Entre o ruído, a tila e a M-30: o retablo do bipartidismo

CC-BY-SA Praza Pública

O pasado xoves, a televisión ofreceunos unha desas funcións que farían salivar o propio Valle-Inclán: dous aspirantes a presidir o Goberno empeñados en montar un circo de tres pistas onde os leóns berran sen dentes e os domadores durmen en pé. Dun lado, un candidato soltando interrupcións a cada segundo, botando cifras sen papeis e acusacións ao chou para que o rival non puidese rematar nin o saúdo. Do outro, unha estatua de sal con sobredose de tila, asistindo ao espectáculo cunha flema zen que rozaba o coma inducido. Durante días, a parroquia mediática debateu con solemnidade quen gañou o combate e quen gardou mellor as formas. Como se nunha representación de monicreques importase moito se o pau pega máis forte ou se o boneco pon cara de circunstancias.

Cando unha sociedade aplaude un teatro tan ben ensaiado e reduce a democracia a escoller entre a metralla verbal dun e o letargo farmacolóxico do outro, o problema non está no plató: está no patio de butacas. Significa que o pensamento crítico colleu vacacións hai tempo. Hai moito mundo fóra dese duelo de galos de curral, e aceptar que a política consiste en elixir entre a estridencia e a anestesia é dar por bo un simulacro que nos trata como espectadores sen criterio á hora de máxima audiencia.

E aínda por riba, no medio de tanto cruce de reproches, esqueceron un pequeno detalle: falar do país real. Dos programas pasaron de puntillas, e da periferia —Galicia incluída— nin se acordaron, non fose ser que se lles estragase o guión. Para ambos os dous, o universo remata na M-30. O resto do mapa non pasa de ser unha paisaxe decorativa pola que se pasa en campaña para comer empanada, prometer trens de alta velocidade para chegar antes a Madrid —pero xamais un tren digno entre Vigo e Monforte— e volver correndo ao centro do taboleiro.

Porque cando se apagan os focos e baixa o telón, a distancia estrutural entre os dous bandos dá para pouco máis ca un folleto turístico. En Bruxelas coinciden no esencial cada vez que toca blindar a ortodoxia fiscal ou asinar tratados comerciais que lle dan a puntilla ao noso agro e ao noso mar. E aquí, cando cómpre arrimar o ombreiro para o que de verdade importa aos poderes económicos, póñense de acordo pola calada —en pleno agosto e sen consultarlle á cidadanía— para reformar o artigo 135 da Constitución e poñer a débeda por riba do gasto social.

A proba do algodón está no Boletín Oficial do Estado. Por moito que o Goberno actual presuma de ser o máis progresista da historia recente, aí seguen intactas, coma reliquias de museo, a Lei de Segredos Oficiais de 1968, o blindaxe da Lei de Amnistía de 1977, o núcleo duro das reformas laborais de Aznar e Rajoy —con algúns retoques na fachada pero os mesmos muros de carga— ou os artigos máis lesivos da Lei Mordaza de 2015. Cambian os inquilinos, pero a casa segue cos mesmos cimentos e as mesmas fechaduras.

No fondo, a diferenza entre uns e outros é pura coreografía: uns soben as escaleiras de dúas en dúas e sen agarrarse ao pasamáns, con esa présa de quen quere chegar primeiro ao piso de arriba; os outros van amodo, chanzo a chanzo e parando a coller folgos para non suar. O que ningún dos dous conta é que o ascensor está avariado e que ambos van exactamente ao mesmo sitio.

E que ninguén se engane: aínda que dentro duns días nos poñan diante un debate a catro candidaturas, o xogo seguirá coxo mentres a cidadanía non teña información contrastada fóra do guión mediático nin recoñeza que mesmo a abstención crítica pode ser un acto político consciente fronte á resignación. Porque mentres sigamos contando decibelios ou louvando boas maneiras, o negocio seguirá rodando coma un reloxo. Apagar o ruído do esperpento, mirar quen paga a factura das leis que nunca cambian e lembrar que a vida empeza onde remata a pantalla —e onde o mapa non acaba en Madrid— é o primeiro paso para recuperar a saúde democrática.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.