Érase unha vez Podemos

Dentro de non moito tempo, os libros de historia contarán que un día existiu un proxecto político chamado Podemos. Un ente que non cesaba de medrar e cuxas cabezas máis visibles, uns tales Pablo Iglesias e Íñigo Errejón, estaban colmados de virtudes e dirixían os designios dunha lexión de seguidores cunha clarividencia estratéxica digna de Nicolás Maquiavelo. Falarán do seu momento fundacional en Vistalegre, do imparable medrar nas enquisas, do cumio de popularidade dos seus particulares Mesías con tirón mediático, á vangarda dun proxecto onde todo era paz e amor, enchido de consensos e unanimismos no partido que aseguraba estar chamado a levar o espírito do 15M cara ás institucións. 

Eles contarán que a estrutura de oportunidade era favorable, ao tempo que confluía unha adversa conxuntura económica, adobiada dun ciclo de protesta alto e cunha cuestión catalá onde enquistamento e endurecemento eran xa perceptibles no horizonte. Unha treboada perfecta que se vía acompañada dunha axeitada elaboración de marcos discursivos, atinados ao momento e non exentos de substantivas doses de demagoxia, pasando a ser o emotivo e irracional un aspecto constitutivo no cerne e visión política de Podemos, botando man da sofisticada “razón populista” do teórico político postmarxista Ernesto Laclau e da súa colega de investigación, e cónxuxe, Chantal Mouffe. A vaga era imparable e todo destilaba euforia e optimismo. O tan anunciado “asalto aos ceos” tan só era cuestión de tempo.

Darán conta da chegada dos éxitos electorais, a confirmación das tendencias demoscópicas, a presenza en instancias representativas, a intimidade co poder oficial, o despegue sen paliativos que avivou as ínfulas de devir partido de masas e que precipitou a toma de grandes decisións chamadas a marcar o rumbo da nave podemita. Contarán que no momento máis delicado as opcións elixidas non puideron ser menos atinadas, renunciando a construír unha organización propulsada desde a base, movida coas inxentes enerxías cinéticas sociais que xeraban os círculos. Impúxose o verticalismo, con secretarios xerais locais omnímodos rodeados de fieis palmeiros conformados en consellos cidadáns, aínda que sen unha efectiva organización capaz de impactar sobre a cidadanía. En paralelo, a maldición do reparto de postiños, privilexiando sempre fidelidade, que non competencias, reproducindo mimeticamente os esquemas de “partidos vellos” que se dicía abominar.

E contarán que, quizais, a situación tería sido ben outra se Podemos optase por limitar os poderes da dirección. Se apostase por fórmulas de democracia interna susceptibles de garantir a representación de todas as familias e sensibilidades. Se non se condenase ao ostracismo a críticos e refractarios íntimos. Se non fose instrumentalizada a soberanía dos inscritos en consultas maniqueas ou carentes de alternativa. Se nalgún momento se puxeran límites ao desenvolvemento de lóxicas burocráticas aniquiladoras da pluralidade. Se a proximidade co nunca discutido líder e o seu inmediato círculo de confianza non se erixise en criterio para a asunción de responsabilidades e exercicio de dominación sobre o grupo. Ou se a autocrítica fose digna de tal nome, deixando de botar balóns fora e xustificando males propios en conspiracións e variables extra muros. Paseniño, as que se presentaban como extraordinarias mentes politolóxicas non fixeron senón neutralizar todo o que nalgún intre capacitou a tan particular proxecto para concursar con garantías na disputa do poder do Estado.

Os historiadores falarán dun partido onde se consumía o groso do tempo, azos e recursos en loitas internas para manter a hexemonía da caste de Iglesias, e non en organizar un proxecto minimamente consistente, crible e con prolongacións veraces a pé de rúa. Dentro deste magma, modestas prestacións electorais, fracaso negociador co PSOE de Pedro Sánchez e nova convocatoria de eleccións xerais mediante, o errejonismo paría Máis País, vertente de seudo excelencia e face amable fronte ao lado escuro que representa Iglesias. Aquel mundo feliz de Podemos tan só era acordanza e para colmo o xoguete terminou por partirse. Xurde deste xeito un Podemos II composto por damnificados, esquecidos e refugallos da versión xenuína, onde se conxuga ao tándem Laclau-Mouffe con Gramsci e Negri, non sen antes pasar polo estruturalismo lacaniano, para conformar un designio menos romántico e máis funcionalista dirixido a un electorado de esquerdas moderado. 

No caso de Galicia, os libros, posiblemente, farán alusión ás teses formuladas por Alain Deneault no seu La Médiocratie, que dá boa conta de como nesta época ten cristalizado o fenómeno do goberno dos mediocres, consolidados como franxa vitoriosa ao servizo do poder. Para medrar basta con ser submisos, acatar as normas, reverenciar ao líder e non deixar de mirar cara outro lado cando este e o seu equipo non cesen de meter a zoca. Con exemplos abondo, falarase do imperativo en Podemos Galicia de seguir o xogo dunha organización que esixe unha mediocridade expansiva, susceptible de expulsar aos mellores en aras do unanimismo interno, aínda a risco de condenar a propia supervivencia da organización. Os historiadores concluirán así a non existencia organizativa de Podemos Galicia, colixindo estar diante dunha mera etiqueta instrumentalizada por uns elixidos que renunciaron a calquera lóxica de agrandamento e fixeron repousar a acción sobre o terreo en mans das mareas municipalistas, iso si, a cambio de manter nos postiños de saída para Madrid aos amiguísimos de Iglesias e gardar unhas cotas respectables de elites podemitas no hemiciclo de Santiago. 

É posible que Ourense, terceira cidade do noso país, sexa posta como exemplo de irrelevancia, dando conta do secuestro da entidade a mans dun secretario xeral (ou comisario político) e tres -e medio- fieis secuaces, conformados en consello cidadán, resultando un círculo despoboado, case inerte, ineficaz a todas luces, sen presenza nin visibilidade, incapaz e sen ambición, sen estratexia nin perspectivas, sempre a velas vir, xustificando a súa insignificancia e desventuras en cuestións extemporáneas e, por suposto, sempre alleas. Fatal determinismo que nos levas! Que se pode facer, claro? E iso que aí non faltan recursos humanos, boa xente, perfís axeitados, ideas e forza, e moita! Pero Ourense pasará á historia como exemplo flagrante de apadumamento e extenuación de quen non comulga coa fe ortodoxa podemita, onde iniciativa, capacidade, motivación e crítica son inmediatamente sospeitosas e cualificadas de sediciosas. As crónicas falarán dun proxecto de gran potencial que entre todos o mataron pero que el soíño morreu. “Érase unha vez Podemos”, dirán. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.