Entre catro paredes

CC-BY-SA Praza Pública

Descoñezo se o xornalismo e eu transitaremos os mesmos camiños, mais unha cousa sí teño clara, o que non quero parar de facer é escribir. Non coñezo outra maneira de contar a vida, de vivir; vivir escribindo, escribir vivindo, pese a todos, pese a todo

Vívense momentos de confusión e indefinición entre as catro paredes do meu fogar, non sei se de xeito permanente, eso só o dirá o tempo. Momentos que recórdanme a cando pos ese filme que levas pospoñendo tanto tempo e, aos poucos minutos, colles o mando da televisión e premes o botón de pausa; se cadra esperando rematar a faena outro día no que o sono ou a pereza, aínda sen recoñecer ben a causa, diten tregua.

Críame moi seguro cando me repetín a min mesmo e mesmo vociferei, a feitas de soar aínda máis seguro, aos meus país, aos meus amigos e a miña parella que ía abandonar o xornalismo; a precariedade laboral, a escasez de oportunidades e temas como a conciliación familiar afastábanme do desexo de poboar os meus días nunha vella redacción dun xornal que agocha tanta maxia coma fogos de artificio, dos que para cando te queres dar conta xa estoupáronche nas mans. É a confusión, a indefinición e, por momentos, a angustia do que non sabe o que quere facer coa súa vida ou cal é o seu lugar, o seu espazo… Penso que máis dun ou dunha saberá do que estou a falar nestes tempos que acontecen. Os demais facendo a súa vida, seguindo un camiño xa establecido e trazado con precisión e, logo estás ti co vento en contra tentando disipar a bruma, buscando algo de claridade entre todas esas preguntas que non deixas de facerte, que non deixan de facerche.

Aos meus vinte e cinco anos e co pouco vivido na mochila, digamos que non se pode descartar a opción de estar equivocado. A verdade é que descoñezo se o xornalismo e eu transitaremos os mesmos camiños, mais unha cousa sí teño clara, o que non quero parar de facer é escribir. Non coñezo outra maneira de contar a vida, de vivir; vivir escribindo, escribir vivindo, pese a todos, pese a todo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.