EPA, ETA e IVE

Nunha viñeta de El Roto de hai uns días un cura dille a unha muller "Como non credes nos pecados converterémolos en delitos". Debuxa o fondo do debate sobre o cambio da lei do aborto que estamos a vivir, un debate ideolóxico promovido por unha xerarquía católica cada día mais afastada do mundo real, reconcentrada nas esencias do patriarcado. Ese debate pode escurecer os datos que debería avaliar o goberno antes de adoptar cambios lexislativos.

Non hai datos que indiquen que as mulleres galegas teñamos menos desexos de ser nais que hai 10 anos, o que parece claro é que a nosa decisión reprodutiva depende de factores diferentes ao desexo de maternidade ou a regulación do aborto

Dende o ano 2005 (até o 2011) o Ministerio de sanidade proporciona un informe anual exhaustivo sobre as IVE (Intervencións Voluntarias do Embarazo) no Estado e nas CCAA que nos permiten ver a incidencia da situación socioeconómica no número de IVE que finalmente se leva adiante. Comparando a evolución da IVE en Galiza cos datos de paro da EPA en centos de persoas de primeiro trimestre de cada ano, vemos o paralelismo entre a situación económica das familias e a decisión reprodutiva. 

Non se mide nestes datos a expectativa de futuro que xera unha situación económica de bonanza ou de crise que podería achegar máis as dúas gráficas.

Entre 2005 e 2010 non hai cambios lexislativos que proporcionen unha explicación alternativa a esta evolución. A importante baixada do ano 2008 coincide ademáis no tempo coa posta a disposición da pílula postcoital nos centros de saúde e COF de xeito gratuíto, e a tremenda subida do ano 2009 coincide coa liberalización da dispensación da postcoital nas farmacias (pagando).

Decidimos abortar como último recurso. Non hai datos que indiquen que as mulleres galegas teñamos menos desexos de ser nais que hai 10 anos, o que parece claro é que a nosa decisión reprodutiva depende de factores diferentes ao desexo de maternidade ou a regulación do aborto. As políticas públicas deben proporcionar alternativas que melloren as condicións socioeconómicas das familias, que procuren información e acceso gratuíto á anticoncepción de todo tipo e que, en último caso, fagan que o exercicio desa difícil decisión de abortar sexa o menos traumático e doloroso.

Os logros da perseverancia do movemento feminista, da loita das mulleres polos nosos dereitos de cidadanía son a construción dun consenso social ao redor do dereito das mulleres a decidir

Non parece que o ministro Gallardón e a xerarquía católica teñan intención de incidir nas circunstancias que rodean a esta decisión reprodutiva, ou de facilitarlles ás mulleres alternativas menos traumáticas cun mellor acceso á anticoncepción. Simplemente cuestionan o suxeito decisor. Aínda é mais alambicada esa relación que acaba de establecer o ministro do interior entre aborto e a ETA. O que nos están a dicir, do dereito e do revés, é que as mulleres non temos dereito a decidir cando ser nais, que o van decidir eles. Polas boas ou polas malas.

A actual lexislación sobre o aborto non é un agasallo de ninguén ás mulleres. Os logros da perseverancia do movemento feminista, da loita das mulleres polos nosos dereitos de cidadanía son a construción dun consenso social ao redor do dereito das mulleres a decidir, non a imposición dunha norma. Un consenso social real, que non se desmantela cunha maioría parlamentar temporal. O cambio da lei, se chega a producirse, pode recuperar os paripés dos informes psicolóxicos, pode levar ás mulleres que decidan abortar aos xulgados, criminalizalas (a elas e a profesionais que as apoien) por decidir sobre a súa maternidade en contra do criterio da xerarquía católica, pode poñer en risco a vida de milleiros de mulleres que, sen recursos para viaxar a abortar ao estranxeiro, decidan abortar por métodos caseiros ou sen garantías sanitarias.

O ministro Gallardón coa súa teoría da muller-muller, o ministro Fernández coa súa de abortistas-etarras e o presidente Rajoy que os consente, cavarán a súa tumba política onde menos o esperan

Pero o cambio da lei, de producirse, durará o que a lexislatura. E o ministro Gallardón coa súa teoría da muller-muller, o ministro Fernández coa súa de abortistas-etarras e o presidente Rajoy que os consente, cavarán a súa tumba política onde menos o esperan. Como Aznar fixo con aquela foto das Azores, mostrarán que descoñecen a que sociedade se dirixen, e como Aznar pagarán o erro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.