O envellecemento da poboación galega e española é un reto ineludíbel que require de estratexias intelixentes e ben planificadas para evitar a saturación de camas hospitalarias e garantir unha atención eficiente e digna ás persoas maiores e ao resto da poboación
O envellecemento da poboación española, e en particular a galega, é un fenómeno que se acelerou nas últimas décadas, presentando desafíos cada vez máis complexos para o noso Sistema Nacional de Saúde (SNS) e tamén para o Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Este proceso, que noutras épocas podía considerarse un éxito da sociedade moderna, agora enfronta ao noso país cunha realidade que nos obriga a reformular de maneira urxente o modelo sanitario e social vixente. Neste contexto, faise imprescindíbel desenvolver estratexias intelixentes e ben planificadas para evitar a saturación de camas hospitalarias e garantir unha atención digna e eficiente aos nosos maiores e ao resto da poboación.
A lonxevidade, que é sen dúbida un logro da nosa civilización, provocou un paradoxo difícil de xestionar: mentres máis vivimos, máis complexas e prolongadas vólvense as necesidades de saúde e coidados. En Galicia, unha das comunidades autónomas con maior porcentaxe de persoas maiores, a situación é especialmente crítica. O envellecemento poboacional non só ten consecuencias demográficas, senón tamén económicas, sociais e, por suposto, sanitarias. Cunha taxa de natalidade que segue en declive e unha esperanza de vida que non deixa de aumentar, o equilibrio do sistema sanitario atópase nunha encrucillada.
O aumento da demanda sanitaria, principalmente no segmento de persoas maiores, evidenciou as deficiencias dun sistema que non foi capaz de adaptarse aos novos tempos. A saturación de camas hospitalarias é só a punta do iceberg dun problema moito máis fondo, que radica na falta de previsión e na ineficiencia do sistema á hora de xestionar a atención ás persoas maiores. Non é suficiente contar con máis hospitais ou máis camas; é necesario cambiar de paradigma e adoptar un enfoque integral que aborde de maneira eficiente as necesidades dunha poboación cada vez máis envellecida.
Un dos principais desafíos é a escaseza de xeriatras no noso país. Estes especialistas son fundamentais para ofrecer unha atención axeitada ás persoas maiores, cuxo estado de saúde adoita estar marcado pola multimorbilidade, é dicir, a presenza simultánea de varias doenzas ou enfermidades crónicas. Porén, o número de xeriatras é insuficiente para cubrir a crecente demanda, o que resulta nunha atención fragmentada e ineficaz. A xeriatría debe ser unha prioridade na formación médica, e é urxente fomentar a especialización neste campo, non só nas grandes cidades, senón tamén en áreas rurais e semiurbanas, onde a poboación envellece de maneira acelerada e o acceso a especialistas é aínda máis limitado.
Porén a solución non pasa unicamente por aumentar o número de xeriatras. É necesario reformular todo o sistema de coidados para as persoas maiores, comezando polo desenvolvemento dunha rede ben planificada de centros residenciais. Estes centros deben estar deseñados non só para aloxar aos maiores, senón para ofrecer unha atención integral que combine o coidado médico con actividades que fomenten o seu benestar físico e mental. A atención residencial debe ser entendida como un espazo de vida e non como un simple aparcamento de persoas maiores que non teñen outro lugar onde ir. Isto require unha planificación coidadosa que contemple a proximidade aos núcleos urbanos e unha dotación axeitada de recursos humanos e materiais.
Ademais dos centros residenciais, é vital impulsar os centros de día, que permiten ás persoas maiores manterse na súa contorna familiar mentres reciben a atención e os coidados necesarios durante o día. Estes centros non só alivian a carga sobre os hospitais e as residencias, senón que tamén ofrecen un respiro ás familias que coidan aos seus maiores en casa. Un sistema eficiente de centros de día pode previr o ingreso hospitalario innecesario e mellorar significativamente a calidade de vida dos maiores.
Outra peza fundamental nesta engrenaxe é a atención domiciliaria, que debe ser fortalecida e ampliada para chegar a todos aqueles que o necesiten. A atención domiciliaria é unha opción que permite ás persoas maiores recibir coidados na comodidade do seu fogar, rodeadas dos seus seres queridos e nunha contorna que lles resulta familiar. Porén, para que esta opción sexa realmente efectiva, é necesario que o persoal sanitario estea ben formado e que se dispoña dos recursos suficientes para ofrecer un servizo de calidade. Isto inclúe desde a provisión de materiais médicos até a coordinación entre diferentes niveis asistenciais, como o médico de cabeceira, o especialista e o traballador social.
Neste sentido, o hospital de día e o hospital a domicilio son alternativas que deben ser potenciadas. O hospital de día permite aos doentes ou pacientes recibir tratamentos complexos que requiren supervisión médica, porén sen a necesidade dunha hospitalización prolongada, mentres que o hospital a domicilio ofrece a posibilidade de trasladar certos servizos hospitalarios ao fogar do paciente, evitando así a saturación de camas e reducindo os riscos asociados ás hospitalizacións prolongadas, como as infeccións nosocomiais. Estas modalidades de atención requiren dunha infraestrutura axeitada e dun equipo multidisciplinar que traballe de maneira coordinada, con todo poden ofrecer unha resposta efectiva ás necesidades dunha poboación envellecida.
Non podemos falar de atención ás persoas maiores sen mencionar a importancia dunha rede de coidados paliativos ben estruturada e accesíbel para todos. Os coidados paliativos son esenciais para garantir unha atención digna e humanizada a aqueles que se atopan na fase final da vida. Porén, en moitos territorios de España, os coidados paliativos son insuficientes ou inexistentes, o que deixa ás persoas e ás súas familias nunha situación de vulnerabilidade extrema. É necesario que o Estado invista na formación de profesionais en coidados paliativos e na creación de unidades específicas dentro dos hospitais e na atención domiciliaria. Os coidados paliativos non deben ser un privilexio, senón un dereito de todas as cidadás e cidadáns.
Aumentar o número de xeriatras, desenvolver unha rede integral de centros residenciais, centros de día, atención domiciliaria e coidados paliativos, e por reformular todo o sistema de coidados ao redor dun enfoque centrado na persoa. Só así poderemos asegurar un futuro no que todos poidamos envellecer coa tranquilidade de saber que seremos ben atendidos cando máis o necesitemos
A conxestión de camas hospitalarias non é só un problema de infraestrutura, senón de enfoque. O envellecemento da poboación require dun cambio de mentalidade na xestión sanitaria, pasando dun modelo centrado na enfermidade a un modelo centrado na persoa. Isto implica non só tratar as enfermidades dos maiores, senón tamén previlas e xestionar de maneira eficiente os recursos dispoñíbeis. A atención primaria xoga un papel fundamental neste sentido, xa que é o primeiro contacto dos maiores co sistema de saúde e pode actuar como filtro para evitar ingresos hospitalarios innecesarios. Porén, a atención primaria en España, e en Galicia en particular, está saturada e subfinanciada, o que limita a súa capacidade para ofrecer unha atención preventiva e continuada.
É esencial que se desenvolvan políticas públicas que promovan un envellecemento activo e saudábel, e que se fomente a participación das persoas maiores na sociedade. A soidade e o illamento son problemas graves que afectan a moitos maiores e que poden ter consecuencias devastadoras para a súa saúde. A creación de redes comunitarias (que resultaron tan eficaces na pandemia de COVID-19), a promoción de actividades interxeracionais e o apoio ás familias que coidan aos seus maiores son estratexias que poden contribuír a mellorar a calidade de vida deste segmento da poboación e, ao mesmo tempo, aliviar a presión sobre o sistema sanitario.
O desafío do envellecemento da poboación non é exclusivo de España; é un fenómeno global que afecta a moitas sociedades avanzadas. Porén, a forma en que abordamos este desafío será determinante para o futuro do noso sistema sanitario e, polo tanto, da nosa sociedade. Non podemos permitirnos seguir postergando as decisións difíciles, nin seguir aplicando soluciones parche que só agravan o problema a longo prazo. É necesario un pacto social e político que poña no centro ás persoas maiores e que garanta que poidan vivir os seus últimos anos con dignidade, seguridade e a mellor atención sanitaria posíbel.
Este pacto debe incluír a todos os actores implicados: o Estado, as comunidades autónomas, os concellos, os profesionais sanitarios, as familias e, por suposto, aos usuarios e ás persoas maiores. Só cunha visión compartida e un compromiso real poderemos construirmos un sistema que estea á altura das necesidades do século XXI. A saúde non é un gasto, é un investimento no benestar de todos e, por tanto, debe ser tratada coa seriedade e a urxencia que merece.
En definitiva, o envellecemento da poboación galega e española é un reto ineludíbel que require de estratexias intelixentes e ben planificadas para evitar a saturación de camas hospitalarias e garantir unha atención eficiente e digna ás persoas maiores e ao resto da poboación. Isto pasa por aumentar o número de xeriatras, desenvolver unha rede integral de centros residenciais, centros de día, atención domiciliaria e coidados paliativos, e por reformular todo o sistema de coidados ao redor dun enfoque centrado na persoa. Só así poderemos asegurar un futuro no que todos poidamos envellecer coa tranquilidade de saber que seremos ben atendidos cando máis o necesitemos.