A taxa de natalidade da Galiza (número de nacementos nun ano por cada mil habitantes) era de 8,4 en 2008 e de 5,38 no ano 2022, situándose na cola do Estado, só por diante de Asturias con 4,72; a media estatal é de 6,88. Por outra parte, hai un descenso continuado do número de nacementos: 23.175 en 2008 e 14.495 no ano 2022, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE)
Un total de 407.724 persoas emigraron entre 2009 e 2022 (32.697 no ano 2022): 265.753 ao Estado español e 141.491 a outras parte do mundo. Do total, 154.745 (38%) eran menores de 29 anos.
A Xunta aprobaba en 2021 a Lei de impulso demográfico de Galiza, promesa electoral de Feijóo en 2009, só co apoio do PP. Olalla Rodil, deputada do BNG, advertía, daquela, que o comportamento demográfico “non é ningunha suma de mortes e nacementos, senón que depende por completo do modelo de desenvolvemento; é una lei en políticas natalistas, cunha visión reducionista e conservadora do modelo de familia”.
Para Nicolasa Castro, secretaria de Mulleres da CIG, principal sindicato da Galiza, era moi crítica con esta lei porque “depositaba nas mulleres a responsabilidade de frear o declive demográfico, relegándoas ao papel de nais e coidadoras”. “Esa lei non recolle medidas concretas e non incide nas causas que provocan o declive demográfico como o desemprego, a precariedade, o desmantelamento industrial ou o despoboamento do rural. O problema non é que as mulleres queiramos ter fillos ou non. O problema é que sen traballo e condicións laborais dignas, nin querendo podemos ter fillos. As carencias de servizos sociais públicos provoca que os coidados sigan recaendo maioritariamente en mulleres e isto obriga a que teñamos que sacrificar o noso traballo e crecemento profesional e persoal. As mulleres xoves emigran para conseguir mellores condicións de traballo e de vida, e as que quedan vense obrigadas a renunciar á maternidade ou retrasala até ter garantida unha certa estabilidade e condicións laborais máis dignas”. Dos 421.968 novos contratos firmados en 2021 en Galiza a nome de mulleres, case o 95% foron temporais, o 30% tiveron unha duración inferior a unha semana e o 43% foron de menos dun mes.
Hai un envellecemento da poboación de Galiza, segundo datos do INE. En 2022 só o 15,5% da poboación galega ten menos de 20 anos, o 58,32% entre 20 e 64 anos e máis dun 26% ten 65 anos ou máis, medrando 3,5 puntos desde 2011.
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) Galiza contaba con 2.796.089 habitantes en 2009 e 2.699.424 a 1 de xaneiro de 2023, perdendo 96.665 habitantes (3,82%), mentres no conxunto do Estado sumaba 1.133.829 (2,33%). A idade media da poboación galega é de 48,01 anos (45 anos en 2012), a terceira máis alta do Estado despois de Asturias e Castela-León.
A emigración xuvenil ten unha importante repercusión na taxa de natalidade. Segundo un estudo de Alberto Vaquero, Sara Fernández e Víctor Martínez, publicado en 2020 polo Foro Económico da Galiza, a emigración de 2.000 mulleres menores de 29 anos implica 1.500 nacementos menos en Galiza e tendo en conta que entre 2009 e 2021 marcharon de Galiza 48.375 mulleres menores de 29 anos, deixaron de nacer 36.281 persoas.
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, lembraba que hai 4.000 núcleos rurais abandonados e un recorte de servizos públicos como a sanidade e oficinas bancarias. A marcha de xente nova provoca o envellecemento da poboación. Propuña un ticket rural para a dinamización económica a través dunha axuda anual dun mínimo de 15.000 euros durante cinco anos para pór en marcha un negocio no rural cunha dotación inicial de 30 millóns de euros; recuperación de terras agrarias abandonadas para mobilizar 100.000 hectáreas.
Unha mocidade sen futuro
A poboación ocupada en Galiza entre 16 e 29 anos reduciuse en 76.900 persoas, pasando de 193.300 traballadoras e traballadores en activo en 2009, inicio da Xunta de Feijóo, a 116.400 en 2022, segundo o IGE.
Ana Pontón daba estes datos: desde que Feijóo presidía a Xunta máis de 200.000 galegos e galegas menores de 35 anos tiveron que marchar de Galiza por falta de oportunidades nos últimos 13 anos; no primeiro trimestre de 2022 a taxa de ocupación da mocidade entre 16 e 29 anos foi de 34,8% e a taxa de temporalidade do 54%. En moitas cidades é moi difícil o acceso á vivenda de aluguer para a xente moza. O alto custo da vivenda, a precariedade e os baixos salarios fan que sexa moi difícil independizarse. Propuña, entre outras: un plan de emprego xuvenil que garanta a inserción laboral da xente nova, un incremento dun 15% das bolsas de estudo, unha política de vivenda que permita á xente nova desenvolver os seus proxectos de vida; todo isto para conseguir que nin un mozo e ningunha moza se vexa na obriga de emigrar para sobrevivir. E acababa con esta mensaxe de esperanza: “Quero unha Galiza que non lle furte a mocidade a ninguén, que non impida á xente moza cumprir os seus soños porque tedes dereito a ser felices”.