0. Permítanos o filósofo Hans Georg Gadamer que fagamos paráfrase do seu principio: ‘non comezarei ningunha aventura epistémica sen antes debullar os conceptos cos que me vou confrontar’. Tarefa complexa, case imposible cando se trata de falar da democracia (en minúscula) e da Democracia (en maiúsculas). Permitirémonos usar a obra do pensador francés Jacques Rancière, En quel temps vivons-nous? Conversation avec Éric Hazan (La Fabrique, Paris, 2017).
1. Estas reflexións nacen coa calor da violencia estatal e social a raíz da detención do rapeiro Hasel e das reaccións sobre esta violencia que se circunscribían nos discursos sobre a noción de democracia. A violencia sempre é unha resposta a unha violencia. Unha circularidade viciosa que nada soluciona. Que todo o empeora e quen perde é quen non controla nin domina as canles de comunicación de masas. O erro, ademais, é pensar antes no contido ca no dereito esencial á liberdade de expresión. Se aceptamos que os límites son subxectivos, entramos nun terreo e tempo perigosos, xa que a subxectividade será sempre cambiante.
2. Por riba, os discursos do goberno e de quen se outorgaba rol de voceiro das protestas non achegan nada a unha situación causada, en primeira instancia, polo sistema lexislativo e pola resposta, en base a aquel, do sistema xudicial. Palabras que se erguían cunha soflama falsamente revolucionaria: “estamos nunha guerra, se queren guerra, terana.”
3. O poder executivo, mentres, mirou para outro lado durante anos (desde o 2015). Lóxico que o fixera o PP, o artífice da Lei Mordaza. Non o é, desde logo, por parte de quen se define de esquerdas dentro dun goberno ‘progresista’ (sic) e que incluíra na súa folla de ruta programática a derrogación de dita Lei.
4. O dito, só coa mudanza de lei se tería defendido de verdade o dereito básico á liberdade de expresión. Un dereito esnaquizado por leis como a Mordaza, pero tamén polas tesoiras invisibles do politicamente correcto e do sectarismo máis endogámico e mediocre. Porque o dereito é inalienable ou non é.
5. Non se defende a Democracia desde a tribuna da violencia, sexa a de Estado, sexa a das rúas. Nin se defende desde a toma de palabra na tribuna da representación, pois a lóxica representativa non incardina a lóxica democrática. Como soubo ver Rancière os nosos sistemas representativos son cada vez máis oligárquicos. Son, cada vez máis, unha orxía de ‘incestos profesionais’; unha reunión de amigos de universidade que alugan -co diñeiro de todos os contribuíntes- diversos establecementos para a súa autoexaltación curricular.
6. Por moita desafección que exista; por moita elevada abstención que teñamos nos procesos electorais...non existe descomposición do sistema representativo. O sistema resiste o golpe e atopa a maneira de compoñerse coas anomalías e os monstros que segrega, xa que crea incluso un espazo para aqueles que pretenden representar aos non-representados.
7. Só unha persoa ignorante, elixida ademais mediante sufraxio universal, diría que non estamos nunha democracia; só outra persoa, deliberadamente maquiavélica, pode dicir que estamos nunha ‘democracia plena’... cando vemos os crecentes segmentos de poboación excluídos das contas, que viven, non xa na marxinalidade, senón na invisibilidade; cando comprobamos que as contas de arriba nunca coinciden coas contas da clase traballadora de hoxe, arrasada pola titulitis, pola imposición dunha falaz meritocracia apta só para determinados segmentos ben acomodados no sistema, tanto representativo como capitalista.
8. Dereitos que se supoñen garantidos nunha ‘Democracia Plena’ (pero que non o están, obviamente):
a. O dereito de acceso a unha vivenda digna (agardemos que a nova Lei de Vivenda o garanta de verdade);
b. O dereito a un traballo digno e a que se garantan e respecten os dereitos a el asociados (será a derrogación da reforma laboral da dereita unha nova promesa nas vindeiras eleccións?);
c. A política de contrabando de persoas ‘estatalizada’ a través de compadreo comercial con Marrocos e outros países: Que foi do peche dos CIE’s? Que foi das devolucións en quente? Que foi dos voos de deportación? Que foi dunha regularización ordinaria acorde á realidade das persoas migrantes que viven aquí? Que foi da derrogación da Lei de Estranxeiría?
d. O dereito á liberdade de expresión, que estoura unha e outra vez polos aires sometido ao corsé lexistaltivo da Lei Mordaza, que instaura un reino de censura permanente, e ao corsé eufemístico e subxectivo do politicamente correcto.
9. No tocante á Lei Mordaza permitirannos recuperar aquí parte do discurso defendido no Parlamento de Galicia o 15 de decembro de 2014, ante a súa recente aprobación no Congreso dominado polo PP de Rajoy. Foi logo dunha emenda que presentamos como deputado de AGE a unha iniciativa do PSdG
(‘u-la coherencia?’ preguntou o trobador. ‘Alhur-la buscade, ca non reside aquí’...xa non existe o rubor ante as verdades da hemeroteca):
“A aprobación no Congreso dos Deputados da chamada Lei Mordaza representa o ataque máis duro que recibe a nosa democracia. O goberno-títere deseña un aparello lexislativo represor para impedir que a indignación cidadá se manifeste nas rúas. Unha indignación que ten todo o dereito, avalado pola Constitución Española, a reivindicar e defender os seus dereitos de cidadanía. Sobre todo cando a perda do traballo, os recortes laborais e salariais, a perda de protección social, a corrupción, as estafas das preferentes e dos desafiuzamentos, os ataques aos servizos públicos son todos eles motivos que levan á cidadanía galega ás rúas. Está en xogo a democracia.
A Lei Mordaza ataca de forma directa os dereitos de reunión e manifestación pacífica e de manifestación (art. 21 CE), o dereito á folga, o dereito de expresión (art. 20 CE) e o dereito da liberdade de expresión (e asociado a el o de liberdade de prensa) (art. 22 CE), amais do dereito á presunción de inocencia (art. 24 CE).
Os Estados teñen a obriga de respectar, protexer e garantir os dereitos consagrados na Constitución Española (CE), na Declaración de Dereitos Humanos de 1948, no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, no Convenio Europeo para a Protección de Dereitos Humanos e as Liberdades Fundamentais e que mesmo figuran na Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea.
En xaneiro de 2013 a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos emitiu un informe sobre boas prácticas para garantir a promoción e protección dos dereitos humanos no contexto de protestas pacíficas. A resolución 22/10 do Consello de Dereitos Humanos da ONU, do que España formaba parte, aprobou, sen votación e por unanimidade dita resolución. E aí dise que a participación en protestas pacíficas é unha maneira importante de exercer o dereito á liberdade de reunión pacífica, de asociación, de expresión e participación nos asuntos públicos. E que o requisito de información non pode significar requisito de autorización, xa que o relator especial sinala que non se debe requerir autorización para celebrar unha reunión pacífica. As directrices da OSCE/OIDDH sinalan que mesmo as reunións espontáneas deben ser legais e son mostra dunha democracia saudable. A falta de notificación non debe de ser un pretexto para a disolución automática nin para a imposición de sancións penais ou administrativas”.
Ademais, a través da disposición adicional décima se daba cobertura legal ás devolucións en quente, unha auténtica barbaridade que desprotexe as persoas e viola DD.HH. esenciais. E o aparello de sancións era/é un auténtico disparate que padecimos nesta era do estado de alarma pandémica.
Por iso, o primeira que debera ter feito este goberno ‘progresista’ (sic) era derrogar esta maldita Lei. Agora non ten sentido ser oposición e goberno ao mesmo tempo. É absurdo. Se se ve que o PSOE é un mero xestor amable do capitalismo e das oligarquías, cómpre baixarse do carro, por dignidade e denuncialo sendo unha oposición belixerante e digna. O resto é fume por conveniencia.
10. Demo...que? A lóxica representativa aproveita o estado de sitio creado polo virus pandémico para aprobar unha lei de educación (LOMLOE ou Lei Celaá) que, como denunciamos no seu momento no noso blog, representa antes unha contrarreacción emocional á Lei Wert. O feito de que se prescinda da participación -real- da comunidade educativa e da sociedade vai adherido á lóxica representativa e actúa en contra da lóxica democrática. Non houbo deliberación, polo que tamén fracasa a Democracia por ese lado. Palidece o dereito a unha educación digna, crítica e emancipadora. Imponse un modelo, edulcorado, pero persistente, neoliberal, para beneficio dos ‘mercados’ e en contra da necesidade de recordar (a memoria) e do saber (o coñecemento). En perfecta sintonía coas estratexias da OCDE e do Banco Mundial. A famosa música das ‘competencias’ emana dese tinglado neoliberal e da tonta e absurda idolatría a quen non sabía nada de educación, David McClelland que, en 1975, lanzou as competencias directivas para o mundo empresarial. A privatización do ensino segue adiante acompañado do bastón de mando do Apostolado Dixital (que ben vive esta secta en tempos pandémicos!). E, por suposto, segue o confesionalismo. Isto todo baixo un goberno ‘progresista’ -claro, certo é que hai algúns progresos fronte a Lei Wert, xa sería o colmo!- que non ten claro nin o propio concepto de Democracia.
11. Outra demostración de aproveitamento da lóxica representativa en detrimento da democrática vén dada pola Lei de Saúde do PP de Feijóo. Se un le con detención a Proposición de Lei do PP (nº rex. 5637, do 19/11/2021) ten a impresión de que se trata, en todo momento, na exposición de motivos, de xustificar as limitacións e restricións a dereitos fundamentais, en definitiva, de atacar a base dos dereitos e liberdade que consagra o texto constitucional: “debe ser a lei a que habilite a inxerencia no ámbito dos dereitos e liberdades e exprese os presupostos e as condicións da intervención”. Resulta curioso que digan que o art. 43 CE fala de organizar e tutelar...cando eles procuran impoñer! (véxase o pto 12 ao art. 34, ou os art. 38.1, 38.2). Xa non somos nin libres para enfermar!! Pero iso, aos ideólogos da dereita tanto lles ten. E, nós, tristes ignorantes, que pensabamos que o máis importante para garantir unha sanidade pública universal e digna, libre de inxerencias privatizadoras, era dotarnos dun orzamento suficiente, de centros ben dotados e preparados, de camas suficientes, de persoal suficiente para atender a realidade galega, de producir e non só adquirir medicamentos e vacinas, etc. Disto...nada de nada nesta Proposición de modificación da Lei de Saúde!!! A lóxica representativa condicionada a lume por unha maioría absoluta fará que non existan informes preceptivos sobre o que representantes sindicais galegos denominan ‘Lei de Excepción’. Por suposto, nesta Lei de Vulneración Consentida de Dereitos Fundamentais, aparece, como non, a idolatría e imposición do Apostolado Dixital, a pesar de que en plena pandemia provocou o empeoramento da Atención Primaria. E, como non, tamén vén todo o aparello represor das sancións, que ocupan a maior parte do texto (art. 41bis, 42bis, 43bis e 44bis) que derivarán na imposición como mínimo da maldita máscara de por vida, como non muden as cousas. O curioso e abraiante é que pense a lei a través dunha xerarquía entre dereitos inalienables: sono todos! Non o que lle interese ao goberno de turno pola súa inoperancia ou deliberada estratexia.
12. A realidade non está consensuada. Está quebrada pola incidencia negativa do sistema capitalista, que ten unhas consecuencias devastadoras para os pobos do mundo. As condicións da humanidade, degradadas, vulneradas, violadas, non se solventan escribindo en positivo. Non. Nin creando unha 'ilusión'. Non. A esperanza só pode vir dun horizonte en que a humanidade se emancipe das cadeas do capitalismo. E iso non é doado. É difícil e duro. E a frustración formará parte do proceso. Só existen contos de fadas nos relatos posmodernistas. Pero baixo as gadoupas do capitalismo non é posible unha Democracia digna, con maiúsculas, forte, si unha democracia en minúscula, sometida aos intereses das oligarquías dominantes.
13. O futuro dirá como se reordena o Estado, se contra os intereses e desexos das oligarquías do capital, coa aplicación de receitas sociais, que afortalen servizos públicos e ben común, ou se a favor desa mesma oligarquía deixando que a débeda pública se coma todo avance en servizos públicos e salarios dignos. Manuel Humberto Restrepo afirma que para "los dueños del mundo (...) el virus resulta estimulante, inclusive para neoliberizar el amor y la muerte, que parecían cosa de poesía. Nada va a quedar estable, pero no por el virus, el capital será aún más liquido (Bauman), más burbuja (Sloterdij), más rizoma (Deleuze), pero en todo caso, más parecido al carbón que se quema en la maquina y desaparece sin dejar rastro (Marx)". A imaxe do rizoma lévanos á hipercultura propia destes tempos de pantalla e órdago dixital (Byung-Chul Han, La hiperculturalidad, 2018), onde nada ten estrutura de proceso, de desenlace e moito menos de horizonte.