Ensino en galego: o rei vai nu

Galeria de colunatas do pátio do Palazzo Spada. Roma. Com perspectiva forçada en trompe d´oeil (“engana o olho”). Século XVII. Obra-Prima de ilusâo de ótica. Francesco Borromini cria ilusâo de grandiosidade através de manipulaçôes arquitetónicas. CC-BY-SA Livioandronico2013

Para centrase nas posibilidades de avance do ensino en galego, e tamén do galego no ensino, cómpre ter en conta, ao meu entender, dous asuntos previos especialmente importantes. 

O principal é que que a condición da lingua galega na totalidade do conxunto social, a saúde do idioma por así dicir, sufriu nos últimos decenios un enorme debilitamento. Maior indiferenza colectiva, perda de falantes e diminución da forza na súa defensa. O discurso que asume abertamente a inutilidade da nosa lingua ten ademais unha presenza cada vez máis evidente entre a cidadanía. 

Os elos da cadea de identificación comunitaria da lingua son máis delgados que hai vinte anos. Minguou o interese por falalo e por falalo ben. Descende constantemente o uso e a calidade nos grupos máis conscientes e a tensión favorábel a recuperalo tamén é máis morna

O darwinismo social aplicado polo Partido Popular está sendo un éxito. Mentres aparentan amabilidade no seu tratamento, xesticulando positivamente, deixan que a superioridade da lingua castellana se impoña pola súa propia forza. Sen unha acción correctora digna de tal nome. Niso consiste a política lingüística da Xunta. 

O darwinismo social é un conxunto de teorías e prácticas que pretenden aplicar conceptos biolóxicos de selección natural á socioloxía, á economía e á política, postulando a “supervivencia do máis apto”. O termo acuñouno o filósofo e  naturalista Herbert Spencer, a partir da teoría de Charles Darwin, segundo a cal a evolución das especies se produce pola selección natural dos individuos. 

A severa derrota da lingua galega despois das mobilizacións do PP en 2010, contra o decreto do galego no ensino do Goberno Bipartito, axudou de maneira definitiva a que se producise este deterioro. A prostración estendeuse por toda a sociedade, diminuíndo progresivamente o sentimento compartido da lingua galega.  

Dito doutro xeito, os elos da cadea de identificación comunitaria da lingua son máis delgados que hai vinte anos. Minguou o interese por falalo e por falalo ben. Descende constantemente o uso e a calidade nos grupos máis conscientes e a tensión favorábel a recuperalo tamén é máis morna. Por iso as novas mobilizacións en favor do galego, destinadas entre outras cousas a galvanizar as propias forzas, son unha boa noticia, aínda que se bote en falta a busca imprescindíbel dunha concorrencia plural e extensa. 

O piso, o chan, está máis abaixo do que comunmente se considera. Pénsase nun solo moi firme, mais é unha reminiscencia da interpretación dos estudos sociolóxicos. Unha versión optimista, repetidísima, que circulou sempre, segundo a cal a xente de Galicia é moi favorábel á lingua, sen matizar apenas o grao de intensidade. 

A estas horas, antes de someter calquera ámbito a grandes ensaios de estrés, refírome neste caso ao ensino, conviría reforzar as resistencias da armadura no seu conxunto, a da sociedade toda, porque acusa unha grande fatiga estrutural. 

Cómpre reactivar a identificación colectiva coa lingua. Necesítase buscar a enerxía necesaria para unha xeira intensa, desde asociacións, institucións galeguistas, partidos, concellos, deputacións. Tamén, especialmente, desde o goberno galego cando gobernen as forzas favorábeis, en troca do partido que ten como obxectivo principal a uniformización do Estado Español, diminuíndo en canto se poida a enerxía das linguas “periféricas”, perturbadoras do proceso. 

Unha política amorosa, descargada de retóricas, vigorosamente práctica, que sinale a lingua, a través dos actos, como patrimonio común a respectar, defender, coidar e utilizar. Con medidas moi concretas, con metas a catro anos. 

A oposición ten que erixirse en solución, porque para alén da imprescindíbel sensibilidade e da reivindicación, cómpre unha metódica, coa súa esquemática, e máis en lóxica que en fantástica, dito isto con palabras de Pedrayo, certamente graciosas e todas elas descontextualizadas. 

A directriz principal do PP para as linguas no ensino é a orde de non tocar nada, nin a favor nin en contra, implícita e firme. Puro darwinismo social. Deixar que o declive se coza na súa propia salsa

A outra cuestión previa a ter en conta é a “realidade real” da lingua no ensino. O que acontece por dentro, nas aulas, nos centros, nas familias, a composición social. Apenas se baixa a eses espazos no debate. 

O foro público discute de decretos e de cambio de decretos que regulan a lingua. É un debate irreal, case estratosférico, porque nin a incorporación da lingua, nin a diminución do seu uso acusan moito eses cambios lexislativos, digamos que superestruturais. A realidade do ensino en galego vén marcada fundamentalmente pola inercia, despois dun despegue importante nos anos oitenta e noventa. E máis marcada aínda desde a aprobación do decreto de plurilingüismo do PP, ilegal e perverso.

A directriz principal do PP para as linguas no ensino é a orde de non tocar nada, nin a favor nin en contra, implícita e firme. Puro darwinismo social. Deixar que o declive se coza na súa propia salsa. A inspección ten orde de non actuar. Os plans sociolingüísticos de centro e os proxectos de actuación lingüística non se revisan. Tanto ten que as aulas se impartan nunha lingua ou noutra. As exencións na materia de Lingua Galega e Literatura tampouco se supervisan. Atoparon o xeito máis eficiente de evitar calquera problema. Reducir a cuestión lingüística no ensino a un devir mortífero e calado para o galego. 

E nada indica que vaian ir a mellor as cousas cun novo decreto, a pesar da boa vontade. Porque ninguén sabe como se implementaría na situación actual. Non se trata con profundidade este asunto desde os anos noventa, cando había, sobre todo, un clima social máis propicio para o avance. Arestora a exploración dos camiños para acadar os cumprimentos, cos consecuentes problemas políticos, está adormecida. 

O PP faría pivotar, ademais, esa hipotética lexislatura sobre o conflito lingüístico, parcialmente por suposto, pero de xeito importante e desestabilizador. A lingua para o PP é un instrumento con forma de garrote nos momentos decisivos, non un factor de concordia. 

As antigas fortalezas están profundamente debilitadas despois de quince anos de goberno do PP, cómpre tomar medidas concretas para reforzalas e, hai un gravísimo abandono do ensino, con carencias de implementación absolutamente alarmantes

Ao longo dos cincuenta anos nunca se cumpriu ningún decreto, aínda que se teña avanzado  con eles a finais dos anos oitenta e nos noventa, como xa se dixo. Cando se demandaban normas máis favorábeis, esquecíase a incompleta, e ás veces moi escasa, implantación real do anterior. O rei sempre vai nu no ensino en galego. 

Aquí non se nega que sexa mellor ter mellores normas, xaora. Só se di que é unha táctica errónea gastar as enerxías mellorando as normas cando non se ocuparon as xanelas de oportunidade abertas polas anteriores. O debate sobre os decretos é un simulacro desde hai moito tempo. 

Desde aquí convídase a abrir un debate tranquilo, iniciar unha revisión serena e aberta, buscando formas de actuación, orixinais, imaxinativas e eficientes. Volvendo situar o problema. 

Resumindo o antedito en tres liñas: as antigas fortalezas están profundamente debilitadas despois de quince anos de goberno do PP, cómpre tomar medidas concretas para reforzalas e, hai un gravísimo abandono do ensino, con carencias de implementación absolutamente alarmantes. 

As medidas que a continuación se describen asumen a correlación de forzas sociais, as que delimitan o grao de intervención. E buscan a maior eficiencia, evitando perder de vista que a prioridade da actuación debe estar arestora noutros ámbitos, tal como ficou exposto nos artigos anteriores. 

MEDIDAS PARA O ENSINO

Exentos

Na educación non universitaria de Galicia hai matriculados neste curso 23.000 estudantes estranxeiros. Esa cifra inclúe tamén os fillos de persoas estranxeiras, a segunda xeración. O 6 % dos alumnos non naceron en territorio español, ou tendo nacido, os dous proxenitores son estranxeiros. Viven connosco 173.000 persoas estranxeiras censadas, ás que cómpre engadir, para o caso que nos ocupa, as procedentes doutras partes do territorio español, que tampouco teñen coñecementos de lingua galega, e as que conviven sen papeis. 

Os estudosos afirman que as predicións demográficas son intrinsecamente incertas a medio e longo prazo, mais un informe recente do INE, de 2024, sinala que en 2040 un 20% da poboación de Galicia terá nacido fóra do territorio español. Este dato demanda unha análise ampla e pormenorizada referida á lingua galega, mais este artigo limítase ao ensino, onde anuncia un novo problema, moi grave, que debe abordarse xa.  

O alumnado exento da materia de Lingua Galega e Literatura é cada vez máis numeroso. Esixir o control sobre as exencións, tanto no ensino público como no concertado e no privado, incluíndo a procedencia académica dos novos matriculados, debería converterse nunha prioridade urxente das direccións escolares, das organizacións sindicais e pedagóxicas e do control parlamentario, demandando medidas das autoridades educativas e lingüísticas. O descontrol é constatábel e intúese a picaresca. 

Non hai supervisión, pero tampouco directrices sobre como tratar cada caso, nin sobre o xeito de incorporar a eses alumnos. Cómpre valorar as procedencias e a distancia lingüística a respecto do galego. E cómpre incorporalos á aprendizaxe regrada, aínda que non sexan avaliados. 

Unha aula virtual debería funcionar a xeito de curso, de forma autónoma, fornecendo materiais para os dous anos de exención que poden desfrutar estes alumnos. Aula virtual con nivel 1 e 2, á que accederían todos obrigatoriamente e onde irían realizando as tarefas que lles permitisen adquirir o adecuado dominio da lingua. Na actualidade o labor limítase, en xeral, a asistir ás aulas. Ao non ser avaliados non realizan as tarefas coa tensión e a supervisión necesaria.  A creación desta aula facilitaría ademais que o docente desenvolvese o seu traballo de maneira cómoda e sinxela. 

Sería fermoso, ao mesmo tempo, asistir a unha campaña que recollese en pequenos vídeos de dous ou tres minutos, os traballos dos estudantes exentos. Narrando o que lles gusta de Galicia, explicando as principais diferenzas que observan entre os seus países de orixe e este. Feitos por eles, escolares recén chegados e futuros homes e mulleres desta terra. 

Etc. etc.  

Plan Sociolingüístico de Centro

O Decreto de plurilingüismo (79/2010) estabelece o número de materias que se deben impartir obrigatoriamente en lingua galega e en lingua castellana. Para o resto estabelece, tanto en primaria como en secundaria e bacharelato, que  cada centro educativo “decidirá a lingua en que se impartirán o resto de materias de cada curso, garantindo que as materias en galego e en castellano se distribúen na mesma porcentaxe de horas semanais”. Isto ocasiona moitos problemas aos equipos directivos. Na maior parte dos casos non se cumpre a directriz. É imposíbel, ademais, cadrar as horas na porcentaxe estipulada pola norma. 

Se nesas materias sen adscrición lingüística fixada por lei se recompensase a escolla voluntaria da lingua galega como vehicular, con puntuación no concurso de méritos, serían moitos os docentes dispostos a impartilas. Deberían facilitarse plataformas dixitais para usar os materiais didácticos creados. A inspección educativa ten a obriga de velar polo cumprimento destes compromisos. 

Equipos de Dinamización da Lingua Galega

Hai un en cada centro de ensino de primaria e secundaria. A Secretaría Xeral de Lingua, ou o órgano equivalente que se cree, debería propoñer iniciativas para que os centros, a través dos seus equipos de dinamización, as poidan secundar. 

É urxente a posta en marcha de campañas xerais, para o ensino de Galicia, promovidas polas institucións de política lingüística da Xunta, igual que para calquera outro ámbito social. Con carácter, decididas e latentes ao longo dos anos. Os receptores serían os alumnos, os profesores, o persoal non docente e as nais e pais, é dicir toda a comunidade educativa. Trátase de reforzar a estrutura xeral, como se ten dito. Canalizando as campañas a través dos equipos de normalización lingüística dos centros.  

No que atinxe aos alumnos, con contidos audiovisuais, concursos de vídeopoemas, vídeos de tik tok, pequenos retos lingüísticos. Extraendo eses materiais para novas campañas sociais de promoción da lingua. 

Etc. etc...

Centros de ensino infantil

Esa campaña constante de sensibilización é especialmente necesaria no ensino infantil. Unha actividade destinada ás nais e pais, que incorporarán os seus fillos aos centros nos anos sucesivos. Con excelente material, especificamente destinado, con charlas de especialistas e intercambio de opinións. O traballo dos primeiros anos ocuparíase de conseguir que a transmisión de criterios acadase unha excelente eficacia. Conseguir un estado de opinión favorábel para que a lingua vehicular fose o galego, coa anuencia dos proxenitores.  

E con molta finezza. E delicatezza. E accuratezza. E rafinatezza. 

---------------------------

Este artigo será de momento o último da serie sobre a política lingüística, iniciada hai dous meses e medio aquí. Faltan moitas cousas por analizar. Nada menos que o dixital; a situación do reintegracionismo; a das organizacións que traballan a prol do galego; o portugués e brasileiro no ensino medio;  a situación e posíbeis medidas para o galego exterior; a aproximación e o traballo coas persoas inmigrantes, que por sorte para nós e para eles veñen a vivir aquí, librándonos dun declive demográfico simplemente suicida. E faltan máis cousas. E falta todo sobre o mundo da xustiza, porque para iso está a Irmandade Xurídica Galega. Até aquí foron medidas pensadas para desenvolver por un goberno galego comprometido coa lingua. Quizais complete os artigos cando remate o verán, ou quizais os converta xunto cos xa publicados nun libriño para as librarías. Xa veremos. 

Obrigado polo seguimento e obrigado a Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.