Entre canóns, papeis e caravelas: Eloxio do desatino institucional

Titán, cordeiro da Lexión, no desfile militar do 12 de outubro de 2022 CC-BY-SA Javier Perez Montes

A noite na que o Boletín Oficial del Estado tivo que decidir cal era a data na que a patria debía vestirse de domingo, a razón xa fuxira pola ventá sen deixar nota de despedida. E non era para menos: a mesa do despacho semellaba o taboleiro dunha poxa na que os tres lotes á venda tiñan a mesma cara de poema

A noite na que o Boletín Oficial del Estado tivo que decidir cal era a data na que a patria debía vestirse de domingo, a razón xa fuxira pola ventá sen deixar nota de despedida. E non era para menos: a mesa do despacho semellaba o taboleiro dunha poxa na que os tres lotes á venda tiñan a mesma cara de poema.

O primeiro lote, o vello 18 de Xullo, viña cunha pátina de po, incenso e sangue que xa ninguén sabía como limpar. Durante corenta anos fora a gran atracción do réxime: a data na que un fato de xenerais con moitas medallas e ningunha paciencia decidira que, para salvar o «seu» edificio, o mellor era prenderlle lume coa xente dentro, lexitimando a barbarie baixo o palio da «Santa Cruzada». Era a festa do Glorioso Movimiento, o día no que se celebraba ter desarticulado a democracia a golpe de cornetazo. Pero finado o Xeneralísimo, ata o funcionario máis despistado decatouse de que ir de democráticos polo mundo mentres se tiraban petardos para festexar o derrocamento da República tiña a mesma elegancia ca acender un puro coas páxinas do Libro de Actas. Había que desmantelar o circo e gardar os serpentíns inmediatamente.

Apareceu entón o segundo lote, o 6 de Decembro, reclamado dende a bancada da esquerda pola parroquia do partido de Don Santiago Carrillo. Alí xurdía a figura dun tal señor Tamames, quen, coa solemnidade duns estudos ben aproveitados, pontificaba no Congreso: «Votemos o Día da Constitución! A data na que todos nos puxemos de acordo!». Quen ollaba o asunto sen as lentes do profesor xa albiscaba o truco: aquel 1978 non fora o nacemento da utopía, senón un contrato de alugueiro con cláusula de urxencia; un pacto de silencios para que todo mudase sen que nada cambiase, coa monarquía posta con calzador e as présas do «atado e ben atado». —Quen no lo ía dicir que, décadas máis tarde, o propio señor Tamames remataría encabezando unha moción de censura coa extrema dereita! A política ten esas voltas nas que nin o mellor guionista se atrevería a imaxinar—.

Ao final, se un mira o calendario coa distancia suficiente e un bo puro na man, a conclusión é tan amarga como irrefutable. O Estado quedou atrapado nunha trindade imposible: escoller entre a violencia duns canóns contra o seu propio pobo, o silencio pactado dunha Transición con présas, ou o despiste dun navegante que abriu a porta ao espolio doutro continente. Unha impecable charlotada institucional onde os tres lotes comparten a mesma falta de autoridade moral

Por se fose pouco para os burócratas de entón, o 6 de decembro caía demasiado preto do 8 de decembro, día da Inmaculada Concepción. Desperdiciouse aí unha oportunidade de ouro: que mágoa que o Estado non tivese a audacia de elixir directamente o día da Inmaculada como festa nacional, para culminar así a transición perfecta substituíndo a «Santa Cruzada» pola «Santa Inmaculada» sen necesidade de disimular a devoción católica do aparello estatal. Pero a economía manda sobre a teoloxía: xuntar dous festivos semellantes condenaría a economía a unha sesta nacional da que ninguén se erguería ata o ano seguinte.

Foi así como a mirada do Estado foi parar ao terceiro lote: o 12 de Outubro. Ante a imposibilidade de acadar un consenso sobre unha data democrática moderna e sen festivos cómodos no calendario, precisábase inventar unha tradición coa que vestir o novo relato oficial. A elección tiña o encanto irresistible do absurdo: conmemorar a mañá na que un mariñeiro xenovés —ou Pedro Madruga, segundo sostén a teoría galega—, completamente desorientado no medio do océano, tropezou cun continente pensando que chegara ás Indias. Un erro astronómico transformado no mito fundacional dunha «comunidade imaxinada». A data xa fora bautizada no seu día como Fiesta de la Raza e Día de la Hispanidad, nomes que soaban na democracia nacente cun eco metálico e rancio.

Pero corría o ano 1987 e cumpría modernizar a taumaturxia local. España viña de ingresar no prestixioso club europeo, e non quedaba nada elegante presentar os papeis no mostrador de Bruxelas cheirando a Falanxe. Así que, mentres o goberno de Felipe González andaba entretido coas cloacas e a xestión dos GAL, nos despachos oficiais aplicouse a maxia da prestidixitación burocrática: amputouse a «Hispanidad» e deixouse a criatura bautizada como «Fiesta Nacional de España». Pensaron que, mudando o traxe, a xente esquecería a quen lle pertencía o corpo.

Ao final, se un mira o calendario coa distancia suficiente e un bo puro na man, a conclusión é tan amarga como irrefutable. O Estado quedou atrapado nunha trindade imposible: escoller entre a violencia duns canóns contra o seu propio pobo, o silencio pactado dunha Transición con présas, ou o despiste dun navegante que abriu a porta ao espolio doutro continente. Unha impecable charlotada institucional onde os tres lotes comparten a mesma falta de autoridade moral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.