na súa referencia no mundo

2.- A música das Tanxugueiras, canda moitos outros produtos musicais e culturais galegos, son creacións dunha moi grande calidade, calquera que sexa a referencia (estatal, europea ou universal) coa que fagamos a comparanza. Elas amosaron que a música tradicional galega é unha creación popular e viva, que é quen de evoluir e se actualizar en interacción (que non mestizaxe) con outras achegas. Esta calidade comparativa é moi evidente, polo que no próximo futuro non haberíamos precisar da aprobación exterior para encher os concertos das nosas artistas e mercar a música e os libros das nosas creadoras.

Actuación das Tanxugueiras na final do Benidorm Fest, o 29 de xaneiro de 2022 © RTVE

A lingua, cultura e música galegas son ben recibidas pola grande maioría da cidadanía do Estado español. O rexeitamento á nosa lingua e cultura, canda o encaixe nunha España plurinacional dunha Galicia de seu, non xurde dos pobos, senón da aparataxe do Estado, das estruturas do Deep State

3.- A lingua, cultura e música galegas son ben recibidas pola grande maioría da cidadanía do Estado español, como tamén no ámbito europeo e universal. O rexeitamento á nosa lingua e cultura, canda o encaixe nunha España plurinacional dunha Galicia de seu, non xurde dos pobos, senón da aparataxe do Estado, das estruturas do Deep State, das elites do palco do Bernabeu, do establishment cultural, musical e do espectáculo.

4.- O problema non é só político, senón económico. O xuri nomeado pola RTVE, expresión dese establishment do espectáculo, serviu aos intereses de determinadas produtoras do Madrid artístico. Chanel non tiña dereito a percebir diñeiro pola explotación económica dos dereitos de autor (que van ir para esas produtoras), mais as Tanxugueiras si. Un trunfo das Tanxugueiras, ademáis, amosaría o bo acollemento do público español a produtos culturais e musicais en galego, catalán , euskera ou asturiano e iso non lles encaixa aos que só acreditan na España unilingüe, uninacional e unicultural que serve aos seus intereses económicos e á difusión dos seus produtos culturais.

O vivido habería valer para que comprenderamos que a dificultade real de compatibilizarmos a galeguidade coa españolidade baséase só no concepto discriminador e supremacista co que a ideloxía dominante define España

5.- O Estado e as súas Institucións (tamén a RTVE) son moi difícilmente reformábeis e non dubidan, quer de mudar as regras de xogo á metade do partido, quer de revirar a aplicación destas normas, como fixeron as dúas persoas do xuri que votaron Tanxugueiras coas puntuacións de “2” e “4”, reservadas para a peor e a segunda peor escolla.

6.- O vivido habería valer para que centos de milleiros enxergaramos como funcionan tanto as institucións do Estado como as elites e conexións do Deep State e comprenderamos que a dificultade real de compatibilizarmos a galeguidade coa españolidade baséase só no concepto discriminador e supremacista co que a ideloxía dominante define España.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.